27/3/14

DÍA MUNDIAL DEL TEATRO. 27 MARZO

"El teatro es el termómetro de la salud de un pueblo". -Federico García Lorca.

"O teatro consiste en representar figuracións vivas de acontecementos humanos ocorridos ou inventados co fin de divertir". -Bertold Brecht.

"Quenquera que condene o teatro é un inimigo do seu país".  -Voltaire.

"Cando vexamos que de novo se aprecia e recompensa aos actores que levan ao escenario ou á pantalla xenerosidade, desexo, vida orgánica, accións executadas libremente -sen desexo de recompensa nin medo á censura ou á incomprensión- teremos un dos primeiros sinais de que a maneira da nosa época introvertida e infeliz comezou a cambiar, e que voltaremos a ter o anhelo e a disposición de contemplármonos a nós mesmos".  -David Mamet.


Sirva o pensamento destes grandes autores, para conmemorar o Día Mundial do Teatro.


Aproveitamos para recomendar este marabilloso libro de Rebecca Dautremer publicado en 2012.




23/3/14

O BOSQUE DAS LINGUAS DO AMOR: "Actividade Río"

-No mes de Febreiro, como primeira fase, e con ocasión da celebración do día dos NAMORADOS, despregamos un gran friso no corredor que foi convertíndose nun extenso bosque cambiante segundo o paso das catro estacións: outono, inverno, primavera e verán. Dende o principio contamos coa colaboración de varios membros do Club de Lectura e alumnos e alumnas atraídos polo debuxo e a pintura que se brindaron a ir dándolle forma a ábores e follas ao longo dos recreos, de certas horas de Atención Educativa e, especialmente, do permiso de Nacho, o profe de Plástica, que deixou saír das súas clases a estas persoas colaboradoras e valorou a súa actividade.

outono

A idea era ter un soporte para despois pegar nas ramas das árbores as follas cos escritos en verso ou prosa poética presentados a concurso polo alumnado interesado e sensibilizado coa creación literaria na lingua escollida: galego, castelá, árabe, italiano...
Por certo, aínda podedes participar..., o caso é animarse a escribir.

inverno 

Inspiradas polo contexto, varias alumnas tiveron tamén a iniciativa de propoñer unha exposición de debuxos de tema amoroso, que acompañarían a presenza do noso TROTAMUNDOS Cali na parte superior, lendo nunha nube de ensoñacións:


O CEO DOS NAMORADOS

Gústache debuxar? Agora podes facelo:
Adica un debuxo a "esa" persoa especial coa temática do AMOR, claro está.
Todos os debuxos entregados na Biblioteca serán expostos xunto a CALI, a nosa pantasma favorita, nun mural por San Valentín.
Atrévete a debuxar!
"Esa" persoa especial o verá!.

O bosque das linguas do AMOR

-Chegado Marzo, e como o proceso deu o seu traballo, nunha segunda fase, e despois de respectar a exposición dos escritos de propia inventiva un tempo oportuno, pasamos a poboar as copas das árbores de máis e máis follas de todas as cores contendo os versos de amor de poetas do noso gusto que fomos seleccionando aquí e acolá, e tamén en diferentes linguas, xa que de fondo estaba a intención de "viaxar a través delas pola poesía de diferentes culturas". Este material está a mercede de seren utilizado por todos para traballar o recitado e a lectura, e serve para poñer en coñecemento dos mozos e mozas os nomes e palabras de escritores fabulosos: Neruda, M. Hernández, Machado, Salinas, Aleixandre, Lorca, Rosalía de Castro, Lupe Gómez, Ángel González, Félix Grande, L. M. Panero, Rimbaud, Pessoa, Xela Arias, Ana Romaní..., e moitos nomes maís de agora e de sempre. É a nosa contribución ao Día da Poesía (21 Marzo) e á Primavera.

primavera

-Será en Abril que, nunha terceira fase -este friso animado polas intervencións que durante todo este tempo fixemos todos os que por alí pasamos e quixemos debuxar ou pintar deixando o noso rastro creativo e a nosa interactividade espontánea-  servirá como decorado de fondo da representación de Contacontos que pensamos facer para os pequerrechos do lugar, no CRA, a finais deste trimestre.

