14/6/24

Gravación programa Léochoeu para a TVG

 Hoxe tivemos o pracer de volver a recibir a Fran Alonso na nosa biblio para a gravación dun novo programa para a TVG (LÉOCHO EU) sobre os clubs de lectura. O alumnado do club de lectura de 1º BACH e 4º ESO gravou unha nova sesión do club na que falaron de novo co autor sobre o seu poemario Street Poems. Unha bonita experiencia. Moitas grazas a todos e todas e especialmente a Fran Alonso por volver acompañarnos.






13/6/24

ENTREGA DIPLOMAS VOLUNTARIADO CURSO PASADO

 Onte entregamos os diplomas ao grupo de voluntariado que o curso anterior desenvolveu o seu labor na biblioteca. Algúns e algunhas continúan tamén este curso e agardamos poder contar con eles e elas o próximo curso. Moitísimas grazas polo voso labor!



3/6/24

EXCURSIÓN FIN DE CURSO CLUB BIBLIOTECA

 Como peche ás actividades deste curso o 29 de maio fixemos unha excursión literaria conxunta co público máis fiel do Tamén Len, do club de lectura e cos colaboradores de voluntariado da biblioteca. Achegámonos ao universo literario de Domingo Villar facendo un percorrido por algúns escenarios nos que se desenvolve a novela A praia dos afogados. Visitamos así Panxón e fixemos lecturas de fragmentos da obra ademais de poder gozar dun día solleiro na praia. Grazas a todo o alumnado participante e agardamos que o próximo curso teñamos moitas máis lecturas proveitosas. Aquí vos deixamos unha pequena mostra en imaxes do día. 





20/5/24

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS

 Co gallo da celebración das Letras Galegas, dedicado estes ano a Luísa Villalta, leváronse a cabo as seguintes actividades organizadas polo Dpto. de Dinamización da Lingua: un encontro cos regueifeiros Luis Caruncho e Bieito Lobariñas, o maratón de lectura de textos e libros da autora homenaxeada na bibliotaca (xa que o mal tempo non permitiu realizalo ao aire libre como era costume). Tamén se celebrou un xogo de búsqueda do tesouro en colaboración co Dpto. de Educación Física. Ademais, na Aula Virtual habilitouse un espazo para as Letras Galegas no que se pode atopar material diverso sobre a autora.




 

19/5/24

LEMBRANDO ACTIVIDADES DE FEBREIRO


DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

 O día 23 de febreiro cumpríronse 187 anos do nacemento de Rosalía de Castro.

Para celebralo, no IES Pedras Rubias o Departamento de Lingua Galega e Literatura organizou un Concurso Artístico de Creación Propia. Para a elaboración destas creacións partiuse da inspiración da natureza, igual que inspirara a Rosalía nalgunhas das súas composicións. Dúas foron as modalidades de creación: haikus (para 1º de ESO) ou composición poética acompañada dunha planta silvestre (para os restantes cursos), en ambos casos relacionado coa figura de Rosalía de Castro e a natureza. Houbo de prazo ata o xoves 29 de febreiro.

Outorgáronse 3 premios por cada modalidade. Velaquí o alumnado premiado.





O día 13 de febreiro tamén colaboramos coa radio escolar na celebración do Dia da Radio. Preparamos un programa especial con música e poesía en feminino de autoras galegas. 

MÁIS ACTIVIDADES DE MARZO E ABRIL

 En marzo volvemos regalar poesía en forma de rolos para toda a comunidade educativa. Tamén expuxemos os poemas que se regalaban escritos en varias linguas: galego, castelán, francés, inglés e portugués. Tivo moi boa acollida e cada roliño que se abría ofrecía versos moi diversos e emotivos. Unhas fotiños da mostra:


En abril volvemos celebrar o noso mercado de libros. Fixémolo o día 24 e os participantes puideron escoller entre un bo fato de libros para intercambialos polos que eles trouxeran os días anteriores. Trocaron os vales que se lle deron a cambio de cada libro traído por un novo exemplar. Démoslle unha nova vidad a aquelas obras que xa non cabían nos andeis das casas. 

23/4/24

Novas actividades en abril

 Xa pasadas un par de semanas do comezo da última avaliación  celebramos hoxe o Día do Libro cunha nova sesión do noso Tamén Len. Desta vez visitounos unha nova escritora de Salcela, Ana Vila, coa súa novela "Laguna. Memorias del agua". Un encontro moi frutífero que deixou ao alumnado con ganas de ler esta obra e mesmo a 2ª parte que en breve publicará. 





