31/1/16

TAMÉN LEN DE XANEIRO CO ACTOR SALCEDENSE DAVID AMOR



Comezamos 2016 de cine, como soe dicirse, porque tivemos a visita do actor de comedia DAVID AMOR, que é de aquí, mesmiño da Picoña, pero con vida en Pontevedra, e que, neste momento, traballa en Madrid na exitosa serie de TV "GYM Tony", aínda que foi quen de confesar que lle gusta vir a Galicia, onde ten a súa xente e onde cre que hai máis calidade de vida que no balbordo dunha gran capital.

Todo comezou no 2001 cando preparou un monólogo de "O Rei da Comedia" e se presentou ao casting.  A partir de aí, topouse con Fran Hermida e actuaron en Cafés e Salas, e na TVG en Supermartes. Durante un tempo atendeu a súa outra paixón: o balonmán, pasando por diversos equipos, ata xogar no "Teucro" e na actualidade no  equipo Sar de Redondela ". Pero esta actividade, para a que se preparou a fondo dende xoven, decidiu deixala en plano secundario para poder seguir o camiño da interpretación. Así traballou como humorista en Luar, Mareas vivas, foi guionista de "Land Rover", pasou por "O Club do chiste" en Antena 3 e despois en series como  a actual "Gym Tony" en Cuatro, ademáis de traballar con Resines en " Aquí paz y después gloria" en T5. Tamén probou no teatro, onde ten dúas propostas de comedia, aínda que lle gustaría traballar outros xéneros.
Contounos que a vida de actor non é como a pintan de lonxe, pois a súa xornada empeza erguéndose ás 5'30h da mañá, entra ás 7h para maquillaxe, etc e está rodando ata as 19h; deste xeito o que resta do día adícao ao deporte, a estudar os guións e deitarse cedo. Di que un actor non se fai millonario, pero el ten o que necesita e fai o que quere, gústalle a súa vida e neste sentido considérase  "millonario"...
"Recomenda ao alumnado ter o cerebro encendido ante a TV, os medios, hai que pensar e diferenciar ficción e realidade. A TV constrúe historias e crea emocións, pero non é a vida real." Destacou que con perseverancia se poden acadar os soños de cadaquén, el así o fixo e ten unha boa vida.

Para compartir a lectura elixiu un dos seus libros favoritos: "Polaroid" de Suso de Toro, que leu dun xeito magnífico, dramatizando o contido de varios relatos, meténdose no papel, atraendo o público e facéndonos pasar un momento moi agradable, ademais de servirnos de bo exemplo de como ler en alto...








13/1/16

CONCURSO DE BD (HISTORIETAS) PARA CELEBRAR O DÍA DA PAZ.



CONCURSO DE BANDA DESEÑADA (HISTORIETAS) SOBRE A PAZ

“IMAXINA QUE…EXISTE UN MUNDO ONDE TODAS AS PERSOAS VIVEN EN PAZ”
Ao longo deste mes de xaneiro, propoñemos traballar unha realidade onde a paz estea presente nas nosas vidas. Para iso estades invitad@s a imaxinar e crear mundos posibles onde estean ausentes as violencias de todo tipo. Por iso pensamos que podedes elaborar viñetas ou “historietas” (BD) cunha pequeña historia da vosa invención, que serán valoradas como traballo de aula en Ética e Educación para a Cidadanía, serán expostas e irán a concurso, para así concienciarnos, sensibilizarnos e participar na celebración do Día Internacional da PAZ o 30 de xaneiro.
Imaxina a toda a xente vivindo a vida en PAZ”, di a canción de John Lennon, na que te podes inspirar (información no post de biblosvivos)

BASES:
v -Crear unha historia debuxada ao redor do tema da PAZ, da non violencia de calquera tipo; con liberdade de estilo e sobre soporte de papel ou cartolina tamaño A4 ou A3.
v -As historietas serán escritas en galego.
v -A extensión é dunha folla como mínimo en cor ou branco e negro.
v -Pode facerse como traballo individual ou entre dúas persoas. Poñerase o nome completo e grupo dos participantes por detrás de cada obra e por diante o pseudónimo nunha esquina e o nivel.
v -Presentarase o traballo xunto cun papel ou sobre pechado que conteña dentro o nome/s das persoas autoras e curso, e por fóra un pseudónimo (nome inventado).
v -O alumnado de 2º e 4º ESO entregará os traballos á profesora para ser valorados nas materias de Ética e Educación para a Cidadanía. O resto dos niveis o traballarán co profesorado de Galego, que así o considere, de Plástica ou dende Titoría.
v -Os resto dos participantes, entregarán os traballos da forma indicada no recreo na Biblioteca ao longo deste mes e  ata o mércores 27 de xaneiro.
v -Serán destacados os mellores traballos cun premio por nivel.

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR TOD@S!!

-------------------*-------------------

Para inspirarvos aludimos á canción de John Lennon "Imaxine", considerada por moit@s unha das mellores cancións de todos os tempos, cunha mensaxe de PAZ para un mundo mellor, ademais de outra: "Give Peace a Change" na que tamén invita a darlle unha oportunidade á PAZ...



----------------------------------------*--------------------------------------