24/12/12

Bo nadal!



Os membros do club de lectura, os MQs, o alumnado voluntario e as compoñentes da B.E. do IES Pedras Rubias vos desexamos un bo nadal.  Que o disfrutedes en boa compaña, rodeados de doces melodías e felices lecturas.

22/12/12

Tamén len... con Javier Costas


Nesta última sesión anual do "Tamén len" tivemos o pracer de recibir a Javier Costas, arquitecto e profesor de Educación Plástica e Visual nun instituto de Vigo,  e pai de Blanca Costas de 3ºA.

Despois de escoitar a peza interpretada por José Castro de 3ºA ao clarinete, Javier resumiunos brevemente o argumento do libro escolmado, "El atentado" de Yasmina Khadra (pseudónimo do escritor Mohammed Moulesshol, ex-oficial do exército arxelino que ten escrito varios libros sobre o conflito de Oriente Medio) do que nos leu un fragmento inicial.

Amin Jafaari é un cirurxián palestino nacionalizado israelí que vive e traballa en Israel. Está casado e leva unha vida tranquila e feliz. Un día, no hospital donde traballa, comezan a recibir feridos dun terrible atentado levado a cabo nun negocio de comida rápida por un terrorista suicida que resulta ser a súa muller, algo que Amin non é capaz de comprender e que o levará a adentrarse no mundo do integrismo islamista para atopar respostas.

Na rolda de preguntas, Javier falounos da orixe da súa vocación polo debuxo, compartiu con nós algunha trasnada adolescente e confesounos a súa predilección polos libros de arquitectura. Moitísimas grazas pola túa visita!


* Buscando información en internet, veño de descubrir que existe unha versión deste en banda deseñada, polo menos en francés.

20/12/12

Personaxes de conto e música no aniversario dos contos dos irmáns Grimm.


Estes días celébrase o 200 aniversario de existencia dos contos dos irmáns Grimm, que todos limos de cativos.
 Como sexa que seguimos amando que nos conten historias reais ou de ficción, nada máis efectivo e festivo que facelo a través da canción de Jaume Sisa titulada “Qualsevol nit pot sortir el sol (Calquera noite pode saír o sol) coa que nos dá a benvida para facer da tristura fume, invitándonos a esa casa habitada por mil e un personaxes cos que convivimos algunha vez, onde di: “a miña casa é casa vosa, se é que hai casa dalgún”.
Polo tanto o noso brinde é pola liberdade, a igualdade e a capacidade de crear unha boa vida en común.


(Engadimos tamén a versión gipsy desta canción que fixeron "Los Manolos", porque trae a letra, cremos que en catalán é entendible).



Por certo, que versión vos gusta máis?


Exposición sobre a violencia de xénero a través da B.D.


Durante este trimestre fixemos varias entradas neste blog con comentarios de libros de Banda Deseñada que dun ou doutro xeito trataban o tema da violencia de xénero, os dereitos das mulleres, o papel da muller en diferentes culturas...

Dende a biblioteca decidimos darlle unidade a todo este material e reunilo nunha pequena exposición onde poder manexar os libros comentados, acompañados da ampliación dalgunhas imaxes sacadas deles que nos pareceron significativas e que resumen moi ben esta problemática.

Dende o Departamento de Orientación, e canalizado a través das titorías, elaborouse unha unidade didáctica para traballala co alumnado, que visitou e exposición e sacou as súas propias conclusións.























Cremos que é un tema que hai que ter presente na educación para contribuír a darlle solución.


18/12/12

Recitando a Celso Emilio



2012-12 Salceda de Caselas RecitandoCelsoEmilio 072 from biblosvivos on Vimeo.

O pasado día 12 de decembro ás 12 da mañá, o alumnado que forma parte do club de lectura e dos MQs reuniuse na biblioteca para recitar o poema "Deitado frente ao mar", sumándose así á iniciativa proposta pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e  Dinamización Lingüística para celebrar o 100 aniversario do nacemento en Celanova de Celso Emilio Ferreiro.

Foi un acto fermoso e sentido. Grazas a tod@s por participar!

6/12/12

Tamén len... con Sandra



O luns 26 de novembro, quedamos na biblioteca con Sandra (a administrativa do centro en substitución de Rubén), a quen agradecemos ter compartido con nós a lectura de “EL PERFUME” de Patrick Süskind.

