30/11/12

Semana contra a violencia de xénero: Olympe de Gouges



É sabido que no século XVIII  alumeáronse en Europa algunhas ideas decisivas para o mundo contemporáneo: novas formas de organización política, a fin dunha vella orde social, o afianzamento do capitalismo, a confianza na razón, na ciencia e no progreso. Todas elas tiñan orixes máis remotas (ou máis ou menos próximas), pero condensáronse dunha maneira definitiva naquelas datas. Do repuxón intelectual dese século vivimos os dous seguintes: a favor, en contra, con matices, con críticas…

A francesa Olympe de Gouges viviu nese século duro e apaixonante. Filla ilexítima dun nobre, naceu nunha familia cun pequeno negocio nunha cidade do sur, afastada por completo de calquera preocupación intelectual, que lle forneceu a Olympe unha infancia desafogada e as armas de supervivencia social para unha muller habituais no seu medio: o matrimonio. Sen embargo, aproveitando ben as circunstancias dramáticas e as relacións que lle foron saíndo ó paso, cun gran desexo de saber, alimentado por anos de lectura semiclandestina (o normal era que a meirande parte das mulleres non soubesen ler), Olympe fíxose co control da súa propia vida. Aquí reside, dende o meu punto de vista, a gran modernidade desta muller. É especialmente coñecida pola súa Declaración dos dereitos da muller e da cidadá no contexto da Revolución francesa, documento que senta as bases claras da loita pola igualdade dos dereitos das mulleres, pero é na súa vida persoal, intelectual e política onde se manifesta enteiramente contemporánea: libre no persoal (logo de enviuvar, ten unha rica vida afectiva e sexual sen volver a casar), aberta ás correntes intelectuais do seu tempo, labra unha carreira como autora teatral sen complexos, defende as causas que considera xustas con paixón (a fin da escravitude, o dereito da muller ó divorcio…) e participa na vida política cunha independencia de criterio e unha coraxe digna de admiración nos tempos actuais, enfrontándose a cantos poderosos foron xurdindo nos anos da revolución, o que a conduciu directamente á guillotina, ese hixiénico invento francés para cortar cabezas.

A enteira reivindicación da súa figura estase a producir tardiamente na sociedade francesa. E desa recuperación chéganos a nós a magnífica novela gráfica  OLYMPE DE GOUGES, dos debuxantes Catel Muller e José-Louis Bocquet, que vos convido a ler. Un auténtico pracer.

Xoan González Leirós. 

28/11/12

Semana contra a violencia de xénero: Olimpita


Olimpita traballa co seu home no mercado da Abacería de Barcelona, é vítima de malos tratos continuados desde hai ben de tempo. Olimpita non quere falar. Olimpita obedece. Obedece na casa e obedece no posto do mercado. Olimpita pasa dos insultos aos piropos, dos golpes aos aloumiños e así vai tirando.

Ass é un inmigrante africano que vén de deixar atrás a súa familia. Busca traballo, vivenda, amigos. Busca alomenos que o miren, que alguén lle fale como a unha persoa.

Os camiños se cruzan, Olimpita e Ass, Ass e Olimpita. Primeiro palabras, logo desexo/necesidade: sexual, humano, de compartir carencias, quen sabe... na vida poucas cousas son brancas ou negras aínda que no seu caso e así.

Buscar nos beizos de Ass a fuxida do medo, do tempo que pasa sen que nada cambie. Buscar en Olimpita a muller que quedou lonxe, un traballo, un contacto humano.

Mentres, os ciúmes do home, a violencia en aumento... todo ata chegar a un final tan tráxico e terrorífico como inesperado. E non conto máis, tédelo na nosa biblio, a ver que vos parece.


26/11/12

Semana contra a violencia de xénero: La biblia envenenada


La biblia envenenada de Laura Kingsolver narra a historia dunha familia; o pai Nathan Price é un predicador baptista que solicita ser destinado a unha aldea do Congo xunto coa súa muller Orleanna e as súas catro fillas, Rachel, as xemelgas Leah e Adah e a pequena Ruth May. De fondo a historia recente do Congo: as postrimerías da época colonial, a súa independencia de Bélxica en 1960, a elección de Patrice Lumumba como primeiro ministro e a súa destitución, arresto, fuxida e execución despois dun corto mandato e a instauración do réxime ditatorial de Mobutu promovido polos EEUU.

