2/5/14

CÁNDIDO PAZÓ.O poder da Palabra.

Nunha actividade organizada por Normalización Lingüística para todos os niveis da ESO, este luns 28 de abril estivo no IES Pedras Rubias Cándido Pazó, a quen podemos presentar como un home de teatro moi completo, pois é actor, director, escritor, adaptador, narrador oral, cómico... cunha longa traxectoria que comezou en Vigo co grupo de teatro "A Farándula".


O poder da Palabra é o título do espectáculo que compartiu con nós. El mesmo explica que "é maís rápido viaxar coas palabras que en avión". Para conseguilo non ten máis que subir a unha escada vermella de catro chanzos, modular a voz enfatizando oportunamente as pasaxes coas que quere atrapar a nosa atención, baixar dela, volta a subir 1, 2 chanzos,  para empezar a contar a historia de Tareixa de Soutelo, quen de nena non coñecía ao seu pai, emigrado en Montevideo, que ía voltar cando chegara o inverno. Pero o tempo é longo para a nena Tareixa e a nai pensa que o mellor será entreterlle a espera á súa filla contándolle un conto cada día para que aprendera a esperar...

Este recurso sírvelle ao actor para manter un fío condutor, namentres pode ir e vir dunha historia a outra sen se perder. A súa intenión é facerlle un monumento á emigración, falar da metáfora dunha inxustiza, pero pensar que toda inxustiza pode ser corrixida co alento solidario.
Na posta en escena destaca a súa vestimenta de cor vermella para chamar a atención e darlle unidade e significado á súa persoa como portadora de historias, dese poder da palabra... Xoga todo o rato coa imaxinación, cos xestos, cun mínimo de obxectos que se transforman, sempre en clave de humor, falando tanto de épocas pasadas como da actualidade, de contos tradicionais, como de manga ou anime xaponés actual... e unificando o espazo entre o actor e o público cunha luz uniforme e alta para xerar diálogo.

Vaia, que pasamos un bo rato rindo coa súa actuación e disfrutando do seu saber facer!!


No hay comentarios: