29/10/11

Engánchate á lectura con... Jordi Sierra i Fabra



Non creo que me equivoque se afirmo que moitos adolescentes se teñen enganchado á lectura a través dos seus libros. No noso centro, "Campo de fresas" ou "La memoria de los seres perdidos" están entre os máis demandados polo alumnado. 

Autor prolífico, Jordi Sierra i Fabra, gusta de tocar temas de actualidade nos seus relatos xuvenís e forma co noso benquerido Agustín Fernández Paz un binomio que copa os premios dos certames literarios a nivel mundial, non hai máis que botar unha ollada a esta liña de tempo!!!

27/10/11

"As Aventuras de Tintín" de Spielberg chega aos cinemas!


Mañá estréase nos cinemas de toda España a película de Steven Spielberg "Las aventuras de Tintín: El secreto del Unicornio". A expectación é enorme como en todo estreno dun film de Spielberg ("Tiburón", "E.T.", "Encuentros en la tercera fase","La lista de Schindler"...) pero co engadido de que os anteriores intentos de levar á gran pantalla a Tintín foron bastante mediocres.

As historietas protagonizadas por este famoso reporteiro de aspecto infantil e espíritu xusticieiro, viron a luz en Bélxica da man de George Remi "Hergé" e foron publicándose ao longo de máis de corenta anos, desde 1930 ano de publicación do primeiro álbum ata 1976 cando viu a luz o derradeiro. Aínda que algunhas das súas aventuras foron tachadas de racistas, o certo é que o seu éxito foi case inmediato; os cómics foron traducidos a multitude de linguas e a día de hoxe e con permiso de Ásterix (eu quédome con este último), é o cómic máis vendido.

Premendo no título da peli tedes acceso á páxina oficial en castelán. Se queredes máis información vos deixo o enlace cun especial editado polo xornal El Mundo, o enlace coa páxina da butaca.net (podedes atopar entrevistas, a ficha técnica, como se fixo, ...) e o trailer para ir quentando motores.
Tedes pensado ir vela neste ponte? Animádevos e deixádenos a vosa opinión!

26/10/11

"La puerta de los tres cerrojos"

Preme aquí para ler o primeiro capítulo
Que vos parecería atravesar unha porta e atopar como regalo o nacemento do universo cun big bang de estrea para vós ou ter entradas para un partido entre a materia e a antimateria e non digamos podervos teleportar, seren perseguidos por buratos negros,bailar na pista dunha discoteca rexida polo principio de incertidume ou viaxar case á velocidade da luz nun acelerador de partículas?


Todo isto e máis sucédelle á Nico, o protagonista deste alucinante libro que descubrín por casualidade hai tan só unhas semanas. O primeiro que sentín ao escoitar falar do libro foi sorpresa, o segundo curiosidade e o terceiro, vouno confesar, certo escepticismo. Sería quen, a autora, Sonia Fernández-Vidal (cun curriculum impresionante e que ten traballado nos principais centros de investigación de partículas, incluído o acelerador de partículas do CERN)  de enganchar cunha historia para adolescentes a base de Física Cuántica? Agora que o rematei penso que consegue algo máis importante, despertar a curiosidade, as ganas de saber máis dese mundo que, aínda que a outra escala, é tamén o noso: o mundo cuántico.

Para saber máis podedes consultar a páxina web,  escoitar unha entrevista que concedeu a autora para RTVE. ou ver este video sobre os aceleradores de partículas. 

24/10/11

Día da Biblioteca

Desde o ano 1997 e partindo dunha iniciativa da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil, o 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca. Tamén desde ese mesmo ano, a IASL ou Asociación Internacional de Biblioteconomía Escolar nomea o mes de outubro como o Mes Internacional das Bibliotecas Escolares. Este ano o lema é: "Desafío de atender á diversidade: Bibliotecas Escolares para todos".

Na nosa comunidade autónoma, o lema elixido para celebrar esta data é "Biblioteca escolar, última xeración" e o cartaz deste ano foi elaborado por Emma Ríos.


Pola súa banda, o Ministerio de Cultura edita un cartaz con ilustración de Elena Odriozola e texto de Ptaxi Zubizarreta.

Deíxovos con este fermoso texto desexándovos a tod@s que prendades os vosos mistos e que teñades un feliz Día da Biblioteca!

20/10/11

Números da biblioteca e números de Fibonacci

Ás veces resulta interesante botar contas. Se nunha das entradas anteriores comentabamos que este ano se anotaran 70 alumnos/as ao noso Club de Lectura "Siareiros da Palabra", o mércores, na primeira reunión dos MQs, había 40 voluntarios/as. Das 110 persoas, 17 son ao mesmo tempo "siareiros" e MQs o que fai un total de 93 alumnos/as involucrados directamente na dinamización da biblioteca e o fomento da lectura. 

