31/10/08

Os xoguetes non esquecidos

"Durante as longas tardes dos domingos, na época estival, era moi doado escoitar un troupeleo de rapazolos na costa dun camiño. Alí había berros, pelexas, choutos violentos, golpes,.. máis tamén risas, amizade, un buligar de camaradas capaces de romperen a testa contra o chan ou escordaren un nocello e viren á noite para as súas casas suorentos e cansos, máis vencellados polos pescozos coma se fosen parellas de rubios bois condenados a se entender despois de araren todo o día.
Eran estes sinais ou indicios dabondo como para saber que alí se estaban a celebrar competicións de carrilanas. Sempre escollían un camiño costento e con algunha curva pouca doada a dar, para imprimirlle máis emoción á baixada... "

Os xoguetes esquecidos

Xosé López Gonzaléz e Xosé Manuel García

Pois vai a resultar que de esquecidos, afortunadamente, nada de nada e senón... que llo pregunten aos nosos intrépidos "Rachabimbios".

http://es.youtube.com/watch?v=YdCreIfHkNc

28/10/08

Nace a primeira biblioteca escolar dixital en rede

O Centro Internacional de Tecnoloxías Avanzadas (CITA) de Peñaranda de Bracamonte (Salamanca) ven de crear a primeira biblioteca escolar dixital da rede. Nela recóllense máis de 1.500 enlaces relacionados coa educación infantil, primaria e secundaria.

O director da CITA, destaca que este proxecto vai dirixido aos tres vértices do ámbito educativo: alumnado, profesorado e pais/nais.

Cun deseño fácil e atractivo, a web está dividida en tres grandes áreas: Primaria, E.S.O. e Bacharelato.

A biblioteca, bautizada co nome de BED é de acceso e utilización gratuíta, podendo o usuario suscribirse para recibi-las actualizacións e novas de xeito periódico.

Tedes o enlace na columna da dereita, en sitios que deberías visitar.

27/10/08

Tamén len... con Paco


Hoxe inauguramos o "Tamén len " deste curso tendo como invitado a Paco, o profe de ingés do C.P.I. Altamira.

Que dicir ten que houbo cheo total!

Paco agasallounos coa lectura dun fragmento de "A língua das bolboretas" de Manuel Rivas, no que o protagonista, "Pardal", vai por primera vez á escola. Atentos escoitamos como o rapaz, morto de medo e vergoña fuxía cara os montes no seu primeiro día de colexio e como, dunha segunda volta, e grazas ó seu mestre, lle foi collendo o gusto a aprender e descubrir cousas novas.

Logo chegou o turno das vosas preguntas: Se seguía levando a guitarra ás clases, se aínda existía o club de inglés, porqué escollera este libro,...

Para todos nós foi un pracer compartir este espazo contigo, desde o IES Pedras Rubias, moitas grazas!






25/10/08

Bautizo da biblioteca I

Coincidindo co Día das Bibliotecas Escolares, aproveitamos para bautizar a nosa biblioteca, contarvos as actividades previstas para este curso, descubrir o novo nome e ... sobre todo pasar uns momentos inolvidables da man do noso SuperFandiño e as súas azafatas.

Como o acto non foi curto, tentaremos adicarlle varias entradas esperando contar coa vosa participación para que nos relatedes como o vivichedes.

Grazas pola vosa participación: O equipo da biblioteca.


Aquí tendes os enlaces para poder ve-los video, que os disfrutedes.

http://es.youtube.com/watch?v=drsoAvmSSNk

http://es.youtube.com/watch?v=Rir8LWOTdQU

23/10/08

E vai de premios!

Estamos de noraboa!
Agustín Fernández Paz gañou hoxe o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, concedido polo Ministerio de Cultura, coa súa obra “O único que queda é o amor”, editada por edicións Xerais en galego e por Anaya en castelán. Este premio distingue ao mellor libro de literatura infantil ou xuvenil publicado no ano 2007 en calquera das línguas oficiais que se falan en España.

Nacido en Vilalba no ano 1947, é licenciado en Ciencias da Educación. Traballou como profesor de primaria en diferentes centros e máis recentemente como profesor de Língua e Literatura Galega no IES “Os Rosais 2” de Vigo ata a súa prexubilación no 2008.

Entre as súas obras destacan: "A cidade dos desexos", "As flores radiactivas", "Contos por palabras" (seleccionada pola Fundación Germán Sánchez Ruipérez como unha das cen mellores obras da literatura infantil española do siglo XX), "Lonxe do mar", "O centro do labirinto", "A néboa escura", "Noite de voraces sombras" e "Corredores de sombras", entre moitas outras.

Podedes acercarvos a súa obra desde a nosa biblioteca onde atoparedes moitos dos seus libros.

17/10/08

O Premio Nobel de literatura 2008

Jean-Marie Le Clèzio naceu en Niza (Francia) o 13 de abril de 1940. De nai inglesa e pai francés, foi o gañador desta edición do Premio Nobel de Literatura. A parte deste premio, tiña gañado o "Renaudot", o máis importante das letras francesas, en 1963 e o "Paul Morand" en 1980 pola obra "Desert".
Comezou a escribir con 7 anos e se fixo famoso aos 23 coa súa primeira novela "Le Procès-verbal" ("El atestado").
Casou en 1975 coa súa dona, de orixe marroquí, e teñen dous fillos.
O Nobel lle será entregado o 10 de decembro en Estocolmo.

