30/10/15

PREPARANDO O RECITAL DE POESÍA ADOLESCENTE

Estamos a preparar un Recital de Poesía Adolescente, que faremos o mércores 4 de Novembro para celebrar o Día das Bibliotecas Escolares e para presentar tamén o Club de Lectura Siareiros da Palabra, que conta cunha morea de membros novos. 

A novidade é que será un acto especial, porque teremos como invitadxs a varixs alumnos/as do IES Ribeira do Louro que virán a recitar os seus propios poemas, varios deles premiados ou seleccionados no Concurso escolar de Poesía da Fundación Rosalía de Castro 2015.


Despois da ponte, xa vos contaremos como foi todo e o difundiremos para que tamén o disfrutedes e coñezades os versos. Polo de agora colgamos o fermoso cartel que creou Nacho Ruíz, profe de Plástica, para a ocasión. E para facer a publicidade necesaria, ocorréusenos que sería boa idea utilizar "persoas anuncio", que se pasearían nos recreos polo patio e corredores para chamar a atención, informar e que asista o público que así o desexe voluntariamente... 
Comprobamos xa que é un recurso moi efectivo...!!!!




27/10/15

TAMÉN LEN con ROCÍO PATO GARRIDO

Hoxe vimos de estar no recreo coa mestra do CEIP Altamira, Rocío Pato, quen nos brindou unha sesión de lectura compartida moi interesante. Aceptou encantada a nosa invitación e nós agradecemos a súa presenza. O relato que elixiu titúlase "Confesión" e forma parte do libro de Fran Alonso, "Cartas de amor", onde as protagonistas do amor ou desamor son mulleres en circunstancias dramáticas ou complicadas, que reflicten vivencias de gran realismo que nos permiten tomar postura, aceptar ou cuestionar a realidade que vivimos. Neste caso contaba a soidade, temores, dúbidas e valentía dunha moza que acepta e fala da súa homosexualidade a través dunha carta dirixida a unha amiga.


Do recibimento encargáronse alumnos e alumnas de 1º ESO recén chegadxs ao noso Centro, que nos revelaron boas aptitudes musicais e de lectura, e nós agradecémoslles a súa participación entusiasta.





No coloquio posterior, Rocío comentou que a súa intención era ler un fragmento de "Los juegos del hambre", pero preferiu escoller un texto en galego para a ocasión. Ademais de responder amablemente a todas as preguntas que o alumnado lle quixo facer. E, como non, lembramos que Rocío estivera hai tres anos de acompañante nun Tamén Len invitada con alumnxs de 4º de Primaria, xs mesmos que este curso acaban de chegar a 1ºESO.

Destacar que nos deixou de agasallo na biblioteca para todxs vós, un par de libros de literatura xuvenil, de Agustín Fdez. Paz.
 
Foi un bo comezo de animación á lectura, sen dúbida!