Se ademais temos en conta que neste curso hai 267 alumnos/as matriculados...temos unha porcentaxe do 34,8% do alumnado!!! Folga dicir que estamos ENCANTADAS!


E duns números a outros.

Onte, vía Trafegando Ronseis, descubrín un libro ilustrado máis que apetecible: "Fibonacci, el soñador de números" de Joseph D'Agnese e ilustrado por John O'Brien. O libro, da editorial Juventud, narra a biografía deste matemático italiano do s.XII-XIII, famoso por introducir en occidente os número árabes e popularizar coa súa obra "Liber Abaci" a aplicación dos novos números aos cambios de unidades, á contabilidade, aos criterios de divisibilidade,...

Pero se por algo é coñecido Fibonacci e pola súa sucesión de números: A serie de Fibonacci á que se relaciona con criterios estéticos na natureza, como a forma das caracolas, o reparto dos pétalos dunha flor, a disposición das follas nun talo,...

17/10/11

Tamén len... con Saltina


Tódolos anos inauguramos a nosa sección do Tamén len convidando a un/ha profe do Colexio Altamira. Nesta ocasión foi a quenda de Saltina, que nos visitaba hoxe para compartir cos seus ex-alumn@s e con todos nós, lembranzas, anécdotas e unha morea de boas lecturas compartidas. Moitísimas grazas!

14/10/11

Poñéndonos ao día!

E despois de compartir con vós as nosas descubertas viaxeiras pasamos a facer un rápido repaso do comezo das actividades da biblioteca e das novidades literarias.

Novidades da nosa biblioteca:
  • Como moitos de vós ben sabedes, comezamos o curso cunha reordenación exhaustiva dos fondos da nosa Calixtina porque a coitada daba peniña e queríamos tela ordenada e ben feitiña para dar comezo á Formación de Usuarios que recibiredes tódolos cursos nas vindeiras semanas.
  • O próximo luns 17 durante o recreo terá lugar a primeira sesión do Tamén len deste curso. Nesta ocasión a convidada é Saltina, mestra do Colexio Altamira.
  • E tamén o vindeiro luns 17 pero en horario de sobremesa, inauguramos o Club de Lectura. Paula e Xoán aínda non saben como van facer xa que este curso anotáchesvos MÁIS DE 70!!!!! (Terá algo que ver a excursión pola Ribeira Sacra e o vó en helicóptero?).
  • E os MQs non ían quedar atrás! Temos a primeira reunión o mércores 19 no recreo... y traemos TERRORÍFICAS ideas...
  • As listas de lecturas recomendadas van en aumento e pronto vos comentaremos as recomendacións feitas polos Departamentos de Ciencias e Música.
Novidades literarias e cinematográficas:
  • O poeta sueco Tomas Tranströmer vén de recibir o Premio Nobel de Literatura. 
  • Agustín Fernández Paz resultou o gañador este ano do Premio de Literatura Infantil e Xuvenil de SM que se fallou na FIL (Feira Internacional do Libro) de Guadalajara (México). O Premio seralle entregado o 29 de novembro.
  • E, por suposto, libros e máis libros e películas, entre eles o último de Laura Gallego "Donde los árboles cantan" que saíu hoxe á venda, os audiolibros que vén de editar a editorial Rinoceronte, a estrea o mes que ven de "Amanecer" ou o último en xogo de rol e novela de ciencia ficción galega, dos que vos iremos informando nas vindeiras entradas.
Seguídenos!!!!

13/10/11

De bibliotecas: Biblioteca do Trinity College en Dublín.




A orixe desta marabillosa biblioteca, unha das máis fermosas do mundo, remóntase ao ano 1592 no que a raíña Isabel I autorizou a fundación do Trinity College. O edificio más antigo que se conserva, a Antiga Biblioteca, construiuse entre os anos 1712 e 1732. Na actualidade a Biblioteca componse de oito edificios onde descansan case tres millóns de volumes (desde 1801, calquera obra publicada en Gran bretaña e Irlanda debe enviar un exemplar a esta biblioteca).


Pero entre todos os seus tesouros destaca o Libro de Kells, do século IX, que contén un texto en latín dos catro evanxelios esplendidamente ornamentado. Crese que o libro de Kells foi creado e producido (total ou parcialmente) en Iona ou en Kells, de aí o seu nome. Isto faime pensar no noso desaparecido e benquerido Códice Calixtino, por onde andará?



10/10/11

De bibliotecas: Biblioteca Nacional de Dublín.

