27/11/14

TAMÉN LEN NOVEMBRO: MIRIAM E A SÚA EXPERIENCIA SAHARAUI.



Este venres 21 no Tamén Len, contamos coa presenza dunha antiga alumna: Miriam Fernández Moreira, que foi presentada por dúas alumnas de 3º, Alba e Josefina, que o curso pasado coincidiron con ela na excursión á neve, onde os acompañou como persoa de apoio; xa que ela fixo a carreira de Educación Física, quere ser profesora e, como non, é unha gran amante dos deportes. A experiencia de traballar con xóvenes gustoulle moito e sentiuse moi ben entre eles/as. Do cal damos fe, pois é evidente que ten madeira de ensinante, demostrou ser unha boa comunicadora, ademais de disfrutar entre nós compartindo esta actividade de lectura.

Primeiro leu en inglés -e que ben soaba!- un fragmento do libro máis lido, máis traducido e máis vendido do mundo, do escritor francés Antoine de Saint-Exupéry (1900-1944) "The Little Prince" , publicado en inglés en 1943 por unha editorial estadounidense, namentres que en Francia non se puido editar ata 1946 por mor da II Guerra Mundial. 


Hai que dicir que o seu autor foi aviador e  tivo numerosas experiencias accidentadas no deserto do Sahara; e alí é a onde nos levou Miriam coa elección da segunda lectura: "Hijas de la arena. Cartas desde los campamentos saharauis", escrita por Ana Tortajada en 2002, quen estivo en Tinduf, no deserto alxeriano, onde están os acampamentos de saharauis e decidiu relatar a vida deste pobo e da súa maneira de enfrontarse á precariedade, denunciando a actitude da comunidade internacional ante un conflito que leva anos
 en espera de resolución. A autora viviu nas jaimas de telas zurcidas que compoñen a paisaxe do deserto e compartiu o día a día das mulleres saharauis, escoitando os relatos e fábulas propios da súa cultura, que son aclaratorios da forza dun pobo sufrinte, disposto a todo por defender a súa independencia e recuperar o seu territorio, hoxe en mans de Marrocos e que anteriormente, ata 1975, fora colonia española.


Magnífica mestra de cerimonia, contou dun
xeito claro e conciso a problemática deste pobo e a súa experiencia cos nenos saharauis, a quen adoita acoller na súa casa en vacacións de verán; ademais de viaxar a Tinduf en 2008, no inhóspito deserto de Alxeria, para coñecer a súa realidade -tan dura e inxusta- da man da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.

É de destacar o papel das mulleres desta cultura, que son as que puxeron en pé os acampamentos e sosteñen a vida delas e dos nenos nunha parte do deserto onde non sería posible vivir de non ser pola cooperación internacional. A presenza dos homes é minoritaria, ben porque están na fronte ou ben porque están presos polo goberno de Marrocos. 


Chámanos a atención a ambientación da Biblioteca para acoller esta actividade, que semellaba unha gran jaima alfombrada e velada... obra de Chefa, quen tamén podería contarnos moitas cousas da súa visita a este mesmo lugar do deserto de Tinduf en Alxeria.








No hay comentarios: