23/3/12

Tamén len... con Natalia


De esquerda á dereita: Karen, Natalia e Antonio

Hoxe tivemos a sesión do "Tamén len" correspondente a este mes de marzo. Nela demos a benvida de novo a Natalia, profesora de Matemáticas que traballou con nós ata hai dous cursos e que formaba parte deste noso equipo de biblioteca. 

A Calixtina recibiuna coma se merece, engalanada coas letras e números da CDU (que ela deseñara e recortara con agarimo) reunidas para enviarlle unha mensaxe de benvida en forma de ecuación.

A presentación correu a cargo de Antonio, outro dos nosos compañeiros do departamento de Matemáticas, quen recordou o paso de Natalia polo noso instituto.

Natalia, pola súa banda, ofreceunos coma sempre a súa alegría e o seu cariño e leunos o primeiro capítulo (cómo non!) do libro "El diablo de los números" de Hans Magnus Enzensberger.

O libro cóntanos como Robert, un neno que odia as matemáticas, atopa en soños ao demo dos números e descubre da súa man un mundo apaixoante, no que as matemáticas deixarán de ser un ente incomprensible para converterse nun reto fascinante lonxe dos tópicos escolares.

Sen dúbida o momento estelar da sesión foi cando Natalia, ao finalizar a súa lectura, nos descubriu esta movida e orixinal Cumbia Matemática que arrincou máis dunha gargallada entre os/as asistentes.



Para pechar o acto, Karen de 3ºA, leulle a Natalia o poema de Wislawa Szymborska "O número pi". 


Despois desta sesión xa ninguén poderá dicir aquilo de que "os de ciencias" non amamos os libros nin a lectura...

20/3/12

De novo chegou a primavera!

Hoxe deu comezo oficialmente a primavera e mañá, como cada 21 de marzo, será o Día Mundial da Poesía
O noso club de lectura "Siareiros da palabra" reuniuse onte para levar a cabo un recital de poesía titulado "Conmemoración" na que se leron poemas escollidos dos autores que por diversas razóns quixemos homenaxear:

TOMAS TRANSTRÖMER, Premio Nobel de Literatura 2011
WISLAWA SZYMBORSKA, Premio Nobel de Literatura 1996. Que nos deixou a comezos deste ano 2012.
NICANOR PARRA. Premio Cervantes de las Letras 2012.
VALENTÍN PAZ ANDRADE. Letras Galegas 2012.
ÁLVARO CUNQUEIRO. Centenario do seu nacemento no 2011.
LUIS SEOANE. Centenario do seu nacemento no 2010.
CELSO EMILIO FERREIRO. Centenario do seu nacemento no 2012.
ROSALÍA DE CASTRO. 175 do seu nacemento no 2012.
ANTONIO MACHADO. 100 anos da publicación de Campos de Castilla 1912.
FEDERICO GARCÍA LORCA. 75 anos da súa morte no 2011.

Hoxe queremos compartir con vós unha pequena escolma de poemas destes/as autores/as que nos acercan coas súas verbas o recendo desta primavera que vimos de inaugurar.

poemas conmemoración

14/3/12

Animando os muros da Biblioteca


O Departamento de Plástica do IES Pedras Rubias acometeu a tarefa de animar as paredes da biblioteca do instituto cunha serie de pinturas murais. Ademais de intentar facer máis atractivo este espazo, as pinturas teñen unha función sinalizadora das distintas zonas.


Nas seccións adicadas á Banda Deseñada, pintamos un rótulo coas palabras "Banda deseñada" dentro dun globo de texto (ou "balloom", como lle chaman os anglosaxóns). Ámbolos dous lados del, representamos o busto de dous personaxes da banda deseñada europea. O da banda esquerda (que é o personaxe que fala) é o Corto Maltés, un aventureiro de comezos do S.XX creado polo debuxante italiano Hugo Pratt. O da dereita é o seu simpático antagonista Rasputín (en parte baseado neste personaxe histórico). As súas peripecias abundan en referencias literarias a autores clásicos do xénero de aventuras como R.L. Stevenson, Joseph Conrad ou Jack London.