Despois de ser presentada por David Gómez de 4º e de acompañármonos a música do clarinete de Mar de 3ºB; comezou lendo o primeiro capítulo, onde se describe perfectamente o ambiente do París do s. XVIII, antes do acontecemento da Revolución francesa que cambiaría unha época histórica. E caramba, se non era necesario deixar atrás ese mundo de súbditos, de absolutismo, de carencias e miseria social, de crise, de decadencia, de cidades que apestaban e persoas de todos os estamentos e condicións que apestaban…

En medio de tal ambiente, achegámonos a un personaxe inquietante, repulsivo, deforme, que encarna mellor que ninguén a súa época. Grenouille ten un don moi especial: un olfato excepcional que nos vai introducir nun mundo trastocado que vai da máis sutil das fragancias, ao máis cruel dos asasinatos.  En poucas obras o sentido do olfato ten tal  protagonismo, tanto que non nos abandonan un sin fin de olores de todo tipo durante a lectura.

Moitas grazas!

3/12/12

Fran Alonso no IES Pedras Rubias




O xoves pasado acudiu ao noso instituto o escritor vigués Fran Alonso para comentar o seu libro Cemiterio de elefantes, lectura obrigatoria en 4ºESO. 

Os presentadores do acto foron os nosos alumnos José Barros e David Gómez, autores tamén da presentación que vos mostramos a continuación e na que podemos apreciar algunhas das portadas suxeridas polo alumnado para o libro.




Visita de Fran Alonso from biblosvivos on Vimeo.

Malia ter pasado 18 anos dende a súa publicación, a obra segue de plena actualidade. O autor, moi próximo e accesible, axudounos a entender mellor o proceso da súa escrita e os porqués dalgunhas historias.

Deixa o teu comentario e valora o libro e a visita de Fran Alonso. Grazas!

1/12/12

Música no Día Mundial da loita contra a SIDA

Procedencia da imaxe: Agasex

Cada primeiro de decembro celébrase o Día Mundial da loita contra a SIDA. Neste ano o lema é chegar a cero novas infeccións polo VIH. 

Non podíamos deixar pasar esta data no ano adicado na nosa biblioteca á Música sen facer o noso tributo á Freddy Mercury, líder da famosa banda de rock "Queen" e considerado por moitos como un dos mellores cantantes de tódolos tempos.



Fonte das letras:http://letras-traducidas.net/?p=131

Traducción:
Lugares vacíos.
¿Para qué estamos viviendo?
Sitios abandonados.
Espero que nos sepamos la partitura.
Una y otra vez,
¿sabe alguién que es lo que estamos buscando?
Otro héroe, otro crimen inútil.
Tras la cortina, en la pantomima.
Mantén la línea. ¿Alguien quiere retomarlo?
El show debe continuar.
El show debe continuar.
Por dentro, mi corazón se está rompiendo.
Mi maquillaje puede que se esté desconchando.
Pero mi sonrisa permanece ahí.
Todo lo que ocurre, lo dejo en manos del azar.
Otro dolor en el corazón, otro romance fallido.
Una y otra vez,
¿sabe alguien para qué estamos viviendo?
Espero estar aprendiendo.
Debo permanecer caliente ahora.
Pronto volveré y doblaré la esquina.
Fuera, está amaneciendo,
pero dentro, en la oscuridad, sufro por ser libre.
El show debe continuar.
El show debe continuar.
Por dentro, mi corazón se está rompiendo.
Mi maquillaje puede que se esté desconchando.
Pero mi sonrisa permanece ahí.
Mi alma está pintada
como las alas de una mariposa.
Cuentos de hadas del pasado
crecerán pero nunca morirán.
Puedo volar, amigos míos.
El show debe continuar.
El show debe continuar.
Lo encararé con una sonrisa.
Nunca cederé.
Con el show.
Cubriré la cuenta, me excederé.
Tengo que encontrar la voluntad
para poder sobrellevarlo.
Con el show.
Con el show…
El show debe continuar…

30/11/12

Semana contra a violencia de xénero: Olympe de Gouges



É sabido que no século XVIII  alumeáronse en Europa algunhas ideas decisivas para o mundo contemporáneo: novas formas de organización política, a fin dunha vella orde social, o afianzamento do capitalismo, a confianza na razón, na ciencia e no progreso. Todas elas tiñan orixes máis remotas (ou máis ou menos próximas), pero condensáronse dunha maneira definitiva naquelas datas. Do repuxón intelectual dese século vivimos os dous seguintes: a favor, en contra, con matices, con críticas…

