30/4/13

Paseando polas nubes con Cristian Fernández


Fotografía aparecida no Faro de Vigo 18/04/2013





Hoxe clausúrase na Sala de Exposicións II do Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo a exposición "Paseando polas nubes". Nela recóllense 37 obras feitas por rapaces e rapazas de entre 7 e 14 anos que estiveron ingresados no Hospital Xeral, e que xiran ao redor da temática das nubes.

Esta fermosa e motivadora idea xurdiu de Julia Fernández Rodríguez, profesora da Escola de Pediatría deste hospital que non só conseguiu acercar aos rapaces ao arte senón que aproveitou as ventás da planta 14 do "pirulí" para ensinarlles a plasmar coas cores o seu desexo de liberdade, as súas ansias de esperanza.

Entre estes/as artistas atópase alguén moi especial para nós, o noso alumno, siareiro e aplicado lector, Cristian Fernández, que participou na inauguración coa lectura dun poema.
 
Fotografía aparecida no Atlántico Diario o 18/04/2013. Na imaxe da esquerda, o nos alumno Cristian Fernández.
Déixovos coas súas impresións da experiencia. Solo dicir que desde a súa volta, e co seu sorriso permanente, Cristian vai desplegando un arco da vella que reluce polos corredores do noso IES.


"Eu estiven moito tempo no hospital por culpa dun tumor e un día que no que me sentía moi aburrido, e lle dixera a miña nai para poder ir á escola do hospital, a profe nos dixo que fixeramos uns cadriños para facer unha exposición no hospital. Eu, no cadro, pintara unha casiña con xardín. Custárame moito pero ao final me saíra ben. Máis tarde, cando xa estaba na casa, un día chamaron por teléfono a miña nai a ver que tal lle parecería que eu lera unha poesía na exposición que ían facer. Cando chegamos me sorprendeu moito ver os cadros dos compañeiros e a casiña que pintara eu."

25/4/13

Tamén len con... Xesús Presa Vaqueiro



O pasado venres 18 tivemos novamente sesión de Tamén len no recreo. Como vén sendo costume, primeiro tivemos unha breve actuación musical a cargo dos nosos alumn@s; nesta ocasión Sandra Rodríguez fixo as veces de presentadora mentres David Gómez, ao piano, tocaba o tema "You can leave your hat on" de Joe Cocker e despois David, Emilia Fernández e a propia Sandra (voces) nos deleitaban coa súa interpretación de "Someone like you" de Adele



O noso convidado lector foi Xesús Presa Vaqueiro, escritor e investigador da historia local que compartiu con nós un relato breve da súa autoría titulado "La justicia poética del piso de Paca" inspirado nunha nova aparecida nun xornal a comezos do 2010, no que un piso deixado en herdanza ao Papa Juan Pablo II remata por ser vendido a unha parella gay.

O relato, que podedes ler no seguinte scribd, foi escolmado por Xesús para reivindicar o respecto e a tolerancia cara ás diferenzas.



Ao rematar a lectura deu comezo a rolda de preguntas: Que destacaría sobre as súas visitas ao noso Centro? Cales son os seus libros favoritos? Como xurdiu  o seu gusto pola lectura? Prefire o labor investigador ou a escritura?...

Xesús contestounos amablemente destacando a positiva impresión que sacara desta iniciativa, a receptividade e compromiso que amosaba o noso alumnado ao renunciar o seu tempo de lecer por asistir a estas sesións. Comentou tamén que el sempre fóra un lector compulsivo e ecléctico, que tiña lido de todo e que os seus gustos eran amplos e variados. Citou a Torrente Ballester, Pessoa e Hermann Hesse entre os seus autores favoritos e destacou a maior liberdade e creatividade que lle brinda a escritura fronte á regularidade da investigación.

Se queredes coñecer mellor o traballo de Xesús podedes visitar o seu blog premendo aquí.

Un luxo e un pracer contar contigo. Moitas grazas, Xesús.