Noutra parede fixemos unha homenaxe ao manga xaponés, sabendo o interese que suscita este tipo de banda deseñada entre o noso alumnado. Escollemos a obra "Bakuman" de Tsugumi Ohba e Takeshi Obata, e representamos ao seu protagonista, un mozo que soña con converterse nun "mangaka" (debuxante de manga). Aquí vémolo en pleno acto creativo, mollando a plumiña nun tinteiro e desposto a poñerse mans á obra.











Outra sección na que interviñemos foi a Cinemateca, onde está a colección de películas en DVD da que dispón a biblioteca do centro. Nela pintamos unha claqueta como as que empregan os/as directores/as de cinema para indicar as súas escenas. Dentro dela rotulamos a palabra "Cinemateca", o nome do apartado. Para representar o mundo do cinema, buscamos unha imaxe que funcionara como unha icona, e pensamos na actriz británica Audrey Hepburn. Este retrato seu está inspirado no cartel da película "Almorzo con diamantes" (Breakfast at Tiffany's, a súa vez baseado nun libro de Truman Capote co mesmo título) que a consagrou como un mito de Hollywood e unha das intérpretes máis belas e elegantes da sétima Arte.
Nacho Ruíz
Profesor de  Plástica

12/3/12

nAMORarte



Este curso escolar o proxecto da  nosa Biblioteca Escolar está vencellado á Arte. Por iso aproveitamos o mes de febreiro e a data dos namorados, nada máis nin nada menos, que para convidarte/convidarvos a nAMORarte (ou namorarvos) a través da nosa modesta exposición de imaxes de cadros, esculturas e fotografías relacionadas co amor. Procuramos que a mostra, aínda que pouco numerosa, fose representativa de diferentes estilos e étapas. Agora, xa ben entrado o mes de marzo e a piques de comezar a primavera, atopaches xa a túa imaxe favorita?






9/3/12

Rosa Aneiros no IES Pedras Rubias

RosaAneiros2

O vindeiro mércores 14 de marzo Rosa Aneiros acudirá ao noso instituto para comentar o bater das "Ás de bolboreta". A charla será ás 12'20 horas e asistirá o alumnado de 4º ESO que tivo este libro como lectura obrigatoria na 1ª avaliación.
Esta tertulia literaria, organizada polo Departamento de galego, enmárcase no conxunto de actividades do Instituto para celebrar "Marzo, mes da muller".

5/3/12

Tamén len 5º aniversario

O día 27 de febreiro pasado facíanse cinco anos da primeira sesión do noso "Tamén len". Por suposto, non podiamos deixar pasar esta data sen celebralo por todo o alto. Un lustro xa...

Paula presentado a Jose Luís
Moitas foron as persoas que ao longo de todos estes anos se prestaron a vir ata a nosa Calixtina para compartir a súa afección polos libros, para engaiolarnos coa súa voz e a súa presenza neses breves momentos de lectura compartida durante o recreo.
De todas elas, cinco (en representación ao número de anos) asistiron ao noso acto especial do 5º aniversario: Rosa Velasco (profesora do CPI Altamira), Darío Hermida (enxeñeiro e ex-alumno do noso centro), Loli Castiñeira (concelleira de Turismo de Salceda de Caselas), Roberto Cameselle (Policía local de Salceda) e Suso Cancela (ATS no centro de saúde da vila). Como non podía ser doutro xeito, o condutor do acto foi o noso excompañeiro José Luís, "inventor" desta marabillosa actividade de fomento da lectura.

Un intre da lectura de Rosa Velasco

Entre lectura e lectura, soou a música do noso alumnado

Todos os lectores/as da conmemoración

Un momento da sentida interpretación de Hugo
O pistoletazo de saída deuno Paula, coordinadora da BE, coa súa emotiva presentación de José Luís que, á súa vez, fixo as presentacións dos nosos convidados ao que seguiu a rolda de lecturas. 
Os fragmentos escolmados foron moi diversos: a amizade e tenrura do fragmento de "O Principiño" escolmado por Rosa, os risos provocados polo monólogo humorístico de Carlos Blanco que nos leu Darío, o sobresalto da violencia relatada por Loli no fragmento de "Mexillóns para cear", a tenrura e o mundo escolar no relato "A lingua das bolboretas" que leu para nós Roberto ou a actualidade e a reivindicación política dos poemas de Bertolt Brecht que recitou Suso. Entre medias as actuacións musicais executadas polo noso alumnado. Agora só resta desexar que faga moitos máis! 

Foto de familia dos asistentes e organizadores/as