Mostrando entradas con la etiqueta divulgación. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta divulgación. Mostrar todas las entradas

17/9/14

HOMENAXE: LEMBRANDO FRIKI PRODUCTIONS CORPORATION


Como sexa que as múltiples tarefas ao longo do curso manteñen a nosa atención enleada noutros mesteres, acordamos que agora era o mellor momento para facer unha semblanza e lembranza dos compañeiros que acabaron 4º ESO en xuño de 2013, David Gómez e Jose Barros, unha vez que deixaron o instituto e unha especialísima impronta entre nós, nas aulas, no Club de Lectura "Siareiros da Palabra", no grupo de teatro “Mutis polo Foro”, na dinamización do espazo bibliotecario “ao seu xeito” con aportacións audiovisuais que deixan apreciar a súa evolución e mellora tentando dominar técnicas de gravación e montaxe de video, que beben das influencias literarias e cinematográficas que uns adolescentes como eles foron quen de adquirir á súa idade.


Imaxinación, inquedanza, motivación, seguridade en si mesmos, un particular xeito de adquirir coñecementos, un saber aprender a aprender autónomo en todo aquelo que esperta o seu interese.
Personalísimos, ao seu aire, caóticos, pero ao fin e ao cabo ocupando horas en “facer” os seus experimentos cinematográficos ou documentais, sen esquecer un ton crítico e de compromiso con diversos aspectos da realidade.

Para mostra, uns cantos videos da súa creación onde poder disfrutar do seu particular sentido do humor, do seu enfoque orixinal e do seu empeño por contribuír a difundir o mundo da lectura, do cinema, da B.E., e que teñen xa o seu lugar de honor no espazo bibliotecario que axudaron a anovar e enriquecer.

- Unha das curtas dos primeiros tempos foi a que lles inspirou o visionado do filme de Alfred Hitchcock, Psicose (enlace). Hai que dicir que ás novas xeracións os efectos especiais do mago do suspense e o seu sentido do terror déronlle risa naquela sesión do Club de Lectura onde coñeceron este filme.
- Destacamos un video musical "Quién te quiere" de presentación  duns namorados das computadoras, que nos serve de simpática introdución cada curso para iniciar a Alfabetización dixital. De fondo a canción de Carlos Baute “Como tú”. Dicir que empregaron unha noite enteira de desvelos en facer este traballo.


Quién te quiere (versión PC) from biblosvivos on Vimeo.

- Experimentaron facendo unha divertida versión emulando as cabeceiras dos grandes Estudos Cinematográficos de Hollywood, que deron en chamar FRIKI PRODUCTIONS CORPORATION. Isto, que parece nada, foi un traballo laborioso e levoulles unha chea de horas facelo para acadar un resultado tan convincente.
- Un bo principio de curso, apareceunos David Gómez cunha cuña publicitaria para atraer usuarios da B.E., coa que experimentou e perfeccionou novas técnicas. O resultado aquí está: pasen e vexan o misterio de Cali Potter e a Biblioteca filosofal, baseándose na existencia do noso querido morador perpetuo, a pantasma Cali, condenada a vagar eternamente entre os andeis da biblio, e inspirándose tamén, como non, nun dos personaxes favoritos de David e Jose: Harry Potter.


cali potter from biblosvivos on Vimeo.

- Non foi menor a aportación de Jose Barros, quen, moi lúdico, tivo a ocurrencia, a destreza e a arte de ser quen de crear ou recrear un videoxogo particular para a Biblioteca Calixtina, collendo como protagonista a pantasma Cali e animando e premiando a todo aquel que sexa capaz de conseguir liberala da súa eterna condena, a través deste xogo titulado O rescate de Cali. Xogo que se pode usar para adquirir as destrezas pertinentes, dende os ordenadores da B.E. e da aula de Informática, e que para o futuro consideraremos como un posible Concurso ou Torneo para explotar o que poden ter de positivo os videoxogos.
- O seu último traballo para nós foi unha curta coa que pretendían, unha vez máis, atraernos e invitarnos a un mundo tan especial como o das bibliotecas. Para iso, non se lles ocorreu mellor idea que inquietarnos con tremores, derrubamento de libros e dos muros que abrían "as súas carnes" para deixarnos paso e camiño a un espazo onde algo moi atractivo se move… A Biblioteca.
 
