25/1/15

MARCOS GÁNDARA NO TAMÉN LEN

Este pasado xoves 22 de xaneiro estivo entre nós Marcos Gándara, antigo alumno da 1ª promoción que cursou 4º ESO no IES Pedras Rubias. Dende aquela xa tivo tempo de estudar a carreira de Historia Contemporánea, Estudos americanos e Arquivística, facer un Máster de "Xestión Cultural" en Lugo e mostrar inclinación por diversas actividades. Na actualidade leva xa varios meses contratado polo Concello de Salceda para dinamizar varios proxectos culturais: ampliación do Arquivo da Imaxe (do que se está a crear unha páxina web onde colgar cantas imaxes se poidan recoller a través de todas as persoas que queiran contribuír para rescatar o patrimonio fotográfico local), ou posta en marcha dun Club de Lectura vinculado á Biblioteca Municipal, para o que nos pedira asesoramento e exemplares de libros á Biblioteca Escolar do noso Centro; intercambio de ideas que fixemos e seguiremos a facer gustosamente. 




















Colabora en prensa (Galicia Confidencial) e revistas online, como Iwrite magazine, Hypérbole magazine; escribindo artigos sobre cultura, historia, futbol...; ademais de ter publicado tamén algún relato de ficción. Deste xeito, para compartir connosco elixiu un relato da súa autoría, que fixera por encargo, titulado "Volver a empezar" onde conta unha historia no contexto dunha sociedade de futuro indesexable, distópica. Podemos dicir que é una persoa inquieta, crítica e comprometida e que sabe mover o público e cuestionalo sobre a lectura que escoitamos, falando sobre as sociedades hipercontroladas, compartindo deste xeito un recreo moi interesante. (Deixamos enlaces ás revistas e ao relato clikando enriba deles).




A presentación do acto -como non-  correu a cargo de varias Siareiras da Palabra do noso Club de Lectura: Alba e Lucía, e das notas do 2º movemento de  "O inverno" de Vivaldi, interpretadas tamén por membros do noso Club: Bieito, Pablo, Carmen e Camila, trombón, trompa e flautas. Houbo un amable e nutrido público atento ao acto, a quen agradecemos sempre a súa presenza incondicional.

20/1/15

BO TRATO: CONTRA TODO TIPO DE VIOLENCIA // EN DEFENSA DA CONVIVENCIA PACÍFICA ENTRE IGUAIS

No trimestre anterior comezamos a andaina para promocionar o BO TRATO, primeiro contra a violencia machista, agora en defensa dunha convivencia pacífica que respecte a diversidade e a igualdade, e seguiremos esta liña vermella en febreiro para reflexionar sobre o sentimento e a experiencia do BO AMOR.



-EN DECEMBRO, no corredor creamos un espazo de BO TRATO, onde desgranar os conceptos esenciais relacionados sobre os que traballar: igualdade, respecto, dignidade, 
liberdade, compromiso, benquerencia, amizade, compañeirismo, cooperación, feminismos, asertividade, empatía, equilibrio, comprensión...

e a un lado deixamos o espazo que iremos armando coas fotografías feitas de cada grupo de alumnos e alumnas, por curso, ademais de unir a elas as do Club de Lectura e a das persoas adultas que traballamos neste Centro de Ensino: conserxe, administrativo, profes, encargada da cafetaría..., para poñer en evidencia o noso rexeitamento ante o maltrato, pero dende unha postura positiva como é a promoción do bo trato. Así cada grupo reflexionou sobre este asunto e chegou a unha idea, un eslogan ou  unha imaxe nas que basear a súa posta en escena comprometéndose todas e cada unha das persoas que aquí convivimos. Será agora en Xaneiro cando deamos colocado cada unha das fotografías ampliadas para completar o noso muro do BO TRATO. Por suposto que tamén creamos, a carón, un punto atractivo e cómodo para poder ollar os diferentes libros e filmes que recomendamos relacionados con esta temática.

-EN XANEIRO, e dado que estamos sendo asaltados por feitos violentos cada dous por tres, non queremos deixar pasar a ocasión de sensibilizarnos, implicarnos e facer unha reflexión a través dun CONCURSO DE VIÑETAS: UNHA OLLADA Á PAZ.


CONCURSO DE VIÑETAS
PARA UN XANEIRO DE PAZ


A biblioteca calixtina convoca:

Viñetas: unha ollada á paz


relacionadas:

 coa defensa da paz, do respecto, da liberdade de expresión, da convivencia na diversidade, da capacidade de ser críticos e de ter as mentes abertas, de defensa e valoración do humor gráfico

bases:

quen así o desexe pode presentar unha viñeta de creación propia, orixinal, con liberdade de estilo, nun formato sobre papel (ou calquera outro material) de tamaño a4, Baixo pseudónimo escrito por detrás do traballo e os datos persoais (nome completo e curso) en sobre pechado só co pseudónimo (nome falso) por fóra.

prazo:

entregaránse(traballo e sobre) nos recreos na biblioteca ao longo deste mes de xaneiro e ata o día 29, para poder ser expostos

o día 30 de xaneiro, día internacional da paz

1º premio: -agasallo dun libro ilustrado ou de bd.

