28/5/14

GRANDES AVENTUREIROS DE ONTE E DE HOXE



Estes meses de primavera son un bo momento para pensar en AVENTURAS e lanzarse a elas, pero como sexa que temos que traballar e ir á escola, pode ser un bo xeito acompañar os grandes aventureiros da ficción literaria de onte e de hoxe.  

Menos mal que contamos con eles para ampliar o noso mundo e suavizar as nosas ansias!






De entre eles queremos destacar e presentarvos os nosos queridos TINTINBLUEBERRY e, como non, CORTO MALTÉS; que habitan a nosa biblioteca, pero a día de hoxe non son moi frecuentados. Quizá temos que pensar que non están de moda, que non van cos tempos, que non enganchan aos mozos e mozas de hoxe?



Facémonos cargo de que cada xeración ou cada época ten os seus heroes, o seu imaxinario, as súas referencias; pero tamén é certo que hai personaxes e historias que son imperecederas e ademais son obra de autores de gran valía, como Hugo PrattHergè ou Charlier and Giraud, só por nomear os que podemos considerar xa clásicos da BD de aventuras.
Quizá na actualidade e no mundo da BD, estes personaxes foron substituídos polos heroes do MANGA ou do ANIME xaponés, que son os que máis atraen e maís se solicitan en calquera biblioteca...

Dito isto, en diferentes entregas, imos falar un pouquiño deles, pois cremos que ás novas xeracións lles poden resultar interesantes e divertidos estes heroes humanos, tan humanos...



 ------------------------------------- * ---------------------------------------

22/5/14

MARATÓN DE LECTURA. JULES VERNE. VINTE MIL LEGUAS BAIXO DOS MARES


2014. Maio. Maratón Lectura. from biblosvivos on Vimeo.

Este venres 16  de Maio, véspera do DÍA DAS LETRAS GALEGAS, quixemos facer o MARATÓN DE LECTURA, que este ano adicamos a JULES VERNE; xa que nos pareceu unha boa opción en relación ao lema da BE deste curso: "Viaxes reais Viaxes imaxinadas"; ademais de conmemorar así as LETRAS GALEGAS.



Limos en varias linguas "VINTE MIL LEGUAS BAIXO DOS MARES", en galego, portugués, francés, castelá, inglés, e incluso un fragmento en árabe, que leu Ettohami, e outro fragmento en italiano, que leu José Luis, o noso mestre xubilado, pero sempre activo para apoiarnos e axudarnos nas nosas actividades culturais. Agradecemento dende esta páxina, a el e tamén a todas as persoas que participaron na lectura e na organización do evento, especialmente á nai, pertencente á ANPA, que se achegou tamén a compartir a lectura con nós.


Apuntar que en Vigo, promoveuse nos últimos anos a creación da "Sociedad Verniana de Vigo" que nace en 2012, formada por escritores, periodistas, profesores, etc, coa finalidade de ter a Jules Verne e a súa obra, en concreto "Vinte mil leguas baixo dos mares" como refente para promocionar a cidade de Vigo e difundir as referencias que o autor fai na súa novela desta bahía e do afundimento dos galeóns de Rande; e as visitas que Verne fixo ao lugar en dúas ocasións, que saibamos. 




13/5/14

DÍA DAS LETRAS GALEGAS CON XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO

Difundimos algúns documentos para achegármonos a Xosé María Díaz Castro:

                 7 poemas de díaz Castro, recitados por varios escritores galegos.

                       Traballo do Obradoiro de Plástica do IEs  As Barxas.

Documental realizado polo CPI dos Dices-Rois sobre o poeta Díaz Castro. Nel inclúense entrevistas con Alonso Montero, Alfonso Blanco, Armando Requeixo, Darío Xohán Cabana, Xaquín Campo Freire, Margarita Ledo Andión, Rosa Aneiros...


Unha melodía coñecida para uns versos por descubrir. A nova proposta do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz.


Debate Na Encrucillada 29M. Praza de Sta. María (Lugo). Mini e Mero interpretan Penelope, acompaña Eduardo Corbelle ao violín.

