Comezamos 2016 de cine, como soe dicirse, porque tivemos a visita do actor de comedia DAVID AMOR, que é de aquí, mesmiño da Picoña, pero con vida en Pontevedra, e que, neste momento, traballa en Madrid na exitosa serie de TV "GYM Tony", aínda que foi quen de confesar que lle gusta vir a Galicia, onde ten a súa xente e onde cre que hai máis calidade de vida que no balbordo dunha gran capital.
Todo comezou no 2001 cando preparou un monólogo de "O Rei da Comedia" e se presentou ao casting. A partir de aí, topouse con Fran Hermida e actuaron en Cafés e Salas, e na TVG en Supermartes. Durante un tempo atendeu a súa outra paixón: o balonmán, pasando por diversos equipos, ata xogar no "Teucro" e na actualidade no equipo Sar de Redondela ". Pero esta actividade, para a que se preparou a fondo dende xoven, decidiu deixala en plano secundario para poder seguir o camiño da interpretación. Así traballou como humorista en Luar, Mareas vivas, foi guionista de "Land Rover", pasou por "O Club do chiste" en Antena 3 e despois en series como a actual "Gym Tony" en Cuatro, ademáis de traballar con Resines en " Aquí paz y después gloria" en T5. Tamén probou no teatro, onde ten dúas propostas de comedia, aínda que lle gustaría traballar outros xéneros.
Contounos que a vida de actor non é como a pintan de lonxe, pois a súa xornada empeza erguéndose ás 5'30h da mañá, entra ás 7h para maquillaxe, etc e está rodando ata as 19h; deste xeito o que resta do día adícao ao deporte, a estudar os guións e deitarse cedo. Di que un actor non se fai millonario, pero el ten o que necesita e fai o que quere, gústalle a súa vida e neste sentido considérase "millonario"...
"Recomenda ao alumnado ter o cerebro encendido ante a TV, os medios, hai que pensar e diferenciar ficción e realidade. A TV constrúe historias e crea emocións, pero non é a vida real." Destacou que con perseverancia se poden acadar os soños de cadaquén, el así o fixo e ten unha boa vida.
Para compartir a lectura elixiu un dos seus libros favoritos: "Polaroid" de Suso de Toro, que leu dun xeito magnífico, dramatizando o contido de varios relatos, meténdose no papel, atraendo o público e facéndonos pasar un momento moi agradable, ademais de servirnos de bo exemplo de como ler en alto...
No hay comentarios:
Publicar un comentario