30/5/15

MARATÓN DE LECTURA MULTILINGÜE.



O xoves 21 de maio organizamos o Maratón de Lectura deste ano, que decidimos deixar para o mes das Letras Galegas por ter en abril outras actividades, ademais de relacionalo co lema: "As Ciencias e as Letras". 

Eliximos o libro de Julio Verne "Viaxe ao centro da terra", que limos en varias linguas: galego, castelá, catalán (3 irmáns que viñeron este ano dende Catalunya), portugués, francés, inglés, e, con Ettohami, en árabe tamén.









22/5/15

BATEMENTO no IES Pedras Rubias.

O venres pasado, 15-5-2015, as últimas horas da xornada lectiva poidemos asistir en dúas sesións todo o instituto ao CONCERTO de BATEMENTO.



Neste pequeno concerto interpretaron para nós varios temas do seu disco OVERTURE publicado este ano 2015. Poidemos escoitar temas como Batemento, Overture, Angrois, Euphory... E acabamos falando con eles sobre o seu proxecto, a súa experiencia, e esta aposta pola fusión dos instrumentos tradicionais coa música electrónica. O seu traballo baséase en moitas horas de estudo, de ensaio, de querer seguir aprendendo. Están entusiasmados e trasnmiten esa paixón que emana de facer o que che gusta e ademais poder traballar nelo. Carlos Mariño explicou que os instrumentos electrónicos requiren estudos específicos, así como programar os seus sintetizadores para poder acadar sons propios, usando os mellores programas de ordenador, que non fan nada se non hai un cerebro pensante e creador.
O nome de BATEMENTO o tomaron dunha técnica de gaita que consiste en bater o dedo no punteiro, e pensaron que era unha boa palabra para destacar.

O público quedou encantado e animamos a estes antigos compañeiros para que o saber creativo lles dea moitas ledicias, e a nós tamén, por suposto. Sorte no camiño!!


Pero, quen son?

Pois, nin máis nin menos que dous antigos alumnos: Aitor Domínguez e Cristian Vázquez, que  tiveron a iniciativa de formar un grupo de música ben acompañados e complementados por Carlos Mariño.



Cada un deles iniciouse na música dun xeito particular. Aitor empezou a tocar como gaiteiro na Escola de Música de Salceda de Caselas no 2009 e formou parte da Banda de Gaitas de Paramos. Crístian comezou como trompista na Banda de Música de Salceda, pero como lle atraía a gaita animouse a entrar na Banda de Gaitas de Paramos, onde conectou moi ben con Aitor e desa aprendizaxe naceu a idea de crear o seu propio grupo e seguir unha liña de mestura de instrumentos tradicionais, como a gaita ou o whistle irlandés, con teclados e sintetizadores. Carlos Mariño é quen se ocupa dos teclados e sintetizadores, ademais de programar dixitalmente todo este tramado de sons. Naceu en Alemaña en 1972, pero estuda música dende os 8 anos no Conservatorio de O Porriño, sendo precoz tanto en premios como impartindo clase. Acadou o título de Piano e Gaita no Conservatorio Superior de Vigo, e destaca o seu traballo para músicos tan coñecidos como Carlos Santana, Carlos Núñez, Malú, Andy y Lucas, etc. O seu estilo segue a liña da fusión da tradición e a tecnoñoxía.Tamén compuxo bandas sonoras de documentais e filmes.En 2006 foi galardoado pola Academia de las Artes y las Ciencias de la Música ao Mellor produtor de música electrónica de España.

Tamén foi profesor no Conservatorio Mayeusis de Vigo e na actualidade ensina piano e produción musical nos Estudios de Élite Musical de Vigo, ademais de coordinar o grupo de música tradicional de Recordechán, O' Castriño.





17/5/15

MARCAPÁXINAS DE DANIEL CAXIGUEIRO. Para conmemorar as Letras Galegas.

Navegando por Facebook, atopei este documento creado a partir da obra do poeta e artista plástico galego, Daniel Caxigueiro (Mondoñedo, 1955), quen compartiu con todxs os seus seguidores este vídeo para conmemorar o Día das Letras Galegas 


Gustoume especialmente este xesto e decidín pedirlle permiso para poder publicalo neste blog e dalo a coñecer. Agradecemos a súa amabilidade para poder difundilo.

