11/1/15

4º ESO VISITA OS PAZOS DE SALCEDA


PICOÑA, AVALLE E PEGULLAL


         Todos  os anos, no IES Pedras Rubias, organizamos unha actividade complementaria que consiste nunha visita aos Pazos de Picoña, Avalle e Pegullal, unha actividade que quedou fixada dada a súa importancia para o coñecemento directo do patrimonio monumental, cultural e histórico-artístico de Salceda de Caselas.
Está destinada ao alumnado de 4ºESO, organizada polo Departamento de CC.SS. e traballada na materia de Historia Contemporánea en relación ao tema da fidalguía, da propiedade da terra e das explotacións agrarias na Galicia moderna e contemporánea. Así mesmo permite un achegamento práctico ás formas da arquitectura barroca galega aplicada a estas construcións rurais pacegas, ou Casas Grandes.


A súa posible realización debemos agradecela á amabilidade das familias propietarias de cadanseu pazo, e ao papel de intermediario e de guía excepcional do mestre Manuel Prego Español, que cada ano –incluso xubilado- ten unha resposta afirmativa para nós e é quen de acompañarnos e sorprender ao alumnado coa súa información privilexiada, procedente do traballo de investigación sobre os pazos locais da súa autoría, que foi publicado polo Concello. ("Unha ollada á Historia de Salceda de Caselas")
O sentido da visita é activo e participativo por parte dos alumnos/as que teñen que cubrir in situ os datos dunha Ficha de Traballo elaborada polo propio Departamento de CC.SS., que lles permite fixar a atención e facer o seguimento das explicacións que lles van desvelar o significado de escudos e linaxes, formas arquitectónicas e escultóricas, tipo de explotación, modos de vida, pervivencia e actual función destas propiedades, estado de conservación, etc.
O achegamento ao outro lado destes muros, descobre para eles unha realidade fascinante e exclusiva, tanto no caso da “deconstrución” do Pazo da Picoña, obxecto da herdanza repartida (partixas) que levou á súa deteriorización e á aplicación de materiais propios do “feísmo galego” pemitidos ao longo do tempo; como no caso do coidado estado de conservación e uso dos Pazos de Avalle e Pegullal, que son mostra do aproveitamento para explotacións de vide ou de kiwi, respectivamente. Como nos comentaba a actual propietaria de Avalle, cando a súa familia decidiu comprar este pazo coas súas terras, o que lle deixaron foi un novo modo de vida, que valora extraordinariamente e ao que se adaptou encantada.



Queremos compartir con vós esta viaxe ao pasado da nosa localidade e difundila como actividade que reporta un desenvolvemento de competencias básicas a partir do coñecemento e valoración da realidade cercana.
Achegamos a Ficha de Traballo e un resumo da información relativa a cada pazo.



2 comentarios:

Manuel Prego Español dijo...

Buscurando neste tan complexo mundo da investigación que nos permite Internet, cheguei á visita dos pazos dos alumnos de 4º ESO neste Curso 2014-15. Comprobei que non me tedes olvidado e agradezo o comentario que sobre a miña persoa facedes.
Contade sempre conmigo, é para mín unha honra. Vos felicito.
Unha forte aperta. Español.

biblosvivos dijo...

Acabo de ver o voso comentario, que agradecemos. Xa sabemos que contamos con vostede, e vostece connosco. Apertas