24/11/17

Contra a violencia de xénero.


Este venres, 24 de novembro de 2017, o instituto participou activamente na campaña "Salceda en negro", convocada polo Concello, en contra da violencia de xénero.


Primeiro fixemos unha concentra-ción no pavillón do insti, porque chovía e non poidemos facela no patio, como inicialmente estaba previsto, con roupa negra e portando carteis con lendas referentes ao día.

Lemos un manifesto no que se indicaba a ser activas e activos na loita contra esta terrible violencia.

Máis tarde, unha representación do alumnado e profesorado, baixamos á praza do Concello para participar na concentración que alí tivo lugar e onde se leron manifestos por parte da representación institucional e, tamén do Colexio Altamira e do noso Instituto Pedras Rubias. 


Sentímonos moi orgullosas e orgullosos de participar, con toda a sociedade de Salceda, nestes actos porque é asunto de todas e todos.





22/11/17

Carlos Álvarez no "Tamén len"

O venres, 17 de novembro, visitou o instituto o arquitecto Carlos Álvarez, no programa "Tamén Len"

Autor da reforma do edificio do vello Concello, hoxe, biblioteca municipal, Carlos é un porriñés de nacemento que, dende hai anos, vive en Salceda coa súa familia. 

Na súa charla, que foi moi amena, lembrounos a oportunidade de achegarse á lectura a través das letras das cancións e os discos.
A súa escolla foi a dun dos seus grupos favoritos: Love of Lesbians.

Mais, tamén, falamos do antroido, unha das paixóns de Carlos; de arquitectura; da necesidade de aprender a ser cidadáns críticos e informados; do deporte, como actividade ideal para osixenar o cerebro; e moitas outras cousas.

Como sempre acontece, o tempo do recreo fíxose escaso e quedamos con ganas de continuar falando e escoitando.

Paula Vila no "Tamén Len"

  O 24 de outubro, visitounos, no "Tamén len", Paula Vila, a profesora de música do colexio Altamira.


Leunos o libro "A banda de Vilacendoi"



Foi un día de festa voltar a tela con nós, agora que estamos no instituto e non temos tantas posibilidades de vela

Que mellor que recibila con música?



A música sempre foi a mellor tarxeta de visita de Salceda.

Por iso, a visita de Paula foi coma unha doce melodía.

Diplomas ao voluntariado da biblioteca

O labor da biblioteca sería imposible sen a aportación diaria, nos recreos, do grupo de voluntariado.
En proba de gratitude, a comunidade escolar do instituto, representada por Chefa, a directora, e Ángeles, a bibliotecaria, fíxolles entrega a cada unha delas dun diploma acreditativo do seu compromiso.
Como podedes comprobar, pola foto, as mulleres son un piar imprescindible no que acontece, non só na biblioteca, senón en todo o instituto.
Grazas, mozas!!