Mostrando entradas con la etiqueta certame literario. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta certame literario. Mostrar todas las entradas

28/2/15

Certame Literario: FÓRMULAS DE BO AMOR.

LABORATORIO DO BO AMOR

Para conmemorar o Día dos Namorados, convocamos un concurso de escrita dende a Biblioteca Calixtina, en colaboración cos Dpts. de CCNN e Lingua Galega, coa idea de animarvos a expresar o que pensades en positivo sobre as relacións amorosas, que ingredientes ou “fórmulas” son as indicadas para que o “experimento” teña un final feliz. Ademais, podedes expresarvos en calquera lingua que dominedes.

Sabendo que estamos condicionados moitas veces por unha maneira errrada de entender as relacións interpersonais e sentimentais, cremos que é importante facer una reflexión sobre os “asuntos do corazón”; por iso queremos aproveitar a ocasión para idear e construír un mural onde plasmar un particular “LABORATORIO DO AMOR”, e onde a “Química do AMOR” quede enchida dos efluvios desprendidos dos experimentos que cada un de nós é quen de formular cos “ingredientes esenciais”. Creando as mellores “FÓRMULAS DE BO AMOR”.

Formular é receitar, prescribir, manifestar, expor con claridade e precisión. Unha fórmula é un medio práctico para resolver un asunto complicado, é una receita na que se indican os elementos que se deben empregar na curación de algo ou alguén, é una expresión matemática que resume os cálculos necesarios para a resolución dun problema e que serve como regra de uso para eses casos, é a representación simbólica, mediante letras e números, da composición dunha substancia química. É, ante todo, pensar a mellor das vidas para cadaquén, e para todxs, porque tamén podemos pensar o que hai, no amor, de colectivo…

Unha vez aclarado o que debemos facer, poñámonos a inventar e formular as mellores receitas para acadar o BO AMOR, non esquezamos que a experiencia vale un grao (como adoita dicirse), e teñamos en conta o que sabemos que funciona e o que non, por iso é moi importante elixir ben os elementos que provocan reaccións positivas e deixar fóra os que orixinan reaccións negativas, explosiónsssssssss destrutivas!!!!


Lembrade os conceptos que relacionamos co BO TRATO e que están expresados no seu mural: respecto, igualdade, dignidade, liberdade, amizade, equilibrio, benquerencia, amabilidade, compañeirismo, agarimo, compromiso, empatía, lealdade, coidado, asertividade, solidariedade, feminismo, comprensión, bo amor…, e deixemos fóra os negativos, que todxs sabemos cales son…, non si?

Paralelamente, ofreceremos neste blog, certos recursos relacionados, que poden servir para acadar unha boa educación sentimental: textos, videos, cancións, poemas… Ademais de poder adicar tamén cancións ou música na RADIO ESCOLAR, seguindo a liña do Bo Amor.
 -------------------- * --------------------


BASES DO CONCURSOFÓRMULAS DE BO AMOR


Podedes participar no CONCURSO “FÓRMULAS: A QUÍMICA DO BO AMOR”, ao longo deste trimestre de primavera que asoma, para pensar nas mellores receitas ou fórmulas para acadar fantásticas, magníficas, marabillosas, en definitiva, boas relacións sentimentais.

Para iso non tedes máis que formulalas así, por exemplo:

A = I +

-Especificando que: A é amor, I é igualdade, R é respecto; usando as variantes e elementos que consideredes esenciais na fórmula que queredes proponer e compartir.
-E usando calquera letra, número, símbolo, signo.
-Dándolle un ton poético ou científico, fantástico ou realista …
-En calquera lingua que dominedes.
-Serán escritas sobre corazóns de cores seguindo este modelo:

     (recortades un corazón no material e cor que queirades (como moi grande folio A4, ou menos)onde escribiredes a vosa fómula, ese corazón terá outra parte en forma de ronsel ou etiqueta a un lado, onde explicades a clave para entender dita fórmula)

-Que presentaredes sen nome, cun pseudónimo escrito por detrás, cos datos en sobre pechado e por fóra só ese pseudónimo ou sobrenome. Entregaranse nos recreos na Biblioteca, ata o 12 de marzo.

-Unha vez formuladas colocarémolas no “LABORATORIO DO AMOR”, para ser “estudadas e experimentadas e ver a súa efectividade”.

-Será premiada a fórmula mellor valorada polo xurado, que estará composto por expertxs na “Ciencia do Bo Amor”.

-O PREMIO consistirá nunha CEA ROMÁNTICA PARA DOUS…

ANIMÁDEVOS E NAMORÁDEVOS BEN!!!!


24/6/14

CONCESIÓN DOS PREMIOS DE POESÍA: "O BOSQUE DAS LINGUAS DO AMOR"


Formado por 4 alumnas/os de 2º e de 4º ESO e por 2 profesoras en representación dos departamentos de linguas e da bibliotecaria, reuníuse o xurado para valorar e decidir cal dos escritos presentados ao concurso "O BOSQUE DAS LINGUAS DO AMOR" resultaba por fin destacado. Non foi fácil a selección dado que, cada unha das poesías ou dos textos de prosa poética realizados polo alumnado, tiñan o seu valor tanto no fondo como na forma. O noso obxectivo de promocionar a escrita, ademais da lectura, quedou ben cumprido.