Animádevos a participar!!!!



-EN FEBREIRO, seguiremos esta liña de actuación para educar no BO AMOR, e facer unha necesaria análise do sentimento amoroso e os seus usos e abusos, malentendidos, sufrimentos, dependencias, etc.; coa finalidade de aprender a vivir os nosos sentimentos e paixóns dun xeito -a poder ser- equilibrado. Faremos un mural da "FÍSICA E QUÍMICA DO AMOR" e convocaremos para a ocasión un CONCURSO DE FÓRMULAS DE BO AMOR, para exercitar a expresión escrita.

11/1/15

UN PASEO POLA HISTORIA, A ARTE E A CULTURA A TRAVÉS DAS VISITAS AO CAMIÑO DE SANTIAGO, AOS PAZOS DE SALCEDA E A HOMENAXE AOS MÁRTIRES DE SOBREDO.


         Como o curso pasodo estivemos a traballar seguindo a senda que nos marcaron as Viaxes, pensamos que sería boa idea realizar no blog da BE un relato sobre as Saídas ou Actividades Complementarias e Extraescolares, que se fixeron dende diferentes Departamentos e que están moi arraigadas.

Que non poideramos facelo antes non é obstáculo para deixar constancia de actividades que funcionan moi ben todos os anos e que permiten a relación coa contorna e o achegamento ao noso patrimonio histórico-artístico. Ademais de estar en débeda co alumnado que participou daquela. Publicamos ao mesmo tempo estas 3 últimas entradas sucesivas e relacionadas.


         Destacamos pola súa importancia, boa dinámica, aproveitamento e interese para o alumnado, tres actividades que dalgún xeito nos levan a viaxar ao pasado e dende hoxe a comprender e valorar feitos históricos e artísticos que forman parte da nosa cultura. Sexa o caso do CAMIÑO DE SANTIAGO ou, a nivel local, o caso da visita aos PAZOS DE SALCEDA DE CASELAS e a HOMENAXE AOS MÁRTIRES DE SOBREDO.

         Os motivos didácticos e pedagóxicos que nos levan a organizar actividades complementarias e extraescolares para o alumnado son:

         -Contribuír ao desenvolvemento integral da persoa.
         -Potenciar as capacidades específicas de cada alumno/a,
          complementando as actividades curriculares.
         -Favorecer a convivencia, non só entre o alumnado, senón tamén entre
          alumnado-profesorado e coa contorna.

                           -------------------------- * ---------------------------

         -O CAMIÑO DE SANTIAGO é unha actividade organizada no 1º Trimestre para o nivel de 3º ESO, dende os Departamentos de Educación Física, Relixión e contando coa colaboración de CC.SS. É unha saída voluntaria de 2 días, fóra do horario lectivo, facendo dúas etapas do Camiño e a visita ao teito da Catedral de Santiago de Compostela.

         -A visita aos PAZOS DE SALCEDA DE CASELAS é unha actividade pensada para 4º ESO, que todos os anos visitan os Pazos de Picoña, Avalle e Pegullal, da man do Departamento de CC.SS. 

         -A HOMENAXE AOS MÁRTIRES DE SOBREDO trátase duha actividade interdisciplinar de 4º ESO, que serve de marco de convivencia porque é compartida cos  institutos de Tui: San Paio e Indalecio Pérez Tizón, e co alumnado de 6º do CEP. Altamira de Salceda. Ademais de ser organizada polos Departamentos de CC.SS. e Lingua Galega dos Centros mencionados, xa que se trata dun acto histórico-literario, onde están presentes textos e poemas alusivos e comprometidos coa situación do campesiñado e do agro galego.

Visitar os Pazos e Sobredo é un perfecto complemento e sírvenos para destacar a importancia do estudo da situación do campesiñado suxeito a foros e ao redor do papel da fidalguía, os señores dos Pazos; que traballamos neste 1º trimestre e permite entender uns feitos históricos relacionados entre si, e que conformaron a sociedade e a economía do lugar nun pasado cercano.