Pero se hoxe vos falamos deste libro non é polo que poda ter de novela histórica, nin para falarvos da súa prosa poética lixeira, ni da súa estrutura en  que cada capítulo é narrado por unha das cinco mulleres protagonistas, senón porque a historia da familia Price é unha historia de maltrato onde podemos ver as diferentes reaccións e secuelas que éste causa en cada unha das compoñentes femininas do núcleo familiar.

Nathan Price é un home violento que como portavoz do seu Deus crese sempre en poder da razón. Marcha a África cheo de soños evanxelizadores que tentará levar a cabo establecendo a mesma relación de poder que ten coa súa muller e fillas.

A través de Orleanna, a nai, coñeceremos o comezo da historia de parella e o inicio das humillacións e malos tratos. Nela o sentimento que perdurará será a culpa, da que non conseguirá desfacerse nin sequera tralo abandono do seu home.

Rachel é unha adolescente frívola que tenta suplir con valores materiais a falta de amor. Leah adora ao seu pai tentando sempre obter a súa aprobación, Adah, a súa xemelga hemipléxica, recárgase co odio e o resentimento e loita pechándose sobre si mesma e a pequena Ruth May é unha nena que observa e intenta entender o que ve.

O futuro fará que Rachel se converta nun ser egoísta que non dubida en venderse ao mellor pagador. A adoración de Leah transformarase en decepción da que tentará fuxir vivindo a súa vida como unha sorte de expiación e Adah emerxerá do seu illamento lentamente. Ruth May será o detonante que iniciará o cambio de rumbo na súas vidas. E o único nexo que perdurará para todas será África.

Moi, moi recomendable.

22/11/12

Semana contra a violencia de xénero: O que se esconde baixo o niqab.


  
  Recomendamos a novela gráfica de Pedro Riera e Nacho Casanova, titulada "El coche de Intisar. Retrato de una mujer moderna en Yemen" (Glenat, 2011), porque mostra a realidade dun país islámico onde os homes teñen o poder sobre as mulleres, onde a "violencia estrutural" está presente amparada polos costumes e polas tradicións establecidas, onde as mulleres necesitan do consentimento dun home da familia (pai, irmá, marido, tío...), o wali  ou guardián, para facer calquera cousa, supeditadas a eles, impedindo que fagan uso da súa liberdade e capacidade de decisión.



 Porén, este libro tamén nos mostra que a pesar das diferenzas, temos cousas en común que nos unen, e acabamos disfrutando con este personaxe que non se rinde e se empeña en conquistar a súa propia liberdade. Intisar é unha muller de ficción, construída polos autores a partires das historias de mulleres reais, que coñeceron cando viviron en Yemen un tempo e quedaron sorprendidos por unha sociedade onde impera a segregación ou separación de homes e mulleres. Esta imposición é, con claridade, un tipo de violencia de xénero.




Semana contra a violencia de xénero: Quiéreme bien!


“A violencia contra a muller é quizais a máis vergoñosa violación dos dereitos humanos. Non coñece límites xeográficos, culturais ou de riquezas. Mentres continúe, non podemos afirmar que avanzamos realmente hacia a igualdade, o desenvolvemento e a paz”
Kofi Annan.

Esta fermosa cita  encabeza o Blog Mujer sin cadenas que ten entre os seus obxectivos visibilizar a problemática da violencia contra as mulleres e difundir recursos e enlaces de axuda cara a promover  unha cultura de equidade.

Citamos este blog pois nel atopamos unha entrada sobre o cómic do que vos queríamos falar: "Quiéreme bien. Una Historia de Maltrato” de Rosalind B. Penfold (Lumen 2006) con motivo do Día Internacional da eliminación da violencia de xénero o 25 de Novembro.



Eliximos este cómic polo seu carácter preventivo ao contarnos a vida real de Rosalind B. Penfold, seudónimo que utiliza esta muller canadense para contar a súa historia a través de debuxos que ela mesma facía ás agachadas para desafogarse, mentres vivía un drama real e cotiá que se repite con patróns moi parecidos na intimidade de moitos fogares.