 Exprés. Boletín de Novas da CGENDL (Nº 2)


10/5/14

EL CAMINO DE LOS SENTIDOS

"La seguridad es más que nada una superstición. La vida es una aventura atrevida o no es nada".
"Las cosas más bellas y mejores en el mundo, no pueden verse ni tocarse pero se sienten en el corazón". (Helen Keller 1880-1968. Escritora estadounidense).

O encargado de presentar esta actividade foi Fernando, o noso Xefe de Estudos, quen recordou as palabras de Helen Keller, sorda e cega, para introducirnos na emotiva experiencia que este venres compartimos con Gerardo e Javier Pitillas.



Javier, ademais de ser un bo amigo seu, ten o cometido de acompañar a Gerardo, sordocego, para servirlle de guía e intérprete a través da linguaxe de signos que fai sobre as súas mans e sobre o seu corpo. Unha linguaxe que consiste en escribir as maiúsculas na palma da man, pero que foi avanzando ata usar a linguaxe de signos por palabras. Coñeceuno sendo entrenador de atletismo na ONCE, despois fixo con el lanzamento de peso, e despois bicicleta, adaptándose segundo evolucionan as súas facultades. Leva con el 13 anos e o recorda con moito cariño, como alguén especial. Gerardo é todo ánimo, forza, alegre, limpo, perfeccionista, con ganas de vivir..., é un querer falar constante, tocar e achegarse ás persoas, sempre pedindo aprobación sobre se o que fai ou o que di estivo ben. Nútrese dese contacto cando está acompañado, e lle ocupa o seu pensamento nas horas de soidade. Xúrdenos a dúbida, o asombro porque non sabemos se somos quen de poñérmonos no seu lugar, na construción e sensación que do mundo e da realidade terá unha persoa que non ve nin pode oír. Ese illamento,  supoñemos que se rompe cunha maior sensibilidade doutros sentidos, como o tacto, o olfato... e unha mente aguzada que observa as cousas doutro xeito, que ten unha imaxe das cousas táctil, olfativa...


Gerardo pode falar algo e articular sons porque ata os 16 ou 17 anos tiña algo de visión e certa capacidade para escoitar algo. A súa enfermidade foi xerada pola rubeola que padeceu a súa nai durante o embarazo. Gerado ten agora 36 anos, pero neurolóxicamente é como se tivera 65. Pero Gerardo ama a acción, o deporte, a música, saír e facer camiño... "El Camino de los Sentidos", esta experiencia que de ser un soño pasou a ser realidade, esta idea de facer o Camiño de Santiago no ano 2009. Javier  implicouse, acompañouno dende Roncesvalles ata Santiago (790 km), parando de albergue en albergue, sobre un tandem especial adaptado ao seu problema: este vehículo diante leva a Gerardo, quen pedalea pero sobre dúas rodas, e detrás vai Javier pedaleando e sobre unha roda. Esta especie de triciclo permite que os dous fagan o esforzo e movan as pernas, tramo a tramo do Camiño. Resultou ser unha magnífica experiencia para todos os que o acompañaron, tan importante para Gerardo como para Javier, polo enriquecemento que supuxo no persoal a súa estreita relación e o esforzo realizado; sendo unha viaxe física, pero sobre todo emocional.


O documental foi realizado despois de preparar os contactos pertinentes a empresa holandesa que fabrica o tandem que os transporta. Así é como se viron envoltos nunha rodaxe que os acompañou ao longo de todo o traxecto, pero que non dificultou a súa andaina para nada. O obxectivo deste documental é que se vexa que se trata de persoas cunha vida e con dereito a avanzar e ser felices. Queda patente do que son capaces, o que necesitan e o que poden darnos persoas como Gerardo.