O CAMIÑO DE SANTIAGO: UNHA CRÓNICA

3º ESO. OUTONO 2013



            O día 24 de outubro partimos do IES Pedras Rubias hacia Arzúa. O traxecto durou sobre unha hora e media e deixounos algo máis adiante de Arzúa, pois chovía. O Camiño foi divertido, aínda que cansado e a chuvia non axudaba para nada. Afundíanse os pés na terra e os charcos semellaban ríos, ata as botas de montaña estaban enchoupadas (máis que botas eran peceiras)
            A xente que pasaba ao noso carón desexábanos “Boa Viaxe” ao que respondiamos “Igualmente”. Cando por fin logramos chegar ao albergue, duchámonos e cambiamónos. A cada un outorgáronnos unha cama e... contaron a tres de menos! Polo que dous compañeiros e maís eu tivemos que durmir con xente descoñecida pero moi simpática. De feito falamos cunhas mozas taiwanesas en inglés con moita graza. Tamén había andaluzas e un señor novazelandés e outras rapazas de Astorga.
            Algúns polo tarde saíron a visitar un pouco o lugar, namentres outros nos quedamos no albergue, pois había wifi, je, je...



Á hora de cear fomos ao bar-restaurante e a cada quen puxéronos o noso prato. Había dúas opcións: pasta ou filete. Terminamos de cear e regresamos ao albergue para deitarnos cedo. Ao día seguinte tivemos que amencer ás 7h da mañá para almorzar e partir de novo. Esta vez houbo maís sorte e non choveu, incluso saíu algún raio de sol. Comezamos o camiño e nun punto déronnos un bocata e de seguido continuamos. Cando faltaban dous quilómetros, o que máis e o que menos estaba morto de cansazo e ese par de quilómetros fixéronsenos eternos, pero cando chegamos sentimos a gloria e tirámonos no chan (literalmente). Comimos no Claustro Maior todos xuntos e despois nos deixaron deambular por Santiago un rato, ata que volvimos a reunírmonos para facer unha visita guiada aos teitos da Catedral. Volvimos ao autobús de camiño ao noso fogar e moitos pensamos: Al fin!, pero maís que pensalo dixémolo.

Alba Fernández López. 3ºB.
Fabiola Pérez López. 3ºA.

4º ESO VISITA OS PAZOS DE SALCEDA


PICOÑA, AVALLE E PEGULLAL


         Todos  os anos, no IES Pedras Rubias, organizamos unha actividade complementaria que consiste nunha visita aos Pazos de Picoña, Avalle e Pegullal, unha actividade que quedou fixada dada a súa importancia para o coñecemento directo do patrimonio monumental, cultural e histórico-artístico de Salceda de Caselas.
Está destinada ao alumnado de 4ºESO, organizada polo Departamento de CC.SS. e traballada na materia de Historia Contemporánea en relación ao tema da fidalguía, da propiedade da terra e das explotacións agrarias na Galicia moderna e contemporánea. Así mesmo permite un achegamento práctico ás formas da arquitectura barroca galega aplicada a estas construcións rurais pacegas, ou Casas Grandes.


A súa posible realización debemos agradecela á amabilidade das familias propietarias de cadanseu pazo, e ao papel de intermediario e de guía excepcional do mestre Manuel Prego Español, que cada ano –incluso xubilado- ten unha resposta afirmativa para nós e é quen de acompañarnos e sorprender ao alumnado coa súa información privilexiada, procedente do traballo de investigación sobre os pazos locais da súa autoría, que foi publicado polo Concello. ("Unha ollada á Historia de Salceda de Caselas")
O sentido da visita é activo e participativo por parte dos alumnos/as que teñen que cubrir in situ os datos dunha Ficha de Traballo elaborada polo propio Departamento de CC.SS., que lles permite fixar a atención e facer o seguimento das explicacións que lles van desvelar o significado de escudos e linaxes, formas arquitectónicas e escultóricas, tipo de explotación, modos de vida, pervivencia e actual función destas propiedades, estado de conservación, etc.
O achegamento ao outro lado destes muros, descobre para eles unha realidade fascinante e exclusiva, tanto no caso da “deconstrución” do Pazo da Picoña, obxecto da herdanza repartida (partixas) que levou á súa deteriorización e á aplicación de materiais propios do “feísmo galego” pemitidos ao longo do tempo; como no caso do coidado estado de conservación e uso dos Pazos de Avalle e Pegullal, que son mostra do aproveitamento para explotacións de vide ou de kiwi, respectivamente. Como nos comentaba a actual propietaria de Avalle, cando a súa familia decidiu comprar este pazo coas súas terras, o que lle deixaron foi un novo modo de vida, que valora extraordinariamente e ao que se adaptou encantada.



Queremos compartir con vós esta viaxe ao pasado da nosa localidade e difundila como actividade que reporta un desenvolvemento de competencias básicas a partir do coñecemento e valoración da realidade cercana.
Achegamos a Ficha de Traballo e un resumo da información relativa a cada pazo.



