Mostrando entradas con la etiqueta siareiros da palabra. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta siareiros da palabra. Mostrar todas las entradas

8/6/16

RECITAMOS POEMAS DE MANUEL MARÍA

Comezamos o fermoso mes de Xuño, no recreo do seu primeiro día, co RECITAL DE POEMAS DE MANUEL MARÍA, da man dos Siareiros da Palabra, do noso Club de Lectura, que sempre se animan ante a poesía, que tan bos resultados dá para ler ante o público, vencer timideces e temores, aprender a recitar sen presas, proxectando a voz, meténdose no sentido dos versos e modulando a voz co que queren dicir...



Quedamos satisfeitas do resultado todas as persoas que participamos, porque procuramos elixir os textos do autor que máis atractivos nos pareceron e que máis podían gustar á mocidade; e porque foi moi variado, con lecturas serias, introspectivas, alegres, divertidas ou comprometidas... Tivemos ademais o ingrediente de comezar con "O carro", versos de Manuel María musicados por Suso Vahamonde, moi populares; interpretada esta canción pola entrañable voz de Isabel Vázquez de 4ºC e as guitarras de Dani Peroja e Brais Barcala de 4ºA. Para o final reservamos a festiva "O cuco" tamén musicada por Suso Vahamonde, que a modo de karaoke cantamos todos a unha. 






5/5/16

VARIAS ACTIVIDADES AO REDOR DE "DON QUIJOTE"

Esta semana foi a que adicamos no IES Pedras Rubias a realizar unha serie de actividades ao redor de "Don Quijote".
Comezamos o luns ben forte: 

-Conversamos sobre este personaxe e o mundo que o rodea, entre os Siareiros da Palabra na sesión do Club de Lectura a mediodía, lendo o principio da obra de Cervantes, para despois comparala coa Banda Deseñada titulada "Don Quijote" debuxada por Flix, autor alemán de cómics que decidiu adaptar libremente o gran clásico e transportalo á chaira alemana na época actual, encarnados, Quijote e Sancho, nun "abuelete" con demencia senil ou alzheimer que protesta e se manifesta polo que considera inxusto a través de cartas que manda á prensa local, "desfacendo entuertos" xunto ao seu neto que, vestido de Batman, fantasea influído polos superheroes do cómic, nunha relación de tenrura e de denuncia da soidade e de problemáticas actuais. Tamén aproveitamos para escoitar de fondo á Banda de música Cultural de Salceda de Caselas interpretando "O Quixote", fantasía sinfónica para narrador e banda de Ferrer Ferrán

-Preparamos o bosquexo das figuras de "Quijote e Sancho" sobre un cartón a tamaño natural, para despois baleirar un óvalo nas súas faces e poder así meternos na súa pel recitando variadas pasaxes do texto de Cervantes, ademais, claro está, de querer todxs facernos a típica foto coa nosa cara metida nas súas figuras. Grazas unha vez máis ao profe Nacho, que é un artista e aos seus colaboradores.


-Seguimos o martes 3 de maio, co Maratón de Lectura adicado á lectura do "Ingenioso Hidalgo Don Quijote de la Mancha", que se realizou ao longo de toda a mañá, participando alumas/os, profes, conserxe, administrativo, etc, coma sempre, ademais de contar coa presenza de José Luis, o noso asiduo invitado, mestre xubilado, que se brindou a facer un recitado de memoria dramatizado da aventura de Don Quijote cos muíños de vento, e a profe Sonia que tamén recitou a pasaxe da descrición de Dulcinea, dun xeito moi, moi  expresivo. Estamos agradecidas da súa amable participación que resultou sumamente atractiva para o público reunido no recreo na Biblioteca. Os seus vídeos estarán colgados no seguinte post, recomendamos velos e disfrutar deles.




-E aínda nos queda disfrutar das figuras debuxadas en cartón de "Quijote e Sancho", que utilizaremos no corredor e nas aulas, e que, como vemos nas fotos, estiveron como decorado de fondo no Maratón na BE.

20/11/14

APARICIÓNS E SANTA COMPAÑA

"Na literatura popular galega, e na vida cotiá do mundo rural, son abundantísimas as historias de aparecidos e da Santa Compaña. Son historias que a cultura moderna considera supersticións herdadas dos tempos escuros, dos tempos da ignorancia. Pero as cousas non son tan simples.
O antropólogo Xosé Ramón Mariño ofrécenos unha escolma na que aparecen narracións sobre a morte, sobre o seu sentido e o medo que produce: sobre os agoiros e visións que anuncian un próximo falecemento; e sobre as relacións entre vivos e mortos, que van dende as moi distantes ás que supoñen unha intensa convivencia, e incluso a posesión dun vivo por un defunto.
Superando os tópicos e o desprezo habituais, Mariño xulga as historias de aparecidos como unha creación cultural estimable que permite, entre outras cousas, mitigar a angustia ante a morte, transmitir normas básicas para a convivencia e reforzar as relacións sociais. E, por suposto, como tema literario, contan con todos os ingredientes para interesar e emocionar os oíntes e os lectores. Case nada". (Presentación sacada do libro "Aparicións e Santa Compaña" de Xosé Ramón Mariño Ferro).



O citado foi o libro do que seleccionamos os textos para ler na "Sesión de Lecturas Terroríficas", onde diferentes membros do Club de Lectura participaron animadísimos nunha Santa Compaña que fixo as veces de transmisora destas historias que viven entre nós, historias que desasosegan e que rozan o sentido da vida e da morte.

Foron de aula en aula anunciándose, e cravando unha 
listaxe de libros e filmes de terror 
para animar ao seu disfrute, 
e que están expostos entre telarañas esperando a ser desempoados. 


















Foi na Biblioteca, ás escuras, alumeados por cirios e caracús, onde realizamos esta singular sesión, entre calafríos, pero tamén con risas...






Normalización Lingüística organizou un concurso para valorar as tres mellores cabazas feitas polos diferentes grupos de alumnos e alumnas; ademais de facer participar tamén á Santa Compaña nun "Magosto Terrorífico" .


18/11/14

Video do Recital de Poesía e Ciencia na Biblioteca de Salceda. Outono 2014.

Facemos un apéndice á entrada anterior para deixar colgado un video co poema de Nicanor Parra, "Soy el individuo", a varias voces. E agradecemos, como non, a participación de lectores do noso Club Siareiros da Palabra.



Anunciar tamén que na Radio Escolar, foron gravadas as súas voces para emitir nun programa de radio no recreo desta semana, en concreto o xoves 20. Difundimos así tamén, a través deste medio, a Poesía e a Ciencia, coa iniciativa e colaboración de Fernando, xefe de estudos e promotor da radio este ano.