Deixamósvos o enlace ao blog (premede no nome) onde podedes  apreciar as viñetas deste cómic e os trazos que caracterizan unha relación destrutiva e así poder aprender e alertarnos cara evitar este tipo de relacións.

Irma.

20/11/12

Semana contra a violencia de xénero: Non aos vampiros machistas

Durante os vindeiros días as entradas deste blog, en conmemoración do Día contra a violencia de xénero que se celebra o domingo, xirarán ao redor dos tema da coeducación, sexismo e a violencia e discriminación contra as mulleres.

E decidimos comezar pola saga de moda e os valores que trasmite...


Camiseta da campaña
Portada de Crepúsculo

O Concello de Pontevedra vén de facer pública a campaña municipal do 25 de novembro, Día contra a violencia de xénero. Dirixida aos máis novos/as, aproveita a estrea da derradeira entrega cinematográfica da saga Crepúsculo para convidalos a reflexionar sobre os valores que se inculcan nestes libros.


Dende a súa publicación no 2005, moitas voces teñen alertado sobre os roles que desempeñan mozos e mozas nesta saga, subliñando o papel de sumisión da muller e de agresión e control dos homes sobre elas.

Liches Crepúsculo? Que che parece Bella Swan? Pensaches algunha vez nela... fóra dunha historia de vampiros?

16/11/12

Sesión Terrorífica de lectura polo Samaín


Para celebrar o Samaín realizamos unha Sesión Terrorífica de Lectura na nosa biblioteca; era a primeira actividade deseñada polos MQs (os que continúan e as novas incorporacións) este curso.

Ana, Itziar, Karen, Sofía, Iria, Nerea, Samuel, Gwen e Nuria foron os encargados de meternos o medo no corpo e o resto elaboraron unhas espeluznantes invitacións e decoraron a nosa Calixtina.

Os relatos escolmados foron:"Sobre a morte do Bieito" de Rafael Dieste, "Eu fixen ouigha co espíritu de Castelao" do libro "Made 
in Galiza" de Sechu Sende e "O xogo da guerra" extraído de "Vento ferido" de Carlos Casares que podedes escoitar neste podcast.

6/11/12

Unidade didáctica de Educación Documental Dixital


O pasado curso o equipo da B.E. decidiu dar prioridade á formación de usuarios. Durante o  primeiro trimestre impartimos a formación de usuarios tradicional como xa vos comentaramos noutra entrada o que nos fixo máis conscientes, se cabe, da necesidade de complementala cunha formación dixital. 

Xunto con outras seis compañeiras/o formamos un grupo de traballo que deu como resultado a unidade didáctica titulada "Caderno de Bitácora" que foi seleccionada para ser publicada na revista do CEFORE antes de que esta sufrira tamén os temibles recortes e desaparecera...

O dobre sentido que palabras como rede ou navegar adquiriron coas novas tecnoloxías deudos xogo para empregar títulos mariñeiros e ilustrar a unidade con obras do pintor galego Urbano Lugrís. 

Folga dicir que está ao dispor de calquera que a precise e que podedes acceder desde a páxina web do noso instituto ou premendo no seguinte enlace.

Na parte final, como resumo do que debe ser un bo uso da rede, o noso compañeiro Raúl creou a letra dun magnífico Rap da navegación que foi interpretado por algúns dos nosos/as alumnos/as.


Nós estamos a puntiño de zarpar, queredes compartir a experiencia desta nova viaxe connosco? 

4/11/12

Tamén len... con Clara Ojea


A primeira sesión do Tamén len deste curso tivo lugar o venres 26 e a nosa convidada foi Clara Ojea, mestra do Colexio Altamira.

Clara leunos un capítulo de "Cartas a Lelo" de Xosé Neira Vilas, concretamente o titulado "Lume".

Entre os asistentes atopábanse numerosos alumnos de 1º ESO xa que Clara foi a súa titora o curso pasado; para mostra as presentadoras: Nuria, Cristina e Judith.

Despois da lectura e de que David Ucha (2ºA) e Pablo Rodríguez (1ºA) nos deleitaran coa interpretación dunha peza musical, tivo lugar a habitual rolda de preguntas. O alumnado preguntoulle a Clara pola súa vocación de mestra, polos destinos donde dera clases e polas súas trasnadas cando alumna...

Non podiamos ter comezado mellor, grazas Clara e ata pronto.