12/12/19

Curso 2019-2020

Tamén len con Xesus López 


O mércores, 11 de decembro, o Tamén len tivo o pracer de contar con Xesus López Carreira, ex-profesor do noso IES que nos leu un fragmento de Lieders, un artigo escrito por Rosalía de Castro en 1858 e considerado o primeiro Manifesto feminista escrito en Galicia. 







O alumnado asistente seguiu con atención as ideas presentes neste artigo, no que a autora propón romper as normas no mundo das artes así como reivindicar que as mulleres non deben vivir sometidas a ningún home.


Despois da lectura houbo unha rolda de preguntas e moitas mostras de afecto. ¡Desexámoslle moita sorte no seu novo IES e que volva a visitarnos outra vez!


29/10/19

Curso 2019-2020

Día das Bibliotecas 


Para celebrar o día das Bibliotecas, o xoves 24 de outubro tivo lugar durante o recreo unha lectura de poemas e fragmentos en prosa dalgunhas obras de Ricardo Carballo Calero, autor ao que se dedica O día das Letras Galegas 2020.  

As obras escollidas foron os poemas Ferrol, Reticencias, Se Avalon ou a illa das Mazás, Verdadeiro poeta foi, e María Silencio. Tamén se leron os fragmentos Francisco e Aurelia de Scorpio.

Fixeron quendas para ler as estrofas dos poemas e os textos en prosa o alumnado voluntario dos seguintes cursos:  
1ºA: David e Jennyfer 
1ºC: María, Guille, Ana, Ainhoa, Saúl e Mara
1ºD: Izan, Antón, Pablo, Raúl e Ylenia
2ºD: Nerea e Rubén (presentador do acto) 
3ºA: Sara Usera e Iván
3ºC: Aldara e Hugo
4ºA: Sara e Rocío
4ºB: Jenny e Leimy (presentadora do acto) 







28/10/19

Curso 2019-2020

Tamén len 


O mércores 23 de outubro inauguramos o Tamén len deste novo curso escolar. Anabel Rey, profesora de Educación Física do CEP Altamira veu visitarnos para compartir as súas lecturas con nós. 


Anabel leunos o libro Guay de Harold Jiménez Cañizales e algúns fragmentos do libro Valores de oro. Como Leo, Cristiano, Marta y otros 8 niños alcanzaron su sueño de Cristina Núñez Pereira. 


Despois da lectura houbo tempo para preguntas e para lembrar os cursos nos que Anabel foi a súa profesora en Primaria. Este encontro foi especialmente emocionante para o alumnado de 1º da ESO. 


Dámoslle as grazas por participar no Tamén len e desexámoslle moita sorte neste curso que empeza! 

10/10/19

Curso 2019-2020

Entrega de diplomas ao voluntariado da Biblioteca 


Coa fin de inaugurar o curso escolar na nosa Biblioteca, comenzamos coa entrega de diplomas aos voluntarios e voluntarias do curso pasado, desexando que sigan a colaborar con nós. Botamos en falta aos que xa marcharon do noso IES pero prometeron que virán visitarnos algún día. ¡Moita sorte a todos e a todas e bo comenzo do curso! 




25/6/19

Curso 2018-2019

Tamén len 

O xoves 13 de xuño Xoán González Leirós, ex-profesor de Xeografía e Historia no noso IES, veu visitarnos para participar no último Tamén len deste curso

En primeiro lugar leunos o poema Miriam incluido no libro de Ernesto Cardenal Antología Poética, que foi seguido de outros 5 poemas do mesmo libro. 


Despois continuou co libro Obras completas de Fernando Pessoa e leunos un poema das Poesías de Álvaro de Campos. 
E xa para rematar leunos 3 poemas de Cantiga nova de Álvaro Cunqueiro, includa no volume Obra en galego completa 


Ao rematar a sesión houbo un pouco tempo para preguntas e reencontros. Desexámoslle moita sorte no seu novo IES! 