David, Javier e Jose presentando en xuño 2013 as súas obras

Unha biblioteca viva from biblosvivos on Vimeo.

Grazas pola súa compaña, aos que marcharon: Jose e David, e aos seus colaboradores: Javi e Isaac, que aínda estiveron con nós este curso,  porque aprendimos moito xuntos e desexamos que a súa viaxe por paraxes reais e imaxinadas sexa moi, moi afortunada.

Por certo, David quere ser director de cinema e Isaac quere ser actor, e falan en serio. claro que si.

                                                               O Equipo da Biblioteca Calixtina.
                                                               Salceda de Caselas, 2013-2014.











15/3/14

"A PESAR DE TODO QUÉROTE". FILME EDUCATIVO PROMOVIDO POLA CONSELLERÍA DE CULTURA E EDUCACIÓN.

A Consellería de Cultura e Educación, a Televisión de Galicia e Adivina Produccións lanzan unha iniciativa pioneira na educación en valores da mocidade a través da película ‘A pesar de todo quérote’. 

Deixamos o enlace a esta nova que parece interesante. O filme estará colgado na web da Consellería acompañado dunha Unidade Didáctica sobre a educación viária, a educación para a saúde e as feridas emocionais...

É a primeira vez que se fai unha estrea paralela dunha película na televisión e no espazo web da Consellería, desde onde se difundirá aos centros educativos a través da Aula Aberta Abalar. 

23/11/11

La vuelta al mundo de un forro polar rojo

Título: "La vuelta al mundo de un forro polar rojo".
Subtítulo: Pequeña historia de la gran globalización.
Autor: Wolfgang Korn.
Ilustracións: Birgit Jansen.
Editorial: Siruela.
Lugar de Publicación: Madrid.
Colección: Las tres edades.
Ano de publicación: 2008 Berlín.
Publicado en España: 2010.
Premios: Premio ao mellor libro xuvenil de divulgación científica en Alemaña.

Sobre o autor: Wolfgang Korn naceu el Lünen, Alemaña, en 1958, estudou Historia, Ciencias Públicas e Periodismo. Vive en Hannover e colabora como periodista para revistas e xornais como GEO e DIE ZEIT.

A medio camiño entre a experiencia persoal, o traballo de campo, o periodismo de investigación, a divulgación e a testemuña crítica, está este xogo hipotético -que ben podería ser real- que o autor artella para levarnos a unha viaxe polos trastocados miolos do comercio internacional, a producción e as condicións laborais: dende o petróleo de Arabia, pasando pola industria téxtil do Sur de Asia, a conexión con Alemaña, ata chegar ás costas de África e finalmente ás Illas Canarias a bordo dun cayuco. Será no último capítulo onde o autor nos convoque para preguntarnos: cómo podemos cambiar entre todos o final deste relato.

O alumnado de 3º ESO do PDC está a lelo actualmente e logo o fará o de Obradoiro de Iniciativas Emprendedoras. Gustaríanos que compartísedes con nós as vosas impresións.

26/10/11

"La puerta de los tres cerrojos"

Preme aquí para ler o primeiro capítulo
Que vos parecería atravesar unha porta e atopar como regalo o nacemento do universo cun big bang de estrea para vós ou ter entradas para un partido entre a materia e a antimateria e non digamos podervos teleportar, seren perseguidos por buratos negros,bailar na pista dunha discoteca rexida polo principio de incertidume ou viaxar case á velocidade da luz nun acelerador de partículas?


Todo isto e máis sucédelle á Nico, o protagonista deste alucinante libro que descubrín por casualidade hai tan só unhas semanas. O primeiro que sentín ao escoitar falar do libro foi sorpresa, o segundo curiosidade e o terceiro, vouno confesar, certo escepticismo. Sería quen, a autora, Sonia Fernández-Vidal (cun curriculum impresionante e que ten traballado nos principais centros de investigación de partículas, incluído o acelerador de partículas do CERN)  de enganchar cunha historia para adolescentes a base de Física Cuántica? Agora que o rematei penso que consegue algo máis importante, despertar a curiosidade, as ganas de saber máis dese mundo que, aínda que a outra escala, é tamén o noso: o mundo cuántico.

Para saber máis podedes consultar a páxina web,  escoitar unha entrevista que concedeu a autora para RTVE. ou ver este video sobre os aceleradores de partículas.