24/2/12

E a gañadora do "Amor na rede" é...


Onte no recreo houbo reunión de MQs para escoller o corazón gañador do noso concurso "Amor na rede". Despois de escolmar aqueles que cumprían as bases, fixemos unha selección de catro finalistas. Logo dunha difícil e rifada votación, o gañador foi o corazón que tedes abaixo na imaxe, que viña asinado como "Piolín" e resultou pertenecer a Cristina Vaqueiro Gómez de 3ºC.

Noraboa, Cristina!!! E xa sabes, vai pensando en a quen vas levar de cea...



Os outros tres finalistas pertencen a Jessica Bonet Iglesias (4ºA), Celina Fernández Vázquez (3º D) e Karen Engster (3ºA).

Ficamos moi satisfeitas pola numerosa participación. Grazas!

12/2/12

Exposición do “Catálogo de best-sellers imaxinarios”



Unha das actividade desenvolvidas durante a formación de usuarios que levamos a cabo no primeiro trimestre, consistiu en pedirlle ao alumnado que deseñase a portada dun libro (novela, libro ilustrado, banda deseñada, divulgación, xuvenil,... en galego ou castelán), do que deberían inventar ademais o título e o autor/a/es. Posteriormente tiñan que catalogalo e poñerlle o tellolo correspondente. 

O resultado dos traballos superou as nosas expectativas polo que decidimos mostralos a través dunha exposición, como xa adiantabamos na entrada anterior, titulada "Catálogo de best-sellers imaxinarios" e que se atopa no corredor, xusto diante da nosa biblioteca.


Para os que non a poidades visitar in situ, aquí vos deixamos unhas fotos.



Mais... o deseño non é o único que se lle dá ben ao noso alumnado. Para mostra, deixámosvos as tres DEFINICIÓNS de BIBLIOTECA que escolmamos, das obtidas durante a formación, por seren as que máis nos emocionaron.

“A biblioteca é un sitio onde os libros invaden a imaxinación dos nenos”

    Alexandre Gesto Romero. 1ºA



“ A biblioteca é un marabilloso lugar onde vivir aventuras nun grande mar de  fermosas letras".
    Alejandro Romero Veloso”. 1ºB

“Unha biblioteca é como un conto cheo de letras fermosas que te atrapan dentro dela".
    Yéssica Bras Sanjuán 1ºB


10/2/12

Begoña Caamaño pon o anel de Palova

 Onte o club de lectura de profes "O anel de Palova" vestiuse de gala coa visita de Begoña Caamaño, autora de "Circe ou o pracer do azul". A escolla do libro xurdiu por unha das recomendacións do Marzo en feminino do curso pasado.

O pracer foi, realmente, dos asistentes, que gozamos coa simpatía e proximidade de Begoña. Escoitáronse moitas e diferentes versións da obra. Xurdiron reflexións sobre os afectos, as relacións, os mitos, a súa actualidade... Aprendemos que un libro mellora cando o compartes. Moitas grazas, Begoña, foi un pracer de todas as cores!

9/2/12

Formación de usuarios da Biblioteca Escolar

Formación de usuarios on PhotoPeach


Este curso, unha das nosas prioridades era establecer a Formación de Usuarios de Bibliotecas para todos os niveis da ESO.


Como tiñamos planificado, foi impartida no 1º trimestre polas profesoras da Comisión da B.E. coa colaboración voluntaria de varias profesoras e a presenza dos titores/as : 