29/5/19

Curso 2018-2019


Tamén len con Liber, Mar e Tessy 



O venres 10 de maio contamos no Tamén len coa presenza de Liber, Mar e Tessy, ex-profesoras do noso IES. 
Foron presentadas por algúns e algunhas dos seus ex-alum@s, o que deu pé para lembrar anécdotas e lembranzas do seu paso polo noso IES.
























En primeiro lugar leu Liber un relato curto, Seique, dos incluidos no libro Tu contas, eu conto de Susana Sánchez Aríns, que fala do acoso machista a unha rapaza durante a proxección dunha película na oscuridade do cine.



A segunda lectora foi Mar, que nos leu un fragmento do libro A lingua das bolboretas de Manuel Rivas, fragmento no que o autor narra os preliminares e a chegada á escola do protagonista, cos seus medos e inquedanzas.




Tessy foi a encargada de finalizar este Tamén len co conto A mellor sopa do Mundo de Susana Isern e Mar Ferrero, coa historia da rica sopa que conseguen cociñar un grupo de animais grazas a traballar en equipo.




            Finalmente houbo un turno para preguntas sobre os seus novos centros e moitas mostras de cariño.         


  



Esperamos que volvan a facernos outra visita moi pronto. ¡Moita sorte nos seus novos IES!


25/4/19

Curso 2018-2019


Tamén len 

O mércores, 3 de abril visitounos no Tamén Len Nacho Patiño, veciño de Parderrubias que combina o seu traballo como Director dun Centro Deportivo coa actividade de adestrador de balonmán. Cando se lle propuxo participar, brindouse encantado xa que o unen ao noso centro tanto relacións persoais como profesionais.  





En primeiro lugar leunos os poemas Caminante, Retrato e La Saeta do libro Campos de Castilla de Antonio Machado, seguidamente leunos un fragmento do libro Jugar con el corazón de Xecho Espar.




A lectura foi seguida dunha conversa co público, no que se atopaban rapaces e rapazas que querían facerlle preguntas ao seu adestrador. Contáronse anécdotas e falouse do deporte e da cultura do esforzo, imprescindible esta última para acadar resultados.




13/3/19

Curso 2018-2019

Tamén len 

O xoves 21 de febreiro visitounos Yolanda Lorenzo, ex-alumna e bloguera de moda, que nos leu o relato Valiente do libro Casi sin querer de Defreds





Tomando como punto de partida a obra deste autor, moi coñecido nas redes sociais, esta xuntanza estivo orientada cara a este tema e Yolanda explicou ao alumnado asistente o funcionamento da rede social Instagram, onde ela leva a cabo o seu traballo publicitario e contestou ás dúbidas que xurdiron durante a conversa.  


Deexámoslle moita sorte na súa traxectoria profesional. 

6/2/19

Curso 2018-2019

Tamén len 

O pasado xoves 31 de decembro tivemos con nós no Tamén len a Ana Sío, ex-profesora de Física-Química do noso IES, que nos leu un fragmento da obra Cartas de una pionera de Elinore Prut Stewart


O alumnado de 4º estivo contento de volver a atoparse coa súa antiga profesora, houbo preguntas, conversacións e algún momento emotivo. 

1/2/19

Curso 2018-2019


Charla de Francisco Castro e Amparo Rodicio

O pasado 25 de xaneiro, grazas á Editorial Galaxia, o alumnado de 3º e 4º de ESO recibiu toda unha lección de vida de mans de Francisco Castro, autor de Iridium, e Papu (Amparo Rodicio), neuropsicóloga que desenvolve o seu labor na Asociación de Dano Cerebral Alento.



Entre xogos e risos conseguiron facer visible as causas e as consecuencias do dano cerebral adquirido, pero sobre todo fixéronnos reflexionar sobre o inxustas que son as etiquetas que se poñen e o dano que poden causar.

Lograron transmitir a necesidade de normalizar o dereito das persoas que padecen DCA, evitando o uso desas etiquetas, xa que coma todas e todos son persoas que aman, que gozan, que rin, que soñan...