2/3/13

Marcos Calveiro comparte con nós "Palabras de auga"


"O oitavo día que a lanza fica chantada na terra, Amadou non pode pasar toda a xornada baixo o inclemente solleiro, encrequenado cos seus compañeiros arredor dela como aquel primeiro día.
Todos eles teñen que asistir ao consello da tribo para falar de "Palabras de auga" no IES Pedras Rubias.

Jambo! Bevidos a todas e todos a este consello do clan dos Wataki, da tribo dos Kimba, do país de Lomba. Hoxe imos variar un pouco o costume. Hoxe mulleres e nenos van ter voz nas decisións do noso clan. Todos, despois de ter lido o libro, gañamos o dereito de acudir á reunión."



O pasado mércores veu visitarnos Marcos Calveiro, invitado polo departamento de Lingua galega e o equipo de biblioteca. O alumnado de 1º ESO e mais os compoñentes do club de lectura viñan de ler "Palabras de auga", premio Merlín 2012. Como correspondía a unha ocasión tan especial, tentamos darlle un aire africano á nosa Calixtina para entrar en ambiente. Desde aquí mostrar o noso agradecemento ao CRA Raíña Aragonta por prestarnos as fermosas máscaras e a lanza elaboradas por alumnos e alumnas de infantil no pasado Entroido. Tamén agradecemos a Esme e Adelia, compañeiras do IES Val de Tea, de Ponteareas, que se achegasen a compartir a experiencia con nós.



Marcos falounos moito máis ca do seu libro: falounos de África, da súa música e os seus bailes, da seca, da loita pola supervivencia, do que une aos nenos de todo o mundo e do que, por desgraza, os separa. E tamén, dou fe, contestou a moitas, pero que moitas preguntas, verdade Hugo?

Un dos momentos máis emocionantes foi cando nos falou do Coltan, esa combinación de minerais que se está a converter no ouro negro do século XXI debido á súa utilización na fabricación de teléfonos móbiles, tabletas, consolas, pantallas, etc. O coltan é o mineral que se agocha baixo o enigmático sobrenome das "pedras negras" no libro. Se queredes saber máis sobre el, podedes ver o documental francés "Du sang dans nos portables" de Patrick Forestier premendo aquí.

Despedimos a sesión con música da man de Tiken Jah Fakoly e "Plus rien ne m'etonne". Impresionante.




"Aquí, chantados, ficamos como sedentas árbores da sabana despois de sentirmos como a auga das túas palabras escorregou polos nosos corpos poeirentos, enchoupando o noso corazón de sensibilidade e fondura, inundando as galerías das esforzadas formigas onde sementes e vaíñas agochadas durante tempo comezan a abrochar".

Kwa bahati (boa sorte), Calveiro, e kwa heri (adeus).

4 comentarios:

Susana dijo...

Encantoume escoitar a Marcos Calveiro. Grazas a todo o alumnado participante. Espero compartir convosco máis lecturas e charlas ;)

Ariel dijo...

Aunque eu non estiven na reunión, leín o libro de Palabras de Auga e sinceramente gustoume a maneira coa que Marcos Calbeiro explicou cunha historia a pobreza de África e que os nosos problemas non son nada en comparación cos de eles. Espero que volva algunha vez ao Instituo para asistir a súa reunión =)

Alba dijo...

eu non estiven na reunion pero o libro gustoume moito e espero que marcos calveiro volva outra vez para asistir a reunion :)

Alejandro dijo...

Eu lin o libro e quedei impactado sobre como o autor Marcos Calveiro redactou ese libro tan intrigante.E tamén cando viu ao instituto me resolveu algunhas preguntas.Sobretodo grazas a Hugo.
Espero poder ler no futuro moitos libros del.