verán

Por todo isto, a denominación de "Actividade Río" parécenos do maís axeitada. É un bo exemplo das destrezas que aprendimos a desenvolver para rendabilizar o tempo e o esforzo empregado por todas/os. Xa só nos queda dar as grazas pola colaboración recibida, que fixo maís lúdica esta actividade.
                                                        

15/3/14

"A PESAR DE TODO QUÉROTE". FILME EDUCATIVO PROMOVIDO POLA CONSELLERÍA DE CULTURA E EDUCACIÓN.

A Consellería de Cultura e Educación, a Televisión de Galicia e Adivina Produccións lanzan unha iniciativa pioneira na educación en valores da mocidade a través da película ‘A pesar de todo quérote’. 

Deixamos o enlace a esta nova que parece interesante. O filme estará colgado na web da Consellería acompañado dunha Unidade Didáctica sobre a educación viária, a educación para a saúde e as feridas emocionais...

É a primeira vez que se fai unha estrea paralela dunha película na televisión e no espazo web da Consellería, desde onde se difundirá aos centros educativos a través da Aula Aberta Abalar. 

9/3/14

TRANSFORMACIÓN DA “PANTASMA CALI” EN “TROTAMUNDOS”




Debuxos de BÁRBARA CARMONA GUILLERMO. 4ºA.

            Cali é unha pequena pantasma travesa que ten os poderes propios da súa condición; como toda pantasma ten a particularidade de poder atravesar paredes, vivir unha eternidade, vagar e vagar no espazo e no tempo, ter o don da ubicuidade… Aínda que leva entre nós xa un lustro, pasou varias tempadas alonxada, pero agora volve para facerse máis presente e compartir con nós múltiples experiencias. Para facelo posible ocorréusenos idear un Cali que é quen de transformarse no que sexa necesario en relación ao que esteamos a traballar cada curso, e disfrutrar un sen fin de aventuras…
            Este curso 2013-2014, o lema da nosa Biblioteca Calixtina é “Viaxes Reais, Viaxes Imaxinadas”, por iso o seu morador perpétuo, a Pantasma Cali, tivo o antollo de transfigurarse en “TROTAMUNDOS”, facéndose así protagonista de excepción e nexo de unión das diferentes actividades que ideamos e montamos ao redor desta temática tan atractiva.
            Para materializar a transformación de Cali en Trotamundos pedimos a inestimable colaboración dunha alumna con destrezas probadas na arte do debuxo: falamos de Bárbara Carmona Guillermo, de 4º A.  A capacidade transformadora da pantasma deulle a pauta para elaborar uns marabillosos e interesantes bosquexos a lápis que van mostrando este proceso de cambio. A idea era crear un  personaxe libre, decidido, curioso, participativo, aberto, sensible, amante da lectura, do cinema, dos novos medios, atento ao que pasa ao seu redor e comprometido coa realidade…; e que fose representativo tanto do masculino como do feminino, que se identificara con calquera de nós e rompera moldes. Bárbara recolleu estas características e, inspirada nos personaxes de manga xaponés, empezou a trazar un Trotamundos coa mochila ao lombo, que camiña, avanza, entra en aventura, fai itinerarios, párase a pensar, adícase a ler, a escoitar, a soñar, a contemplar o que lle sae ao paso, nas súas andainas en diferentes contextos e posturas. De entre as imaxes destacamos esa espléndida imaxe na que é capaz de desenvolver a maxia de provocar que os libros que caen nas súas mans cobren vida e deles saían personaxes fabulosos…
Presentámosvos a este Cali Trotamundos con mochila que camiña ao noso carón… A súa presenza xa se notou no corredor xunto ás exposicións feitas ata o de agora, en especial sobre “O bosque das linguas do amor”.

Queremos facer constar o agradecemento polo magnífico traballo de Bárbara e das súas colaboradoras, Isabel e Wardía. Foi un pracer disfrutar da súa creación.

