31/1/25

TAMÉN LEN DE XANEIRO COA PROFE CELIA

     Onte tivemos o pracer de compartir lectura coa profe Celia Bugarín de historia que se xubilou en agosto e xa non comezou este novo curso con nós. Tróuxonos a Castelao e o seu libro Cousas e gozamos escoitando a lectura dos relatos escollidos por ela. Lembramos a súa época de profe con nós e mantivemos unha bonita conversa. Grazas Celia por volver e terte de novo aquí. Seguiremos lendo. 

Aquí vos deixamos unhas mostras do acto. 








14/1/25

Fixemos Knolling na última sesión do club de lectura

 Onte luns 13 de xaneiro reuniuse de novo o club de lectura e tras analizar as obras lidas (Trece anos branca, de Agustín Fernández Paz; Non cantan os paxaros neste bosque, de Carlos Negro e Spy x family 3 no club de manga) fixemos algunhas montaxes knolling a partir do que lles suxeriu a lectura das obras ao alumnado. Aquí volas deixamos. 







9/1/25

ÚLTIMAS ACTIVIDADES DE DECEMBRO

 Aínda que con retraso, queremos deixar aquí unha mostra das últimas actividades realizadas no final do peimeiro trimestre e comezar con ganas este segundo período do curso escolar. O 19 de decembro recibimos no último Tamén Len da avaliación a Gustavo Prozzo, inspector de educación que se xubila este curso e co cal tivemos o gusto de compartir traballo. Foi unha sesión moi agradable e interesante no que o noso convidado leu un precioso poema en galego de Marta Dacosta que se inclúe no seu poemario Papaventos abismados, obra coa que gañou recentemente o IV Premio Filomena Dato e na que reflexiona sobre a perda da memoria e a vellez. Fixo tamén unha reflexión sobre a riqueza que posuímos en Galiza ao termos unha lingua propia (o galego). 

Pechamos o trimestre amosando os marcapáxinas de Nadal gañadores do Concurso convocado pola Biblioteca no cal resultou difícil a escolla. Grazas a todo o alumnado participante. 
















2/12/24

NOVA SESIÓN CLUB DE LECTURA

     Hoxe 2 de decembro tivemos unha nova xuntanza do club de lectura. No grupo de manga disfrutaron con Spy x family 2 e mesmo fixeron debuxos anime inspirándose nel. 

No grupo de 1º e 2º ESO analizamos a obra Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz, un clásico da nosa literatura xuvenil. A partir da súa lectura empregamos a ténica Knolling para crear unha fotografúa inspirándonos no seu contido.

Aquí van as fotiños mostra da sesión. 










Club de ciencias na biblio

 O 18 de novembro, co gallo da conmemoración do mes da ciencia en galego, o club de ciencias desenvolveuse na biblio con alumnado de 4º ESO e 1º BACH. A sesión levou por título "Cromatografía das follas de outono" e o resultado foi moi produtivo. Aquí vos deixamos unha mostra gráfica do desenvolvemento e resultado. 







12/11/24

ACTIVIDADES DO MES DE NOVEMBRO

     No mes do magosto e do Samaín houbo actividades no centro que xa son un "clásico": o magosto terrorífico no que o equipo de dinamización lingüística deseño un completo programa de actividades como o concurso de receitas de outono, a procesión da santa compaña e o magosto popular con xogos e música tradicional. Dende a biblioteca acompañamos esta celebración cunha exposición de libros relacionados coa temática de misterio e terror. 
    Este mes é tamén o mes da ciencia en galego polo que temos unha exposición de libro informativo acerca deste tema para que todos e todas poidamos ampliar o noso coñecemento sobre a ciencia na nosa propia lingua.
    Celebramos tamén o luns 11 de novembro unha nova sesión do club de lectura con estas dúas propostas:

O día 13 de novembro realizamos unha nova sesión do Tamén Len con Zulay Suárez, irmá de Denís Suárez que animou a rapazada a ler e faloulles do seu labor de marketing dentro da fundación deportiva Denís Suárez. 


24/10/24

24 de outubro: Día das Bibliotecas

     Hoxe conmemoramos o Día das Bibliotecas cun progama de radio especial no que alumnado do noso equipo de voluntariado e club de lectura leu textos do noso cancioneiro popular. Ademais acompañamos o recitado con música en galego que mesturan en moitos casos a tradición e a modernidade. Podedes ver o programa completo na nosa canle de youtube Onda Raia Pedras Rubias. Aquí vos deixamos o enlace: Día das Bibliotecas

Tamén vos deixamos unha mostra fotográfica. Grazas a toda a rapazada que o fixo posible.