A francesa Olympe de Gouges viviu nese século duro e apaixonante. Filla ilexítima dun nobre, naceu nunha familia cun pequeno negocio nunha cidade do sur, afastada por completo de calquera preocupación intelectual, que lle forneceu a Olympe unha infancia desafogada e as armas de supervivencia social para unha muller habituais no seu medio: o matrimonio. Sen embargo, aproveitando ben as circunstancias dramáticas e as relacións que lle foron saíndo ó paso, cun gran desexo de saber, alimentado por anos de lectura semiclandestina (o normal era que a meirande parte das mulleres non soubesen ler), Olympe fíxose co control da súa propia vida. Aquí reside, dende o meu punto de vista, a gran modernidade desta muller. É especialmente coñecida pola súa Declaración dos dereitos da muller e da cidadá no contexto da Revolución francesa, documento que senta as bases claras da loita pola igualdade dos dereitos das mulleres, pero é na súa vida persoal, intelectual e política onde se manifesta enteiramente contemporánea: libre no persoal (logo de enviuvar, ten unha rica vida afectiva e sexual sen volver a casar), aberta ás correntes intelectuais do seu tempo, labra unha carreira como autora teatral sen complexos, defende as causas que considera xustas con paixón (a fin da escravitude, o dereito da muller ó divorcio…) e participa na vida política cunha independencia de criterio e unha coraxe digna de admiración nos tempos actuais, enfrontándose a cantos poderosos foron xurdindo nos anos da revolución, o que a conduciu directamente á guillotina, ese hixiénico invento francés para cortar cabezas.

A enteira reivindicación da súa figura estase a producir tardiamente na sociedade francesa. E desa recuperación chéganos a nós a magnífica novela gráfica  OLYMPE DE GOUGES, dos debuxantes Catel Muller e José-Louis Bocquet, que vos convido a ler. Un auténtico pracer.

Xoan González Leirós. 

28/11/12

Semana contra a violencia de xénero: Olimpita


Olimpita traballa co seu home no mercado da Abacería de Barcelona, é vítima de malos tratos continuados desde hai ben de tempo. Olimpita non quere falar. Olimpita obedece. Obedece na casa e obedece no posto do mercado. Olimpita pasa dos insultos aos piropos, dos golpes aos aloumiños e así vai tirando.

Ass é un inmigrante africano que vén de deixar atrás a súa familia. Busca traballo, vivenda, amigos. Busca alomenos que o miren, que alguén lle fale como a unha persoa.

Os camiños se cruzan, Olimpita e Ass, Ass e Olimpita. Primeiro palabras, logo desexo/necesidade: sexual, humano, de compartir carencias, quen sabe... na vida poucas cousas son brancas ou negras aínda que no seu caso e así.

Buscar nos beizos de Ass a fuxida do medo, do tempo que pasa sen que nada cambie. Buscar en Olimpita a muller que quedou lonxe, un traballo, un contacto humano.

Mentres, os ciúmes do home, a violencia en aumento... todo ata chegar a un final tan tráxico e terrorífico como inesperado. E non conto máis, tédelo na nosa biblio, a ver que vos parece.


26/11/12

Semana contra a violencia de xénero: La biblia envenenada


La biblia envenenada de Laura Kingsolver narra a historia dunha familia; o pai Nathan Price é un predicador baptista que solicita ser destinado a unha aldea do Congo xunto coa súa muller Orleanna e as súas catro fillas, Rachel, as xemelgas Leah e Adah e a pequena Ruth May. De fondo a historia recente do Congo: as postrimerías da época colonial, a súa independencia de Bélxica en 1960, a elección de Patrice Lumumba como primeiro ministro e a súa destitución, arresto, fuxida e execución despois dun corto mandato e a instauración do réxime ditatorial de Mobutu promovido polos EEUU.

Pero se hoxe vos falamos deste libro non é polo que poda ter de novela histórica, nin para falarvos da súa prosa poética lixeira, ni da súa estrutura en  que cada capítulo é narrado por unha das cinco mulleres protagonistas, senón porque a historia da familia Price é unha historia de maltrato onde podemos ver as diferentes reaccións e secuelas que éste causa en cada unha das compoñentes femininas do núcleo familiar.

Nathan Price é un home violento que como portavoz do seu Deus crese sempre en poder da razón. Marcha a África cheo de soños evanxelizadores que tentará levar a cabo establecendo a mesma relación de poder que ten coa súa muller e fillas.

A través de Orleanna, a nai, coñeceremos o comezo da historia de parella e o inicio das humillacións e malos tratos. Nela o sentimento que perdurará será a culpa, da que non conseguirá desfacerse nin sequera tralo abandono do seu home.

Rachel é unha adolescente frívola que tenta suplir con valores materiais a falta de amor. Leah adora ao seu pai tentando sempre obter a súa aprobación, Adah, a súa xemelga hemipléxica, recárgase co odio e o resentimento e loita pechándose sobre si mesma e a pequena Ruth May é unha nena que observa e intenta entender o que ve.

O futuro fará que Rachel se converta nun ser egoísta que non dubida en venderse ao mellor pagador. A adoración de Leah transformarase en decepción da que tentará fuxir vivindo a súa vida como unha sorte de expiación e Adah emerxerá do seu illamento lentamente. Ruth May será o detonante que iniciará o cambio de rumbo na súas vidas. E o único nexo que perdurará para todas será África.

Moi, moi recomendable.