                                           A coordinadora da Biblioteca Calixtina.




Link issuu.com/biblosvivos/docs/transformaci__n_cali.docx?e=1183732/7023680

6/3/14

TAMÉN LEN CO NOVO INSPECTOR ANTONIO ESTÉVEZ.



O 25 de febrero pasado tivemos como invitado especial ao novo inspector do noso instituto, Antonio Estévez. A sala da Biblioteca foi embelecida polos creativos e fermosos centros de mesa aos que nos ten acostumados Begoña, a nosa conserxe e colaboradora especial en tantas tarefas de base. Fixo os honores da presentación Chefa, a nosa directora, quen falou da orixe salcedense do invitado e das súas vicisitudes persoais e profesionais: 

    PRESENTACIÓN de Antonio Estévez “Inspector”:

Que Parderrubias é o centro do mundo, a estas alturas, non o dubida case ninguén.    Realidade é que Parderrubias ocupa o lugar central dentro da vida académica do noso concello. O futuro deste pobo está a incubarse entre estas pedras, ou máis ben entre estes libros, que agora nos acollen. O  destino está nas vosas mans, e nos vosos ollos. Nas lecturas que asimiledes nestes próximos anos.

Parderrubias.  No diario El País, no seu suplemento “El Viajero”, do 3 de abril de 2010, Parderrubias figura entre os topónimos  máis curiosos de España, pobos con chispa, din eles... “La hija de dios”, “Poyales del Hoyo”, “Guarromán”, “Coscojuela de Fantova”, “Peleas de arriba”... sen dúbida, Parderrubias, é o máis fermoso entre todos eles.

Grandes pedras, grandes penas houbo dende sempre nos outeiros de Parderrubias, e dende sempre a brillar cos raios de sol que iluminaban estas fermosas paraxes... e os tempos non mudan en Parderrubias. Agora non son as pedras as que brillan, agora son os seus homes e mulleres quen destacan nas facetas as que se adican... porque ser de Parderrubias, e por riba, levar o apelido Estévez (fillo de Estevo) é sinónimo de éxito.

Cos datos referidos con anterioridade todos estamos a pensar en Ramón Antonio Gerardo Estévez Phelan, máis coñecido como Martin Sheen, actor norteamericano e fillo do veciño de Parderrubias, Francisco Estévez. A quen seguiremos esperando cos libros abertos, por se algún día temos a sorte de que nos acompañe nunha sesión deste “Tamén len”.
Pero hai outro importante veciño de Parderrubias, nacido a carón deste instituto. Outro Antonio Estévez que non protagonizou historias na gran pantalla pero sí diferentes capítulos do mundo do ensino. Foi, como case todos vós,  alumno do Altamira, cursou o bacharelato en Tui e posteriormente diplomouse en Enxeñería Técnica Industrial. Foi profesor de Formación Profesional pola rama de electricidade, xefe de estudos e director do Instituto Politécnico de Vigo e actualmente é Inspector do Servizo de Inspección da mesma cidade. E é así, como inspector da zona, como volve á súa Parderrubias natal para axudarnos, e acompañarnos nesta ardúa tarefa como é a formación dos seus veciños.
E como é ben seguro que moitos de vós non tendes moi claro o que é un Inspector pedímoslle axuda a algúns compañeiros para ver se vos poden clarificar esta cuestión.

                                              Chefa. Directora do IES Pedras Rubias.


Fernando, xefe de estudos e profe de castelá, tivo a iniciativa de facer un pequeno video onde se entrevistaba a varios alumnos e alumnas preguntándolles que idea teñen do que é un inspector, a que se adica, etc. As respostas en verdade que foron ocurrentes e rimos un bo rato coa súa intervención. 
   
                   
               
Seguidamente, Mar e Jose, de 4º ESO, interpretaron unha peza de Brahms cos seus destros clarinetes.