14/10/24

NOVA SESIÓN DO CLUB DE LECTURA

 Tivemos hoxe unha nova sesión do club de lectura na que comentamos dúas obras teatrais: A derradeira bala e O achado do castro. Comentamos os seus argumentos e personaxes e dramatizamos algunhas escenas. Son obras que gustaron moito e que axudaron a que o alumnado vaia descubrindo o xénero teatral desde outra perspectiva. Agardamos unha próxima reunión pronto. 




HOMENAXE A BEGOÑA GIL GONZÁLEZ

    Hoxe, con motivo da conmemoración do Día das escritoras, dedicamos unha emotiva homenaxe a Begoña Gil González, escritora salcedense falecida este verán. Ela participou no noso club de lectura no curso 22-23 e visitounos de novo para participar no Tamén Len uns meses despois. Autora da novela negra Esto no es  el CSI e outros dous títulos nos que converteu en personaxe colectivo a Salceda e as súas xentes, creou un vínculo especial co alumnado do club de lectura que leran a súa obra. Eles e elas foron os encargados de dedicarlle unhas palabras e dramatizar uns fragmentos das súas obras. Ademais creamos un recuncho lector co seu nome no que exporemos literatura escrita por mulleres. Grazas a todos e todas por asistir e unha vez máis dámosche as grazas Begoña polo teu marabilloso sorriso que sempre nos acompañará. Aquí van unhas fotiños do evento. 










9/10/24

RETOMANDO CLUB LECTURA E TAMÉN LEN

 Estamos de novo en marcha e retomando as nosas citas lectoras. Realizamos a primeira reunión do club de lectura o 30 de setembro na cal decidimos comezar lendo teatro xa que este curso a Biblioteca Escolar sae a escena! A rapazada de 1º e 2º ESO leu O achado do castro, un clásico de Manuel Núñez Singala e os de 3º e 4º A derradeira bala de Fernando Castro Paredes, obra gañadora do Premio Vidal Bolaño de Teatroun premio convocado pola Editorial Galaxia e o equipo de dinamización lingüística do IES Ribeira do Louro e colaboración do Concello do Porriño desde o ano 2018

O xoves 3 de outubro arrancamos unha nova edición do noso Tamén Len no que tivemos de convidada a Lía Gil, mestra do CEP Altamira. Acompañouna a súa alumna Katia Vaqueiro Vila que cursa 6º de primaria e que é autora do libro infantil escollido para a ocasión, Juana y las galletas. Aquí vos deixamos unhas fotiños do acto.



19/9/24

NOVO CURSO E NOVAS LECTURAS

Con moitas ganas e novas ilusións voltamos nun espazo renovado e aberto para que poidamos gozar da lectura e dos xogos que esperan na nosa Biblioteca Calixtina. 

Iremos informando de novidades e poñendo en marcha proxectos e actividades.

Bo curso para todos e todas!!!!




14/6/24

Gravación programa Léochoeu para a TVG

 Hoxe tivemos o pracer de volver a recibir a Fran Alonso na nosa biblio para a gravación dun novo programa para a TVG (LÉOCHO EU) sobre os clubs de lectura. O alumnado do club de lectura de 1º BACH e 4º ESO gravou unha nova sesión do club na que falaron de novo co autor sobre o seu poemario Street Poems. Unha bonita experiencia. Moitas grazas a todos e todas e especialmente a Fran Alonso por volver acompañarnos.






13/6/24

ENTREGA DIPLOMAS VOLUNTARIADO CURSO PASADO

 Onte entregamos os diplomas ao grupo de voluntariado que o curso anterior desenvolveu o seu labor na biblioteca. Algúns e algunhas continúan tamén este curso e agardamos poder contar con eles e elas o próximo curso. Moitísimas grazas polo voso labor!



3/6/24

EXCURSIÓN FIN DE CURSO CLUB BIBLIOTECA

 Como peche ás actividades deste curso o 29 de maio fixemos unha excursión literaria conxunta co público máis fiel do Tamén Len, do club de lectura e cos colaboradores de voluntariado da biblioteca. Achegámonos ao universo literario de Domingo Villar facendo un percorrido por algúns escenarios nos que se desenvolve a novela A praia dos afogados. Visitamos así Panxón e fixemos lecturas de fragmentos da obra ademais de poder gozar dun día solleiro na praia. Grazas a todo o alumnado participante e agardamos que o próximo curso teñamos moitas máis lecturas proveitosas. Aquí vos deixamos unha pequena mostra en imaxes do día.