-       Os grupos de 2º, 3º e 4º foron formados en 3 sesións  cun achegamento ao  esencial sobre a CDU, a organización e instalación dos fondos da nosa biblioteca, dos servizos que  prestamos, sobre o contido dos blogs, etc; tendo como resultado unha valoración moi positiva por parte do alumnado, se ben botaron en falta máis sesións prácticas.
-   Os grupos de 1º asistiron ás sesións na biblioteca, acompañados dos seus titores/as, nesta actividade programada para un trimestre na hora semanal do Print; pero como comezamos a mediados de outubro, aínda seguen co traballo da 2ª unidade sobre Formación Documental guiados polos seus titores/as. Valoraron a formación como interesante, práctica, necesaria, entretida, dándolle a coñecer un mundo ao que agora se achegan co entusiasmo e a seguridade que dá o coñecemento dos seus usos, funcións e actividades, tanto no espazo real como no espazo dos blogs da B.E. e do Club de Lectura, onde algunhas das cousas que botaron en falta foron xogos educativos e máis música, e chamoulles moito a atención o kiosco de prensa, os audiolibros, o acceso ao catálogo da  biblioteca, a trastocada vida da Fantasma Cali (moradora perpetua da Calixtina) e moitas das actividades pasadas, onde comprobaron que os seus antigos compañeiros/as e nós o pasamos moi ben participando delas.

A verdade é que quedamos moi satisfeitas do traballo realizado e agradecemos a boa predisposición xeral; sen olvidar facer extensiva a formación entre o profesorado tamén -¡no caso de necesitala!-. Así as cousas, conseguimos acadar un mellor e maior funcionamento dos espazos bibliotecarios, que son múltiples e de todos nós.

Só engadir que para o próximo curso estamos ampliando o noso coñecemento sobre “Educación Documental Dixital”, que vos ofreceremos para saber máis e máis, neste mundo tan amplo que parecera non ter límites…


Ah!, e non deixedes de ver a

Exposición do “Catálogo de Best-sellers Imaxinarios”

magnífica mostra de aprendizaxe e inventiva que vos mostraremos na próxima entrada de formación de usuarios.

7/2/12

Concurso: O amor na rede


Bases Do Concurso Amor na rede

4/2/12

Alicia Borrás visita o noso centro.




Alicia Borrás Sanjurjo, autora de Nata y Chocolate, visitounos o xoves 2 de febreiro, para falar do seu libro, pero iso non foi máis que unha desculpa para encher todo o noso instituto de cariño, caricias e apertas. Non podemos definir o acto de charla porque desde o mesmo momento en que entraron os alumnos de 1º da ESO no salón de actos houbo un intercambio verbal constante entre autora e lectores. Porque os presentes, lectores/as entusiastas do libro, expuxeron opinións e dúbidas sobre o libro, que Alicia foi respondendo tal  e como é ela, entusiasta, sensible, cariñosa, rebosando paixón pola lectura... Todo rematou cun intercambio de apertas e asinando libros aos seus entusiastas lectores, agora xa fieis seguidores que esperan ansiosos a publicación da segunda parte de “Nata y Chocolate”.


FICHA DE LECTURA:

Título: Nata y chocolate.
Autora: Alicia Borrás Sanjurjo.
Ilustradora: Anuska Allepuz.
Editorial: Anaya.
Colección: Sopa de libros.
Lugar de publicación: Madrid.
Ano de publicación: 2010.

ARGUMENTO: 

O libro relata o acoso escolar que sofre Sonia, unha rapaza albina de once anos. A situación vai mudar coa chegada dunha nova profesora, Inés... e non vos imos destripar máis, se queredes ler o primeiro capítulo premede AQUÍ.

3/2/12

Tamén len... con Rubén


Na sesión do Tamén len de xaneiro tivemos con nós a Rubén Rodríguez, o noso benquerido administrativo que nos veu ler un relato curto de Edgar Allan Poe titulado "Silencio". 

Silenciosa foi a nosa escoita, mentres Rubén, cunha potente e suxestiva entoación, conseguía poñernos a pel de galiña con tan terrorífica lectura. 

O posterior coloquio serviunos para coñecer máis a fondo ao noso compañeiro; qué tipo de alumno foi el no instituto, cómo se aprecia o ambiente do Centro desde a secretaría e as súas afeccións: a música, o deporte (sobre todo correr) e  a lectura. Contounos que lle encanta tocar a guitarra e compoñer as súas propias letras, que ás veces lle engade outros sons e grava as mesturas e confesounos que aínda que actuou en público algunha vez, lle pode o pánico escénico.

Foi un gran pracer escoitarte, Rubén! A próxima vez queremos, ademais, un concerto. Moitas grazas.