8/11/26

CLUB DE LECTURA DE PROFES

  Neste trimestre propúxose a escolla entre varias obras en galego de narrativa actual. Escolleuse O silencio non arrola de Adrián Noia, gañadora do Premio SELIC de Creación Literaria 2025. Deixamos aquí o que María López Sández comenta sobre a novela no prólogo (do que ela é autora).

«A través da ollada de Sara a novela de Adrián Noia articula unha procura que é ao tempo íntima e colectiva. Canda a ela, unha liña de mulleres unidas por esa interrupción: Encarnación, envolta nunha morte nunca explicada; Fina, depositaria dunha memoria que xa non pode expresarse; a nai, que conserva apenas ecos; e Sara, que herda non tanto un relato como a necesidade de construílo. Nesa cadea recoñecemos unha das dimensións máis fondas da memoria histórica: non só o que foi silenciado, senón o modo en que ese silencio se transmite, se incorpora, se fai corpo. A historia familiar convértese nunha vía de acceso a unha realidade máis ampla, a da violencia e a represión que marcaron a posguerra, e tamén das súas consecuencias prolongadas no tempo, porque o que non foi contado non desaparece: transforma as relacións, condiciona as identidades, instala preguntas que reaparecen xeración tras xeración. A literatura convértese así en espazo de restitución simbólica e acada unha fonda dimensión ética: non reconstrúe o pasado, mais abre un espazo no que o que ficou fóra do relato pode, cando menos, ser convocado.»
(…)
«Mais se algo define con intensidade este libro é a súa atención á soidade, presente e pasada, como unha forma radical de desamparo.»

CONCURSO DE RELATOS DE MEDO POLO SAMAÍN

 Durante este mes de novembro o alumnado, a través das titorías, pode participar no concurso de relatos de medo organizado pola biblioteca e o departamento de dinamización lingüística cuxas bases vos deixamos aquí. A escribir polo Samaín!!!!



29/10/26

CLUB DE LECTURA MANGA

  Neste curso arrancamos o día 8 de outubro no recreo para establecer o formato das reunións. Acordouse facelas no recreo dos xoves pola imposibilidade dalgúnha persoa para quedar no mediodía dos luns. Tamén se fixou retomar a lectura de Los diarios de la boticaria a partir do volume 6 xa que ata aquí se chegara no curso pasado. Presentamos tamén os novos membros do club incorporando a alumnado de 1º ESO.

A segunda reunión foi o 29 de outubro. Lembramos o argumento da saga Los diarios da boticaria sobre todo ata o volume 5 e ademais explicaron os diferentes subtipos de manga que existen:

- Shonen: contido máis violento e de acción

- Bluelock: sen violencia  pero si unha linguaxe algo ofensiva

- Shoujo: contido máis suave e romántico.

- Isekai: anime ou manga no que algún personaxe morre e volve reencarnarse.

- BL, BG, GL: referentes ao tipo de relación amorosa que se establece (Boy Love entre mozos, Boy Girl entre mozo e moza e Girl Love entre dúas mozas.

28/10/26

CLUB DE LECTURA 2º ESO 1ª SESIÓN

  A primeira sesión do Club de Lectura, con alumnado de 2º ESO, celebrouse o día 26 de outubro. Un de nós mente de Karen M. McManus foi o libro de partida para este encontro. A partir da lectura deste thriller xuvenil artellouse un coloquio que partiu da premisa, encantoume o libro/non me encantou. A continuación fóronse apuntando distintas opinións sobre a parte máis emocionante ou frustrante desta novela, sobre os personaxes máis empáticos ou menos; incluído a evolución dos mesmos. Tamén se reflexionou sobre o factor sorpresa da trama, da conexión que pode ter esta obra co mundo real a través de temas como: as redes sociais, os segredos, as etiquetas no instituto, a presión académica, as relacións tóxicas, a familia, e outros. Rematouse a sesión facendo unha valoración moi positiva por parte do alumnado desta elección lectora e desta xuntanza tan enriquecedora.


27/10/26

DIA DAS BIBLIOTECAS

    Para conmemorar o Día das Bibliotecas, hoxe 27 de outubro, a profe Chus de Lingua Galega realizou un magnífico programa de radio co seu alumnado de 3º ESO PDC no cal se fixo unha homenaxe ao escritor Xosé Neira Vilas ao que se lle dedicará o Día das Letras Galegas o próximo ano 2027. No programa lembrouse a obra cume do autor Memorias dun neno labrego e ademais puidemos coñecer os testemuños dos avós e avoas deste alumnado os cales nos deron a coñecer ratallos da súa infancia (a escola, os xogos, a fame...) inspirándose na figura central do libro: Balbino. Podedes acceder ao programa a través da canle de youtube onda raia pedras rubias Programa especial Día das Bibliotecas 2026//

Aquí deixamos tamén unhas fotiños:







