21/6/15

CONTACONTOS: COLABORANDO CO "CRA DA REVOLTA" NUN TAMÉN LEN ESPECIAL


O pasado xoves 4 de xuño organizamos un Tamén Len especial no que invitamos os pequenos do CRA da Revolta para compartir un recreo cheo de historias teatralizadas, coa intención de manter a colaboración que comezamos o ano anterior cos CONTACONTOS e de relacionarnos con diferentes persoas da nosa contorna -sexan xóvenes ou maiores- e compartir con elas a lectura para contribuír a fomentala.


Contamos coa colaboración de alumnas/os do Club de Lectura e de 1º ESO, aqueles que no ano 2007 viñeran visitarnos a un Tamén Len, feito que rememoraron ata onde cada un tiña lembranzas, pois tiñan 4 ou 5 anos os que agora xa son alumnxs do noso centro.

Entre elxs, dous presentadorxs de excepción: Uxía e Martín, de 1º ESO, deron paso ás diferentes intervencións:


Os nenos e nenas italianos cantan unha cantiga moi popular nese país, con letra deste maxistral texto de Gianni Rodari e melodía composta polo cantautor Sergio Endrigo. Como unha típica filastrocche, a modo de copla ou retahíla, esta canción é a presentación ideal para “Que fai falta?”, que se acaba de incorporar (2011) á colección de Clásicos Contemporáneos de KALANDRAKA. Silvia Bonanni ilustra a obra do que fora un gran referente para a pedagoxía moderna.

-primeiro ocuparon o escenario con casas de cartón coloreadas por eles e con máscaras tamén feitas por estes pequenos do CRA e ataviados para contar dúas pezas curtas: o clásico de Gianni Rodari "Que fai falta?" e unha adaptación ao galego titulada "Os bos amigos".
-De seguida saíron encarnando "Los números árabes" os Siareiros da Palabra do noso Club de Lectura, para representar este relato de Juan José Millás do libro "Números pares, impares e idiotas". Esta elección ten que ver co lema "As Ciencias e as Letras" que traballamos este curso.
-E para finalizar eses alumnos e alumnas que estiveran aquí cando eran tan pequenos,  puxeron en escena outro deses imaxinativos relatos do mesmo autor "El 8 y el ocho".

Dicir que o salón de actos estaba cheo neste recreo de xuño, onde todxs estamos tan ocupados con tanto traballo para dar finalizado o curso cun bo resultado. É por iso que agradecemos especialmente a vosa presenza e participación a estas alturas.

Moitas grazas pola vosa colaboración a todos e todas. Quedan aquí gravadas as vosas simpáticas intervencións (desculpade que a imaxe non teñan máis calidade, pois as luces do Salón de Actos provocan ese ton avermellado).

Que as disfrutedes!!
...e moi boas vacacións estivais!!!!






18/6/15

PRESENTACIÓN DUN LIBRO: UN MUNDO QUE NO VI. SUSANA MACEIRA QUINTEIRO




O mércores 27 de maio organizamos unha actividade coa intención de presentar un novo libro e promover a súa lectura da man da súa autora, Susana Maceira Quinteiro. Libro publicado en Bos Aires e que se titula "Un mundo que no vi". O profesor de CCSS Xoán G. Leirós foi o presentador do acto, aludindo con imaxes e palabras ao contexto histórico e ao feito da emigración que tanto condicionou a realidade galega; el mesmo fai a seguinte crónica: 


            A emigración das mulleres: unha historia familiar

            Moi grato foi recibir a visita de Susana Maceira, autora galego-arxentina, nacida na emigración, residente en Buenos Aires. Escritora tardía, só coa xubilación como profesora de historia se aventurou no relato da memoria familiar, que abrangue todo o século XX, homenaxeando as afoutes mulleres –bisavoa, avoa, nai- de Beiro (Carballeda de Avia, Ourense) que atravesaron o Atlántico. Vidas de mulleres de orixe campesiña, pero tamén retrato rural e cruzado dos anos da Guerra Civil: fuxidas, denuncias, persecucións, cárcere... para rematar na definitiva emigración dunha gran parte do grupo familiar, que atopou na capital do Sur o futuro e a paz que lles faltaba aquí. Unha narración que emociona.
            Viva, suxerente e engaioladora resultou a súa intervención, amosándonos a valentía das mulleres, a capacidade resolutiva, as situacións e incentivos que as moveron; evocando sufrimentos, encontros e reencontros; lembranzas amorosamente transmitidas; admiracións e rechazos.
            A visita serviu para que as nosas alumnas, os nosos alumnos, avivaran os tizóns nos que callaron as historias familiares nesta terra tan emigrante do val do Caselas, e as recolleran íntegras e sorprendentes, transformándose co descobrimento asombrado do pasado dos seus.


            Moitas grazas, Susana Maceira.


10/6/15

EXPOSICIÓN DE LIBROS "AS CIENCIAS E AS LETRAS"


Nestes meses de abril a xuño temos expostos libros relacionados coas Ciencias. Unha vez máis puxémoslle "patas á Calixtina" e mostramos en diferentes puntos da biblioteca e no corredor, o que tiñamos no noso fondo bibliográfico, coa finalidade de promocionar lecturas atendendo ao lema que nos guiou este curso: "As Ciencias e as Letras".


O cartel insiste en que os libros están expostos para poder ser collidos en empréstito e animar así a todxs a achegarse a temáticas que poden ser diferentes para algunhas persoas ou habituais para outras. Como sabemos, sobre gustos...

Por certo, lembrade que facemos empréstito tamén para ler no verán!!!!