Esto que parecía unha loucura, unha vez concluído o Camiño no 2009, sorprendeulles véndose envoltos en maís proxectos que os levaron a facelo tamén en anos sucesivos con diferentes persoas con diferentes problemáticas: de Madrid a Galicia, o Camiño de Santiago de novo, o Camiño pola costa, outra viaxe polas provincias de Ourense e Pontevedra parando en casas de amigos. 
Así participaron tamén no documental "El desorden de los sentidos", que narra a experiencia de Gerardo e Antonio, quen non pode falar nin andar, e de como durante varios días de compartir un itinerario mesturaron os seus sentidos para apoiarse e convivir nesta nova experiencia. E agora mesmo están ocupados en preparar o necesario para ir a Italia: ata Roma en furgoneta, despois 12 días en bicicleta ata Francia...cumprindo un dos soños de Gerardo, quen, como vemos,  non se para ante nada.

Por certo, fináncianse con rifas, así que todas aquelas persoas que queiran contribuír que falen con Fernando!



TAMÉN LEN. ABRIL coa antiga alumna ROSA.

O martes 29 de abril a nosa invitada ao TAMÉN LEN  foi a ex-alumna ROSA, quen departiu con nós animadamente e fixo unha homenaxe ao recentemente desaparecido GABRIEL GARCÍA MÁRQUEZ (Aracataca, Colombia 1927- México DF.2014), lendo un dos contos publicados no libro "Doce cuentos peregrinos", titulado "Tramontana", que seguimos atentamente engaiolados pola ricaz linguaxe do gran escritor latinoamericano.

Macondo, ese lugar imaxinario creado por García Márquez na súa obra máis aprezada "Cien años de soledad", é un estado de ánimo, segundo explicaba o propio autor, está en calquera lugar dos vividos: Barranquilla, Caracas, A Habana, París, Barcelona, Cidade de México. Quere ser un mundo antigo e novo á vez, onde sexa posible a utopía, e a liberdade, a paz, a xustiza, a educación, o amor..., como defendeía este autor inmortal que cría na humanidade.

A presentación correu a cargo dun grupo de alumnas/os e profes que nos deleitaron coas súa voces acompañadas de pandeireta tocada por Andrea, quen comparte coa invitada clases de canto e pandeireta, xa que Rosa leva anos no grupo "DONICELAS" e tamén impartindo clases. O coloquio foi fluído e, coma  sempre, entrañable.





2/5/14

CÁNDIDO PAZÓ.O poder da Palabra.

Nunha actividade organizada por Normalización Lingüística para todos os niveis da ESO, este luns 28 de abril estivo no IES Pedras Rubias Cándido Pazó, a quen podemos presentar como un home de teatro moi completo, pois é actor, director, escritor, adaptador, narrador oral, cómico... cunha longa traxectoria que comezou en Vigo co grupo de teatro "A Farándula".


O poder da Palabra é o título do espectáculo que compartiu con nós. El mesmo explica que "é maís rápido viaxar coas palabras que en avión". Para conseguilo non ten máis que subir a unha escada vermella de catro chanzos, modular a voz enfatizando oportunamente as pasaxes coas que quere atrapar a nosa atención, baixar dela, volta a subir 1, 2 chanzos,  para empezar a contar a historia de Tareixa de Soutelo, quen de nena non coñecía ao seu pai, emigrado en Montevideo, que ía voltar cando chegara o inverno. Pero o tempo é longo para a nena Tareixa e a nai pensa que o mellor será entreterlle a espera á súa filla contándolle un conto cada día para que aprendera a esperar...

Este recurso sírvelle ao actor para manter un fío condutor, namentres pode ir e vir dunha historia a outra sen se perder. A súa intenión é facerlle un monumento á emigración, falar da metáfora dunha inxustiza, pero pensar que toda inxustiza pode ser corrixida co alento solidario.
Na posta en escena destaca a súa vestimenta de cor vermella para chamar a atención e darlle unidade e significado á súa persoa como portadora de historias, dese poder da palabra... Xoga todo o rato coa imaxinación, cos xestos, cun mínimo de obxectos que se transforman, sempre en clave de humor, falando tanto de épocas pasadas como da actualidade, de contos tradicionais, como de manga ou anime xaponés actual... e unificando o espazo entre o actor e o público cunha luz uniforme e alta para xerar diálogo.

Vaia, que pasamos un bo rato rindo coa súa actuación e disfrutando do seu saber facer!!