A gañadora foi Mar Rodríguez Troncoso, alumna de 4º B e autora dun soneto apaixonado que sorprendeu ao xurado pola súa coidada forma, quen acadou o 1º PREMIO, e polo tanto, unha CEA ROMÁNTICA para dúas persoas.

Pero tamén decidimos outorgar dúas mencións especiais aos escritos de:

Christopher Nogueiras Busto, alumno de 4º C, polo seu fermoso poema en lingua italiana (que aprendeu do seu pai, quen traballou en Venecia un tempo), e que elixiu como agasallo o libro "El Quijote", que quere ler en verán. 

- E ao poema da alumna de 1º B, Nazaret González Coto, que nos sorprendeu pola súa calidade e profundidade. Para ela eliximos un libro ilustrado "Emocionario", pois durante o curso leu entusiasmada os libros ilustrados que temos na biblioteca, e pensamos que sería un acerto.


Os escritos presentados están colgados no novo Espazo de Creación, na sección "Poetas de agora". Buscade na columna dereita deste blog. Xa vos falaremos deste Espazo en setembro...

23/3/14

O BOSQUE DAS LINGUAS DO AMOR: "Actividade Río"

-No mes de Febreiro, como primeira fase, e con ocasión da celebración do día dos NAMORADOS, despregamos un gran friso no corredor que foi convertíndose nun extenso bosque cambiante segundo o paso das catro estacións: outono, inverno, primavera e verán. Dende o principio contamos coa colaboración de varios membros do Club de Lectura e alumnos e alumnas atraídos polo debuxo e a pintura que se brindaron a ir dándolle forma a ábores e follas ao longo dos recreos, de certas horas de Atención Educativa e, especialmente, do permiso de Nacho, o profe de Plástica, que deixou saír das súas clases a estas persoas colaboradoras e valorou a súa actividade.

outono

A idea era ter un soporte para despois pegar nas ramas das árbores as follas cos escritos en verso ou prosa poética presentados a concurso polo alumnado interesado e sensibilizado coa creación literaria na lingua escollida: galego, castelá, árabe, italiano...
Por certo, aínda podedes participar..., o caso é animarse a escribir.

inverno 

Inspiradas polo contexto, varias alumnas tiveron tamén a iniciativa de propoñer unha exposición de debuxos de tema amoroso, que acompañarían a presenza do noso TROTAMUNDOS Cali na parte superior, lendo nunha nube de ensoñacións:


O CEO DOS NAMORADOS

Gústache debuxar? Agora podes facelo:
Adica un debuxo a "esa" persoa especial coa temática do AMOR, claro está.
Todos os debuxos entregados na Biblioteca serán expostos xunto a CALI, a nosa pantasma favorita, nun mural por San Valentín.
Atrévete a debuxar!
"Esa" persoa especial o verá!.

O bosque das linguas do AMOR

-Chegado Marzo, e como o proceso deu o seu traballo, nunha segunda fase, e despois de respectar a exposición dos escritos de propia inventiva un tempo oportuno, pasamos a poboar as copas das árbores de máis e máis follas de todas as cores contendo os versos de amor de poetas do noso gusto que fomos seleccionando aquí e acolá, e tamén en diferentes linguas, xa que de fondo estaba a intención de "viaxar a través delas pola poesía de diferentes culturas". Este material está a mercede de seren utilizado por todos para traballar o recitado e a lectura, e serve para poñer en coñecemento dos mozos e mozas os nomes e palabras de escritores fabulosos: Neruda, M. Hernández, Machado, Salinas, Aleixandre, Lorca, Rosalía de Castro, Lupe Gómez, Ángel González, Félix Grande, L. M. Panero, Rimbaud, Pessoa, Xela Arias, Ana Romaní..., e moitos nomes maís de agora e de sempre. É a nosa contribución ao Día da Poesía (21 Marzo) e á Primavera.

primavera

-Será en Abril que, nunha terceira fase -este friso animado polas intervencións que durante todo este tempo fixemos todos os que por alí pasamos e quixemos debuxar ou pintar deixando o noso rastro creativo e a nosa interactividade espontánea-  servirá como decorado de fondo da representación de Contacontos que pensamos facer para os pequerrechos do lugar, no CRA, a finais deste trimestre.

verán

Por todo isto, a denominación de "Actividade Río" parécenos do maís axeitada. É un bo exemplo das destrezas que aprendimos a desenvolver para rendabilizar o tempo e o esforzo empregado por todas/os. Xa só nos queda dar as grazas pola colaboración recibida, que fixo maís lúdica esta actividade.
                                                        

17/5/12

Bases do Certame Literario "Pedras Rubias 2012"

Como todos os anos o departamento de Lingua Galega convoca o "Certame Literario Pedras Rubias" como un dos actos de celebración das Letras Galegas. Para os/as que queirades participar, aquí podedes consultar as súas bases. 

bases CERTAME LITERARIO

17/5/11

Certame literario "Pedras Rubias 2011"

Unha vez máis por estas datas, o departamento de Lingua Galega promove un Certame literario de relato breve para celebrar as Letras Galegas. Contamos coa vosa participación.