HOMENAXE AOS MÁRTIRES DE SOBREDO




   A HOMENAXE AOS MÁRTIRES DE SOBREDO trátase duha actividade interdisciplinar de 4º ESO, que serve de marco de convivencia porque é compartida cos  institutos de Tui: San Paio e Indalecio Pérez Tizón, e co CEP. Altamira de Salceda. Ademais de ser organizada polos Departamentos de CC.SS. e Lingua Galega dos Centros mencionados, xa que se trata dun acto histórico-literario, onde están presentes textos e poemas alusivos que evidencian a problemática situación vivida polo campesiñado e o agro galego, ao que lle adicamos un par de horas dunha fría mañá de outono.

         Todos os anos, coincidindo coa data do 28 de novembro, facemos unha lembranza dos feitos acontecidos a poucos quilómetros de nós, nun día 28 de novembro do ano 1922, relacionados coas loitas agrarias de comezo do século XX, que demandaban a Abolición ou a Redención dos Foros e que provocaron diversas represións co resultado, neste caso, da morte de tres campesiños/as e numerosos feridos, conmemorada cun MONUMENTO aos Mártires de Sobredo levantado en 1932 na época da II República por iniciativa das Sociedades de Agricultores e Gandeiros e os Sindicatos Labregos e Obreiros, demolido na represión falanxista no contexto da Guerra Civil de 1936, e recuperado en 1987 coa chegada da democracia. Espazo onde nos reunimos e relatamos o noso respecto ás vítimas da represión. Dita conmemoración permite á mocidade participar nun acto singular, nun lugar da memoria popular, nun acto de loita pola dignidade das persoas e por un mundo maís xusto e solidario.
            Tamén nos acompañan o mestre Paco González e Darío Vila Costas, o tesoreiro do Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo (IEAMSO), que porta o estandarte da parroquia de Parderrubias, o único que se conserva do municipio. Data de 1913 e pertencía a Sociedade obreira e agrícola de Parderrubias e foi doado por un emigrante do lugar en Río de Xaneiro. Dende 2012 temos un acordo de colaboración co citado IEAMSO, aprobado en Claustro.

         Serve para saber que pasou e recuperar a nosa memoria histórica, como era a vida dos nosos devanceiros, como era a política e a sociedade do momento, cales eran as condicións de vida e o esforzo colectivo que fixeron. E o recordamos mediante textos históricos, poemas, música e flores, nun acto sinxelo pero cheo de significado.
         Están as palabras e versos de Rosalía de Castro, de Ramón Cabanillas, de Luís Seoane, Curros Enríquez, Álvarez Caccamo, Antón Avilés de Taramancos, Manuel Rivas, Manuel Portela Valladares, Tomás Rodríguez Sabio, e incluso os versos dun antigo alumno do IES Pedras Rubias: Brais González.



         O remate consta dunha ofrenda floral onde cada un de nós deixamos un caravel  ao son da Marcha do Antigo Reino de Galicia, interpretada en directo para a ocasión por un grupo de alumnos/as que tocan gaitas, tambores, pandeiros, panderetas, etc. Seguidamente é interpretado e cantado con solemnidade por todas as persoas presentes o Himno de Galicia.
Pero aínda queda un momento para disfrutar da charla e do intercambio de pareceres facendo a homenaxe culinaria ás exquisitas roscas das que damos conta nun pispás.



2013-11. 016. Rosa dos ventos. Sobredo 067 from biblosvivos on Vimeo.



2013-11. Sobredo. 066 from biblosvivos on Vimeo.



2013 Sobredo 068 from biblosvivos on Vimeo.



2013-11. Sobredo. from biblosvivos on Vimeo.



2013-11 Sobredo. from biblosvivos on Vimeo.

8/1/15

PREMIO ONDAS A PONTE... NAS ONDAS!

Non queremos deixar de facer unha mención especial dende este blog -aínda que xa foi concedido en decembro de 2014- ao premio Á MELLOR COBERTURA INFORMATIVA acadado pola actividade de Radio Escolar, PONTE... NAS ONDAS!, que durante 20 anos mantivo un programa radial a través das ondas, en diferentes centros educativos de ensino primario e secundario, na fronteira de Galicia e Portugal, entre eles no CEP Altamira e no noso IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas, sostido pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... Nas Ondas!


 A intención ou obxectivo ao longo do tempo foi e é rescatar e difundir un rico patriminio oral, o Patrimonio Inmaterial transfronteirizo galego-portugués; laboura sostida pola iniciativa de mestres e profesores, e a participación dos escolares dos dous lados do Río Miño que aprenderon o uso dun medio tan entrañable, cercano e efectivo como é a radio, onde a palabra é instrumento fundamental de traballo. Ao longo de todo este tempo compartiron música, contos, teatro, xogos tradicionais...e máis; sempre coa intención de trasmitir a nosa cultura galega, portuguesa, brasileira, angoleña, mozambicana..., dende a conexión coa actualidade, e en contacto con outros pobos e outras culturas.