Se queredes máis información, aqui vos deixo este video:
Elena Soutullo González 3ºA

16/10/08

As letras galegas perden a Ramiro Fonte

Ramiro Fonte (Pontedeume, 1957, Barcelona 2008) era actualmente o director do Instituto Cervantes de Lisboa. Poeta, narrador, ensaísta, crítico e estudoso da literatura galega, formou parte dos poetas do Colectivo Cravo Fondo e era membro destacado da denominada Xeración dos 80.
Publicou no 1983 o seu primeiro poemario, As cidades da nada, un libro que ía definir pefectamente a estética da xeración, marcada por un culturalismo da linguaxe que buscaba romper as trabes da poesía social imperante desde finais dos anos sesenta.
Posteriormente, apontoaría unha traxectoria de forte impronta persoal cuns versos que fundirían un neoclasicismo de métrica rigorosa e un progresivo intimismo.

Dixeron del…Ramiro pertencía a unha categoría distinta que non precisa monumentos, porque o seu recordo se disolverá na paisaxe, discorrerá polo Covés e as tierras do Eume ata que o mundo acabe. Andan por aí non sei cantos científicos acelerando partículas para atopar a orixe do universo, pero hai outros sistemas para chegar a esa mesma conclusión, que é reunir a poesía que en todo o orbe e durante toda a historia crearon persoas como Ramiro.
Neles está o compendio do que somos, o máis insondable, o misterio que provoca a emoción. Poetas e creadores son os que deixan un legado inmortal, dentro do cal están as claves para saber quen somos. Non busquen o que é Galicia nas estatísticas ou os tratados políticos porque o enigma está cifrado en escritores como o que nos abandona (CARLOS LUÍS RODRÍGUEZ)

15/10/08

Compartindo a lectura con... Irma

A lectura de " La ladrona de libros" de Markus Zusak, non estivo completa ata que non comentei o libro cos amigos e amigas que tamén o leran.
Recomendo este libro a todos aqueles que lles guste ou non ler. O formato publicado en Lumen pareceume moi atractivo e, a pesar do volume do libro, ao abrilo invítache a coñecer o que contan esa cadea de palabras encabezadas por pequenos títulos que enlazan uns capítulos cos outros e pouco a pouco desvelan o final da historia.
A protagonista, Liesel Meminger, é unha rapaza como moitas de vós: viva e esperta, travesa, sensible, apaixonada, intrépida... que vive nunha sociedade e nunha época onde a morte convive con todos eles como unha personaxe máis.
Anímote a que coñezas esta historia e a compartas con nós, xa me contarás que che parece...

8/10/08

"O neno do pixama a raias" chega aos cines

"O neno do pixama a raias" de John Boyne foi un dos libros máis solicitado en préstamo na nosa biblioteca o curso pasado. Para os que xa o lestes unha boa nova: axiña a poderedes ver nos cines. Para os que aínda non o fixestes, sempre estades a tempo.
O libro relata unha historia de amizade entre dous nenos de nove anos, Bruno e Shamuel, a través dun aramado. Bruno é o fillo dun comandante da SS destinado ao campo de concentración de Auschwitz, e Shamuel é un neno xudeu que sempre leva un pixama a raias...
Dirixida por Mark Herman (Tocando al viento), con Assa Buttefield no papel de Bruno e o debut cinematográfico de Jack Scanlon encarnando a personaxe de Shamuel, a película promete ser todo un éxito .
Aí vos deixo un adianto,

2/10/08

A boa educación

Desde o pasado 22 de setembro ata o vindeiro 10 de outubro, nunha das salas do Centro Cultural do Porriño, podedes visitar a exposición: "A boa educación".

Organizada polo A.M.I. (Arquivo Municipal da Imaxe) a exposición amosa a través de fotografías e paneis explicativos a evolución do ensino no Porriño (e, por extrapolación en Galiza) desde principios do S.XX ata mediados dos anos 60.

Mergullados entre as fotos de grupos e os retratos das distintas épocas, os paneis guíannos nunha viaxe no tempo; desde unha situación inicial calamitosa, con locais en alugueiro e sen medios, pasando polas melloras promovidas desde a emigración, ata a renovación pedagóxica nos tempos da República e a volta á escuridade coa Guerra Civil e a posterior represión franquista.

Nesta viaxe, un pode descubrir historias sorprendentes, coma a do mestre Luís Carragal Peón, que durante a República foi quen de crear unha Cooperativa Rural anexa á Escola Nacional de Nenos, na parroquia de Budiño, exemplo de experiencia innovadora única no noso País.

Por último, nun recuncho da sala recréase unha aula de entón con mobiliario cedido por MUPEGA (Museo Pedagóxico de Galiza).

Anímovos a visitala, paga a pena.





1/10/08

O meu fragmento favorito

E para inaugurar a sección de citas e fragmentos favoritos, aí vos deixo o meu. A elección non era doada xa que son moitas as citas que me viñan á cabeza pero había que escoller unha. Espero que vos guste (Ana, a profe de Física e Química).

-El mundo es eso-reveló-. Un montón de gente, un mar de fueguitos.
Cada persona brilla con luz propia entre todas las demás. No hay dos fuegos iguales. Hay fuegos grandes y fuegos chicos y fuegos de todos los colores. Hay gente de fuego sereno que ni se entera del viento, y gente de fuego loco, que llena el aire de chispas. Algunos fuegos, fuegos bobos, no alumbran ni queman; pero otros arden la vida con tantas ganas que no se puede verlos sin parpadear, y quien se acerca, se enciende.
El libro de los abrazos
Eduardo Galeano