Tamén se celebraron novas sesións dos clubs de lectura. O 8 de abril xuntáronse os de 1º e  2º ESO para coñecer a obra A lavandeira de San Simón de Eva Mejuto, unha novela gráfica que nos leva a tempos da memoria histórica a través dunha emotiva historia. O 15 de abril foron os de 1º BACH e 4º ESO os que se runiron para comentar a obra Nómades de Xosé Tomás, unha ollada reflexiva sobre diferentes problemáticas sociais que atinxen á muller. Por fin o martes 16 de abril o club de profes tivo o pracer de realizar a súa reunión co escritor Manuel Portas, autor da obrPor puntos que resultou ser unha entretida lectura sobre a que puidemos conversar con el.

22/3/24

FIN DE AVALIACIÓN CON ANTÍA YAÑEZ

Para rematar esta avaliación tivemos o pracer de recibir no centro a Antía Yáñez, autora de dous dos libros que leu a rapazada de 1º ESO: 

O misterio de Portomarín e O misterio do Torque de Burela. 

Contounos sousiñas moi interesantes de Portomarín e Burela, dos personaxes e do seu labor literario. Grazas pola visita e pasade pola biblio a ler os libriños se aínda non o fixestes, viviredes moitas aventuras.







13/3/24

TAMÉN LEN DE MARZO CON SANTI VELOSO

 Este martes 12 de marzo tivemos a nosa sesión de Tamén Len coa presenza de Santi Veloso, presidente da asociación Ponte nas ondas, da cal é membro activo o noso IES. Foi un pracer escoitarlle ler un dos relatos de Made in Galiza de Sechu Sende que axudou á rapazada a reflexionar sobre a nosa lingua. Leunos tamén outro fragmento de Dentro da literatura de Suso de Toro e falounos sobre a importancia de mantermos o patrimonio oral inmaterial que une ambas marxes do río Miño. Moitas grazas pola súa colaboración. 





1/3/24

TAMÉN LEN DE FEBREIRO

 Onte celebramos unha nova edición do noso encontro literario Tamén Len e neste caso recibimos a Arancha, dona da Librería Sernel de Salceda e antiga alumna do IES. Leunos un fragmento de Golpes de Luz, unha das últimas obras de Ledicia Costas. Foi unha lectura moi amena e coñecemos tamén facetas da vida como libreira da nosa convidada. Moitas grazas por acompañarnos e que sigamos tendo todas e todos lecturas produtivas.





19/2/24

ENCONTRO DO CLUB DE LECTURA CON FRAN ALONSO

 Hoxe tivemos o pracer de recibir a Fran Alonso para compartir con el as nosas impresións sobre os seus dous poemarios Street Poems e Cidades. Un agradable encontro onde tamén se falou da arte urbana do grafitti e mesmo escoitamos poemas da autoría do noso alumnado. Moitísimas grazas a Fran pola súa visita. Ai van imaxes do encontro.





6/2/24

Club lectura profes

 Hoxe por fin arrancamos co club de lectura de profes. Foi unha xuntanza moi agradable e produtiva no que cada un e cada unha de nós debullamos a obra que lemos para esta ocasión: Azucre de Bibiana Candia na que se dá conta dun feito (descoñecido para moitos e moitas) que marcou a historia galega da emigración en 1853 cando un grupo de case 1800 rapaces galegos partiron nun barco dende Galicia para traballar como escravos na recollida da cana de azucre en Cuba. Intercambiamos impresións e enriquecémonos coas achegas sobre diferentes aspectos da obra as cales resultaron moi interesantes. Vémonos en abril co próximo libro.






5/2/24

Club de lectura sesión de febreiro

 Hoxe volvemos reunirnos no club de lectura arredor de dous poemarios de Fran alonso, autor que nos visitará o día 19 deste mes para poder comentalos con el. Cidades é o título do que len en 1º e 2º ESO e Street Poems o que lemos en 1º BACH e 4º ESO. Ademais neste último grupo volvemos comentar cousiñas sobre Made in Galiza e Enderezo descoñecido, dúas obras que gustaron moito. Aquí van as portadas para que vos animedes a ler.


29/1/24

EDICIÓN DE XANEIRO DO TAMÉN LEN

 O xoves 25  tivo lugar a edición de xaneiro do noso Tamén Len e desta volta tivemos o pracer de compartir lecturas e conversas con Alejandro Rodríguez, concelleiro de cultura de Salceda de Caselas. Leunos uns dos ralatos que compoñen a obra Made in Galiza de Sechu Sende, coa que reflexionamos, entre outras cousas sobre a necesidade de valorarmos a nosa lingua propia e ao tempo a nosa cultura. O acto comezou coa interpretación ao piano de dous dos noso alumnos de 2º de BACH, Sara e Breogán, compañeiros de Alejandro na Banda de Música de Salceda. Aquí deixamos unha mostra visual do encontro. Agardamos vervos na próxima edición.