Pero, por suposto, non fun a única viaxeira da biblio. Paula andou tamén visitando bibliotecas polo mundo adiante. Deixo mellor que volo conte ela:

" No verán estamos de vacacións. Cando podemos, ás veces viaxamos e nestas viaxes hai tantos lugares diversos que podemos visitar que hai que elixir por forza.
Dublín é unha cidade que non ten a monumentalidade doutras grandes capitais, pero ten unha vida nas súas rúas que nos atrapa totalmente. Un dos lugares máis interesantes e máis visitados, sen dúbida, é a Biblioteca Universitaria do Trinity College, da que falaremos na próxima entrada. Mais, por casualidade, tamén atopamos a Biblioteca Nacional, que nos pareceu un espazo de gran atractivo".



7/10/11

De bibliotecas: Openbare Bibliotheek Amsterdam

No meu breve viaxe por Europa, antes de Amberes estiven uns días en Amsterdam (vola recomendo a tod@s!) e, por suposto,  tocou visita á Openbare Bibliotheek de Amsterdam (OBA) e ao seu estupendo restaurante con terraza panorámica.



Queredes ir visitala? Pois só tedes que acompañarme neste trepidante vídeo.

5/10/11

Museo Plantin-Moretus

Os/as bibliófilos/as non descansamos nunca, nin sequera cando marchamos de vacacións perdemos os hábitos, como ides comprobar nas vindeiras entradas...
Este verán tiven a sorte de visitar o Museo Plantin-Moretus na cidade de Amberes (Bélxica), o primeiro museo en ser incorporado ao listado do Patrimonio Mundial da Humanidade da Unesco no ano 2005.

Este museo ten a súa orixe na vida e obra dun dos maiores impresores-editores de tódolos tempos: Christophe Plantin (Tours,1520-Amberes, 1589), que foi quen desenvolveu, xunto co inventor da imprenta Johannes Gutenberg, aspectos claves na historia da edición e que é considerado como o primeiro impresor industrial.

No ano 1576, Plantin  que era daquela o Primeiro Tipógrafo Real de Felipe II, decide trasladar o "Compás Dourado” (a súa casa-imprenta) á praza Vrijdagmarkt de Amberes. Á súa morte, tanto a casa como a Officina Plantiniana pasan a mans do seu xenro Jan I Moretus e de aí, xeración en xeración, durante tres séculos os Moretus conservan, amplían e enriquecen tanto a mansión  como o negocio.

En 1876, Edward Moretus decide converter o Compás Dourado en museo polo que inicia as negociacións co Concello de Amberes. O Museo abre as portas o 19 de agosto de 1877.

O valor de este marabilloso conxunto cultural é incalculable pois abrangue varios tesouros únicos:
  • A Officina perfectamente conservada coa imprenta onde atopamos as prensas máis antigas do mundo, a sala de tipos con coleccións tipográficas orixinais como a Garamond ou os tipos hebreos máis antigos, a sala de correctores, a librería que conserva aínda o listado de libros prohibidos ou Librorum Prohibitorum Index de 1569, a sala de ilustracións e estampas, a sala dos manuscritos, sala de edicións extranxeiras, sala da xeografía, a tras-tenda, o despacho do maestro Plantiniano e a fundición con series únicas e completas de ferramentas empregadas na fabricación dos tipos.
  • Os arquivos, única colección no mundo que se refire a imprenta que contén series ininterrompidas de rexistros contables que van da segunda metade do s.XVI ata 1865, e permiten coñecer a historia da imprenta e do pensamento occidental da época, polo que foron incluídos no “Rexistro da Memoria do Mundo" da Unesco o 4 de setembro de 2001.
  • Unha colección de 25.000 volumes anteriores a 1800, 638 manuscritos realizados entre os séculos IX e XVII, 154 incunables con exemplares tan valiosos como unha Biblia Gutenberg de 36 liñas e o 90% da producción Plantiniana. 
  • O edificio renacentista do s.XV e as ampliacións con casas anexas dos séculos XVII e XVIII. No patio consérvase unha vide de Canadá do s.XVI.
  • Varias coleccións de arte que destacan pola súa variedade e riqueza: coiros dourados españois ou guadamecíes, gobelíns, mobles e cadros (19 deles de Peter Paul Rubens).
  • A colección do seu Gabinete de Estampas, relacionada coa ilustración dos libros, atesoura 791 bocetos, 2.846 planchas de cobre e 13.791 bloques de madeira tallada.
Estou por propoñer Amberes como destino para a excursión dos MQs e o club de lectura deste curso! Mentres, podedes visitalo premendo no vínculo do seu nome ou botándolle unha ollada ás fotos que conseguimos tomar.