25/10/26

DÍA DAS ESCRITORAS

 O 19 de outubro conmemórase este ano o Día das Escritoras e dende a biblio seleccionamos unha serie de obras para que poidades descubrir novas lecturas escritas por mulleres que forman parte xa do corpus literario tanto en galego como noutras linguas: 

NOVO CURSO

Iniciado xa o curso 2026-27 queremos informarvos sobre as novidades e as actividades xa en marcha. Este curso comezamos co noso espazo da biblio moito máis luminoso e con novo mobiliario que vai pouco a pouco conformando os recunchos que a conforman. Temos a disposición do alumnado e profesorado uns postos con mesas encartables para traballar co ordenador e novos estantes para o manga, a banda deseñada e os libros en linguas estranxeiras. Ademais reformamos o espazo que garda os xogos e obras de doazóns e igualdade de xénero xusto na entrada interior. De todo isto dan conta as fotografías que vos deixamos aquí. Haberá máis remodelacións con taboleiros informativos e novos recunchos de lectura. 











24/6/26

EXCURSIÓN FIN DE CURSO

 Como remate deste curso o día 12 de xuño fomos de excursión a Vigo ao cine para ver o filme La familia Benetton 2. Igual que o curso pasado foi unha actividade conxunta coa biblioteca do IES Pazo da Merced das Neves. Tiveron tamén un tempo de lecer para pasear e convivir.


1/6/26

ÚLTIMA SESIÓN CLUB LECTURA 1º ESO

     Hoxe tivemos a última reunión deste curso do club de lectura de 1º ESO a cal quedara pendente de realizarse no mes de maio debido a imprevistos. Comentamos o libro Bruxas e dragóns, unha xenial aposta lúdica e literaria de Ledicia Costas. Resultou unha lectura "sorprendente, intrigante, máxica, aventureira, emocionante e moi entretida" en palabras das nosas ávidas lectoras. Unha lectura que leva por diferentes camiños segundo a escolla que vaian facendo os e as lectoras. Ademais, nesta sesión, fixemos xa propostas de actividades e títulos para o próximo curso e valoramos de xeito xeral as lecturas que fixemos ao longo do curso, as que máis e menos gustaron. Por ser o último encontro tivemos unhas sobremesas gorentosas para acompañarnos. Agardamos que o próximo curso sigamos gozando co noso club e que vos unades a el. Aí vos vai unha fotiño do encontro. 💜📙

29/5/26

APRENDENDO PAPIROFLEXIA

 Este xoves 28 de maio o noso alumno de 1º ESO, Pablo, estivo ensinándonos a facer papiroflexia. O tempo fíxose escaso polo que seguiremos en xornadsa próximas gozando desta actividade creativa e enriquecedora. Aí van as fotiños:





ENCONTRO DE 4º ESO CO ESCRITOR ÁLEX ALONSO

 O martes 26 tivemos o pracer de recibir ao escritor Álex Alonso. Reuniuse co alumnado de 4º ESO para conversar arredor da súa obra Bullying, a cal fai unha profunda reflexión sobre o tema do acoso xuvenil. Escritor e alumnado intercambiaron impresións sobre a obra e resaltaron a importancia da actuación da contorna próxima daquela persoa que estea a sufrir acoso.  O alumnado tamén puido facer preguntas ao autor e coñecer así a súa traxectoria literaria. Resultou un encontro ameno e moi interesante e agardamos xa para ler a seguinte obra que del nos chegue. Tedes aquí unha mostra gráfica do acto. 









24/5/26

ÚLTIMO TAMÉN LEN DO CURSO

 O pasado venres 22 de maio tivemos o pracer de asistir á última sesión  do curso do noso Tamén Len. Foi un pracer inmenso gozar da compañía da nosa Loli Calvo, profesora neste centro durante vinte anos e que se xubilou recentemente. Presentounos todo un clásico necesario O Principiño e fixo a lectura dun fragmento marabilloso do cal quixo deixarnos unha frase especial: "Só co corazón se pode ver ben, o esencial é invisible aos ollos". Puxemos así un peche de ouro ás edicións deste curso acompañados e acompañadas dun referente deste centro que sempre levaremos no corazón. Grazas Loli por ser tan especial. 


Subida en curso: 2198191 de 2198191 bytes subidos.

Subida en curso: 802404 de 802404 bytes subidos.











19/5/26

ENTREGA DE PREMIOS CONCURSO DE POESÍA

 Onte tivemos o pracer de entregar os premios do concurso de poesía ás nosas catro gañadoras. Tres alumnas e unha profesora que nos agasallaron cos seus fermosos textos. Moitas grazas pola participación!!! E sigamos creando poesía!!!!









EXPOSICIÓN DE XOGOS CON MATERIAIS RECICLADOS

Grazas ao noso alumnado pola súa creatividade!!!! Aquí podedes ver que fantásticos xogos con materiais reciclados construíron. Animádevos a facer o mesmo!!!