23/4/13

Día do libro 2013

Imaxe extraída do libro "El sonido de los colores" de Jimmy Liao

Hoxe 23 de abril celébrase o Día Mundial do libro. Por razóns de organización tivemos que pospoñer ata o venres a nosa Maratón de Lectura, que este ano terá como protagonista un pequeno-gran libro "O principiño" co que conmemoraremos de paso o seu 70 aniversario. Como novidade farémolo plurilingüe, haberá lectura en galego, castelán, francés, inglés e portugués. Xa estades anotados para participar?

Ata entón, vos deixamos coa "Oda ao libro (II)" de Pablo Neruda. 


Ir a descargar

20/4/13

Tamén len con... Paco Jurado

Paco Jurado Besada é profesor na Escola de Música do noso Concello. Forma parte da Banda de Música de Salceda e da Banda Municipal de Ourense. 

O día 5 deste mes achegouse ata nosa biblioteca para lernos un fragmento de "Drácula" de Bram Stoker que fixo que o escoitaramos ensimesmados.

Nesta ocasión, os presentadores foron tres rapaces/as do Centro que son ou foron alumnos seus: Paloma Fernández (2ªA), José Castro (3ºA) e Jorge Cabaleiro (1ºB) que nos interpretou unha peza coa trompeta.

Unha sesión moi agradable, grazas Paco.

Sonia Freijeiro.

18/4/13

Encontro en torno ao Universo Hip Hop no IES Pedras Rubias


Encontro cos antigos alumnos Rubén Fandiño, manager e Roky, cantante de rap, que xunto a Miky, compañeiro de Tui que destaca como cantante e campión galego de beatbox, foron quen de facernos pasar un rato ben agradable e interesante desvelándonos as particularidades deste universo chamado Hip Hop, das que deu conta con gran claridade de ideas o verdadeiro showman que é Rubén, nunha boa  organización do acto, cunha introdución na que falou do máis significativo deste mundo que abarca música (rap, beatbox), danza (break), artes gráficas (graffiti) e un estilo de vida, un modo de ser e de estar, unhas letras con mensaxe crítica ante a realidade circundante…
Este movemento cultural e artístico nace en Nova York a finais dos anos setenta e principios dos oitenta, nun ambiente urbano desfavorecido, e pronto vai ter unha gran aceptación entre os xoves inquedos da periferia das grandes cidades.

Tocoulle o turno a Miky para explicar os misterios do Beatbox e demostrarnos a súa habilidade para facer ruídos coa boca. A orixe desta serie de efectos sonoros, como se dun home orquestra se tratara, parte de formas ancestrais, do canto harmónico mongol, etc. e no beatbox van tomando unha forma relacionada co universo hip hop. Ë unha percusión bocal: platos, caixa… que se van combinando. Pero tamén se pode unir o canto cos ritmos beatbox, incluso percutir a lingua co padal para facer a gran velocidade efectos incribles e de gran efectividade. O beatbox está sendo considerado agora o quinto elemento do hip hop. É xa unha comunidade e ten o seu oco gañado. Pero xa Boby McFerrin, Michael Jakson, ou W. Smith  xa facían beatbox. Así o beatbox é máis que hip hop, esténdese a diferentes influenzas.
Non se poden facer máis de dous sons á vez, só que se fan a gran velocidade, entón semella que se multiplican.
Comentounos que el empezou a aprender esta técnica con titoriais, comezando de cero el só e practicando e practicando, pero coa vantaxe de que tamén ten coñecementos musicais académicos.

Aínda quedaba a intervención de Roky, cantante de rap, quen nos comentou como foi a súa experiencia con este medio de expresión musical e puidemos escoitar algunha das súas composicións, con letras comprometidas, de protesta, en galego e tamén en castelá, e con temáticas cercanas da nosa realidade. El goza creando as letras, namentres do acompañamento musical ou das bases para os seus temas se ocupa Jacobo Curto.

Rematamos cunha improvisación a dúo de Roky e Miky, que se atreveron “a pelo” cun tema do primeiro e sons beatbox de Miky.

Todo estivo animado e ilustrado con videos de:
-Resumen official Salceda Hip Hop 2011. No que se mostra a Festa Hip Hop de Salceda que leva varios anos facéndose en verán e da que vos deixamos este vídeo.