11/6/18

TERRITORIO DAS ARTES



Territorio das artes é o lema escollido pola biblioteca para levar un proxecto multidisciplinar no que se desenvolven as intelixencias múltiples do alumnado.



Con esta idea, os departamentos de plástica, historia e música coordináronse na elaboración de distintos traballos que plasman a idea.





Como resultado deste labor conxunto, o alumnado do instituto implicouse e materializou, en diversas obras a súa concepción da arte. 

Realizando, en cada curso, un traballo de investigación, coordinación e elaboración do temario tratado durante o ano.
Así, a idea prantexada pola biblioteca deu como resultado unha exposición de traballos artísticos que amosan as diversas concepcións de arte e artistas.

Podes ver, neste enlace, o resultado final







6/6/18

Xadrez na biblioteca

TORNEO DE XADREZ “CABALO DE PEDRA 2018”
Na biblioteca do centro (espazo onde tamén se desenvolven ás clases desta materia)  e dende o luns 7 do mes de maio, estase a celebrar o torneo de xadrez “Cabalo de Pedra 2018”. Cun total de 40 participantes –alumnado e profesorado do IES-, desenrólase un emocionante torneo que está a espertar un grande interese que se concreta nun importante seguimento das partidas durante os recreos.

O torneo desenvólvese con enfrontamentos eliminitarios ao/á mellor de dúas partidas cunha partida máis de desempate no caso de ser preciso. Son cinco as/os participantes que chegaron a rolda final que determinará aos tres primeiros clasificados/as no torneo. A falta do enfrontamento final entre os que serán 1º e 2º clasificadas/os, neste días estase a disputar unha liguiña entre os/as 3 semifinalistas para o 3º posto.

A xaquear!... E que gañe a/o mellor!


Chus e Irma no "Tamén len"

Visitáronnos, no "Tamén Len", Chus e Irma. A nosa profe de inglés e a nosa orientadora, que agora están traballando en dous institutos de Vigo. E foi unha festa porque tiñamos ganas de velas e botámolas moito de menos.

O programa "Tamén len" sirve para achegarnos e coñecer a persoas que non están fisicamente no instituto e saber de cales son os seus gustos literarios pero, tamén, como neste caso, para voltar a entrar en contacto con persoas que estiveron neste instituto e, agora, por diversas circunstancias xa non están con nós. 

E ese foi o caso deste día.

Como non podía ser doutro xeito, a chegada de Irma e Chus, levantou gran espectación, tanto no profesorado como no alumnado porque deixaron aquí unha fonda pegada e todas e todos tiñamos ganas de saber como lles ía nos seus novos destinos.
Logo dos bicos e apertas, fixémoslle un recibimento musical, do que se encargou Uxía, que interpretou unha cantiga de Amy Winehouse, acompañandose coa súa guitarra.
A música é un lugar común de encontro no instituto e en Salceda.

Chus leu un capítulo do libro "Modelos de mujer" de Almudena Grandes e Irma optou por ler unha das fermosas  cartas entre Circe e Penélope do libro "Circe ou o pracer do azul" de Begoña Caamaño.

Ambas deixaron claro, coa súa elección, algo  que de sempre fixeron no insti: por en valor o papel da muller en todos os ámbitos da vida e a igualdade de xénero.

E, para iso, dúas grandes escritoras: Almudena Grandes e Begoña Caamaño, a primeira en castelán e a segunda en galego. E, ámbalas dúas, con valores firmes na búsqueda da igualdade entre mulleres e homes, na aceptación da diversidade e na necesidade da solidaridade entre as persoas.

En definitiva, Chus e Irma continúan a ser parte desas persoas coas que estás a gusto compartindo camiño.

Xa nos tarda a próxima vez que volten visitarnos.