    Marcapáxinas de Daniel Caxigueiro (poesía e imaxe),
    música de Erik Satie, vídeo de Nachok.

Daniel Caxigueiro é un autor do norte de Lugo, que está a traballar en San Martiño de Mondoñedo (Foz), onde ten un estudo e sala de exposicións nun lugar dun gran atractivo natural; porque ademais de ceramista, escultor, fotógrafo e poeta, é un experto xardineiro e botánico nese lugar chamado ESPAZO CARITEL. Perto del está a importante basílica románica de San Martiño de Mondoñedo, así que por ambos os dous motivos merece visitarse.

Non podo deixar de lembrar a reflexión que facía o gran artista mallorquino Joan Miró, cando dicía "yo trabajo como un hortelano...", porque o que quería expresar era que o traballo realizado por un pintor, escultor, ceramista, etc, non deixa de ser similar a calquera outro traballo, non ten unha aura divina diferente de calquera obra ou útil realizado con destreza pola man do ser humano, que tamén requiren do pensamento para fabricalos e facer un determinado uso deles; ademais de nacer a obra artística dunha relación entre o local e o universal, entre o que nos inflúe da nosa cultura e "o que sucede" na época que vivimos e. como non, en relación coa natureza
Así nas creacións de Caxigueiro tamén transcende esta idea, que alimenta esa comunicación entre diversas linguaxes: cerámica, escultura, fotografía, vídeo, instalacións, textos poéticos, natureza...; que non fan nin máis nin menos que interactuar para acadar unha mensaxe de compromiso coa realidade, cos sucesos..., que se traduce nun ton poético que emana non só da palabra, senón do uso de cada material ao que dá forma e significado o artista.





Alguns textos sobre o traballo de Daniel Caxigueiro, pero tedes máis información nos enlaces recomendados arriba:

 "A súa obra reflexiona sobre cuestións que condicionan o desenvolvemento vital, tanto individual coma colectivo. Dende 1990 interésase pola instalación, aínda que a miúdo tamén se expresa a través doutras disciplinas (escultura , fotografía, poesía etc). A mestura de diferentes linguaxes, o interese por narrar, a importante presenza da cerámica, xunto a unha actitude crítica e claramente periférica, serven de ponto de partida para achegarse a un persoal xeito de entender a Arte". (www.caxigueiro.com)


"Unha constante presente na súa produción é a utilización da linguaxe plástica como un medio de comunicación ao servizo da defensa das culturas minoritarias, das agresións que a diario se realizan contra as liberdades, a protección ao medio natural e a denuncia dos abusos de poder. (Antonio Garrido Moreno)

Os versos enténdense coas construcións plásticas porque o espírito e a materia forman parte da mesma sensibilidade; uns e outras condensan o mesmo trasfondo humano, as mesmas inquietudes, nacen do mesmo desacougo. Aqueles Guerreiros de principios dos anos noventa iniciaron un capítulo implicado, o do compromiso. Despois viría a serie Europa: terapia puntual, funestos nichos que interpelan ao espectador nunha alegoría interpretada por iconografías actuais; metáfora na que se presente a idea da morte; o esqueleto ou a caveira protagonistas da Danza macabra renacentista personificados agora pola declamación do contemporáneo. Igualmente, A linguaxe da memoria, O bosque das ausencias e Xeografías manteñen o fío temático do social, suscitan reflexións e aportan interrogantes. A vida e a morte entrecrúzanse continuamente na súa obra, conviven loitando “nun mundo onde todo é posible” e rematan dando rostro ás súas propostas. ¿Pervive o triunfo efémero da vida ou quizais se impón o inquebrantable da morte? Para Méndez Ferrín: “O artista é aquel / que se resiste á morte”; Caxigueiro chama unha e outra vez coa solidez das súas mensaxes á resistencia". (Mercedes Rozas).