Tamén pensamos que era unha boa ocasión escoitar os versos que Ettohami, un novo alumno marroquí que está traballando e progresando moito no noso idioma, quixo ler en árabe para sorpresa de todos e satisfacción propia.
                 
           2014-2. Tamén Len. Ettohami from biblosvivos on Vimeo.

Con estos “teloneiros de altura” o inspector estivo encantado de estar entre nós e agradeceu esta magnífica acollida.
Comezou falando de dous libros que lle influíron especialmente cando era adolescente: “O escarabello de ouro” de Poe e “Juan Salvador Gaviota” de Richard Bach. Decantouse por este último para compartir con nós e recomendouno porque ten unha lectura fácil, cun fondo e unas ideas moi positivas sobre as que reflexionar para andar pola vida.
Richard Bach era un piloto das forzas aéreas de EE.UU. que escribiu sobre a idea de voar e as ansias de liberdade. Éste é un libro para todas as idades, que se convertiu nun best-seller nos anos 70. Trata dunha gaivota que se sinte un pouco frustrada por facer o propio dunha gaivota,  ela quería algo máis, porque a súa máxima aspiración era voar e perfeccionar o vo. Será rexeitada polas outras gaivotas que non a comprenden, pero ao final será admirada e provocará que as demais se esforcen coma ela. A moralexa é que con esforzó se consigue todo o que nos propoñemos. A verdade é que podemos dicir con gracia que é un tema moi acaído para un inspector.


Aínda quedaba o turno de preguntas no coloquio final, pero o inexorable timbre decidiu que era hora de clase e quedamos emprazados para outra ocasión. Agradecemos todos a presenza de Antonio e a súa amabilidade por aceptar esta invitación a ler e compartir as inquedanzas do mundo das bibliotecas escolares.

5/3/14

DÍA da PAZ: XANEIRO con MANDELA


Celebrar o DÍA DA PAZ coa figura de MANDELA é doado, oportuno e, no seu caso, tanto o personaxe como a persoa o merecen. Foi un lider necesario para resolver a problemática do seu país: unha Sudáfrica asolada polas inxustizas xeradas polas diferenzas de pobos e culturas sometidas ao poder dos brancos (colonizadores ingleses) que estableceron durante anos un réxime de APARTHEID, de limitacións xurídicas, políticas, sociais, económicas... sobre a poboación “negra” natural de Sudáfrica.














            Foi avogado, estivo no cárcere condenado a cadea perpetua, onde permaneceu 30 anos. O seu pensamento derivou cara a unha defensa da resolución dos conflitos a través de acordos pacíficos, sen usar a violencia, que pensaba xeraría maís violencia naquelas circunstancias. A súa loita e a do seu partido o CNA (Congreso Nacional Africano), que comezou con sabotaxes e violencias contra o poder dos brancos, acabou vencendo o APARTHEID dende unha postura pacifista, que buscaba o restablecemento da igualdade de dereitos para todos. Cando saíu do cárcere non tardou en ser elixido presidente do seu país, en 1994. Gañou o respecto da comunidade internacional, e lle concederon en vida o Premio Príncipe de Asturias e o Premio Nobel da Paz.

             Interesounos destacar e traballar co alumnado unha idea propia da comunidade onde naceu Mandela, o pobo xhosa, idea que guía as súas vidas e accións: UBUNTU e significa: “eu son se todos somos”,  está na base da defensa da igualdade de oportunidades, recursos e dereitos.

ACTIVIDADES:

Traballamos en colaboración Orientación, o Departamento de CC.SS. e a Bilbioteca, e fixemos tres actividades paralelas:

- Visionado do documental O xogador nº 16 por todos os cursos. Ficha de traballo.


- Exposición: imaxes e textos explicativos das accións maís importantes de Mandela.

- Lectura de textos da autobiografía de Mandela: acto de asistencia voluntaria no recreo na Biblioteca Calixtina o luns día 3 de febreiro. Postos en círculo e sentados no chan asistimos á lectura compartida que resultou moi interesante na opinión dos asistentes. De fondo, música africana comprometida e imaxes significativas.







Mandala do poeta Guilherme Mansur