9/12/14

MARGA SOTO NO TAMÉN LEN DE DECEMBRO.

Acaba de estar connosco, hoxe no recreo, Marga Soto, dona da Libraría Lemos de aquí, de Salceda. Estivo moi ben acompañada por Juan, Andrea e Mireya, de 2º ESO, que fixeron unha completa presentación da nosa invitada.


Sabendo que estamos a traballar as Ciencias na Biblioteca, quixo ler un capítulo do libro "A evolución de Calpurnia Tate". Nel fala da relación que a protagonista ten co seu avó, e como, dende o respecto mútuo, comparten o amor polo descubrimento dos fenómenos naturais; el coa experiencia e a paixón que non diminúe coa idade, e ela coa curiosidade e a ansia xoven de saber e con todo por descubrir...
É un libro que este outono tamén estivemos lendo no Club de Lectura, e non deixamos de recomendalo.


Houbo tempo para o coloquio con Marga, quen nos falou da súa profesión de libreira, da que gusta moito, sobre todo polo trato coas persoas; e de como concilia o traballo co coidado dos seus fillos.
Quixo ser mestra, pero iso quedou atrás...


2/12/14

MAGOSTO TERRORÍFICO

Deixamos a crónica do acontecido no mes de Santos e Defuntos: sesión de Lecturas Terroríficas co protagonismo da estadea, seguida, como xa dixemos, polo concurso de caracús, e esa Santa Compaña que participou tamén no "Magosto Terroríficoque tivo que adiarse por mor da choiva, pero que por fin disfrutamos o mércores día 19. Cada curso concursaba disfrazándose de aparecidos e coa posta en escena de cadanseu magosto.




















A organización do evento partiu de Normalización Lingüística, e tivo a colaboración de todas as partes. O mestre de cerimonias foi Raúl, quen se transmutou en "morta vivinte" aparecida no Muiño da Cernada -fermoso lugar no bosque a carón do noso insti e perfecto decorado para tan desacougante experiencia- onde nos trasladamos en nutrida, fantasmagórica e espectral procesión a Santa Compaña, estadea ou estantiga -como se lle chama en diversos lugares de Galicia-, Fiz de Cotobelo, innumerables zombies, seres diversos e estraños..., todas as almas sobrecollidas pola súa voz, que susurraba improvisando inquietantes historias do alén...


Quede aquí o video de tamaña experiencia colgado no sitio web do insti, e tamén, o relato que Raúl Francés escribiu lembrando cando de rapaz "descubriu a Santa Compaña", que podedes ler entrando no "Espazo de Creación" no apartado "Cousas de noso", na columna dereita deste blog, onde sabedes que calquera de nós pode participar cos seus escritos.