10/5/15

TAMÉN LEN DE MAIO: COS POLÍTICOS DE SALCEDA


O xoves 7 de maio recibimos noTamén Len aos candidatos/as á alcaldía de Salceda, co lema: A lectura... o noso compromiso!
A idea foi unir aos diferentes candidatos ás próximas eleccións municipais baixo o lazo da lectura, nunha sesión onde cada un deles elixiu un libro que compartir e recomendar ao alumnado e despois debater un rato sobre libros, filmes, a escola...
A afluencia de público fixo que non puideramos facer a sesión na Biblioteca como é costume e tiveramos que facela no Salón de Actos, que estaba cheo na hora deste recreo que compartimos.

O acto foi introducido polo alumno de 3º César Pascual e pola alumna Cristina Pérez de 2º, cunha magnífica presentación. Seguidamente un nutrido grupo de alumnos e alumnas destros coa música interpretaron diferentes fragmentos para presentar a cada lector invitado, ademais de que outros alumnos/as prestaron as súas voces para ler textos poéticos de varios autores: M. Hernández, V. Aleixandre, Curros Enríquez... 
O decorado aludía á primavera, que sentimos con agrado nesta época, e a oportuna presenza de flores serviu para agasallar a cada un dos candidatos acompañada pola voz de Nicolás de 4º PDC, que explicou o significado de cada unha antes de cada lectura.

Os nosos invitados/as foron:

-Marcos Besada, o actual alcalde que se presenta por Movemento Salceda
-Verónica Tourón, que se presenta polo PSOE
-Santiago Rodríguez, que se presenta polo PP
-Julio César Ares, que viu en representación do BNG, en ausencia da candidata Mónica Vizcaya que non puido asistir.

Rodeados de andeis con libros, de libros amontonados ante a mesa, dunha urna electoral chea de variadas flores de cores diversas, ante un estrado con solera foron lidos os seguintes textos:

-Julio leu o relato SMS, de Carlos Mosquera. (libro que doou á biblioteca ao final).
-Verónica leu un relato de Roque Cameselle, O pausiñas.
-Santiago decidiuse polo comezo de Memorias dun neno labrego, de Neira Vilas.
-Marcos Besada desta vez  trouxo a Escola de menciñeiros, de Álvaro Cunqueiro para compartir un fragmento.

Nun amable debate falamos de libros favoritos: dende "El arte de la guerra" que destacou Verónica, ata "As aventuras de Jerónimo Stilton" que Santiago soe ler con gusto coa súa filla. Ademais de destacar como filme favorito de Marcos "A lingua das volvoretas", preferindo Julio cine como "Leolo" ou "Amanece que no es poco" entre as que máis lle gustan.
Acabaron falando da súa formación: Marcos estudou Enxeñería Técnica Industrial, Verónica é Orientadora laboral, con estudos de economía, Julio estudou Psicoloxía e Pedagoxía e Santiago concluíu que non hai como licenciarse en respecto e educación, falando de valores cidadáns para rematar o acto.


4/5/15

MEMORIA DAS MEMORIAS DUN NENO LABREGO. CÁNDIDO PAZÓ

O pasado martes 28 de abril tivemos a ledicia de ser espectadores da representación feita por Cándido Pazó, quen non só escenifica, interpreta, monologa, idea, senón que tamén adapta a obra de Xosé Neira Vilas ao teatro, e podemos dicir que con total éxito.


Por suposto que antes foi traballada nas aulas a novela Memorias dun neno labrego, que xa é todo un clásico na literatura galega, pero que non perde o atractivo que pode espertar tamén no lector de hoxe. Ademais de destacar a riqueza das palabras de Neira Vilas, no xeito de dicilas e na súa fondura, para plasmar unha dura realidade a través do personaxe de Balbino, tan familiar e entrañable.

                                            Xosé Neira Vilas e Cándido Pazó

O propio Pazó destacou a boa acollida do alumnado do noso centro, que estaba alí en pleno.


Deixamos este video da entrevista feita por Marga do Val e Xosé Carlos Garrido a X.Neira Vilas en setembro de 2011, para as xornadas de ensino da CIG.