Fin de curso "distinto"
O pasado 5 de xuño celebrouse o día mundial do medio ambiente e o día 8 de xuño é o día dos océanos.O mes de xuño é un mes moi adicado á ecoloxía, aínda que este é un tema do que nos ocupar e "preocupar" durante todo o ano.
En
decembro de 2008 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas resolveu que a
partir de 2009, cada 8 de xuño se celebraría o Día Mundial dos Océanos.
Esta conmemoración ten como propósito concienciar á opinión pública
sobre as consecuencias que a actividade humana ten para os océanos e
poñer en marcha un movemento mundial cidadán a favor da xestión sostible
destes, xa que son unha fonte importante de alimentos e medicinas e
unha parte esencial da biosfera.
Como di Ana Pêgo, autora do libro Plasticus maritimus. Unha especie invasora,
“cada hora que pasa, mil toneladas de plástico van parar aos océanos, o
equivalente a un camión cheo de plástico, por minuto! Xa é tempo de
facermos algunha cousa.”
Plasticus maritimus. Unha especie invasora
vén de ser publicado en galego por Kalandraka. Escrito por Ana Pêgo e
Isabel Minhós Martins está ilustrado por Bernardo P. Carvalho. A
tradución correu a cargo de Celia Recarey. A
obra acadou a mención de honra na Feira do libro de Boloña 2020 e forma
parte das lecturas do Plano Nacional de Leitura de Portugal.
O
libro, cun formato próximo ao caderno de campo, contén información
sobre a relación entre o plástico e os océanos. Tamén conta cunha guía
para preparar visitas á praia para recoller e analizar exemplares do
plasticus maritimus, co fin de alertar sobre as consecuencias do
plástico na vida do planeta e a necesidade de erradicar o seu uso para
preservar o ecosistema mariño.
Se
os peores prognósticos se cumprisen, en 2050 o peso do plástico nos
océanos superaría o dos propios peixes, por iso na novela de Rosa
Aneiros Xelís, o guieiro das botellas de mar
o protagonista, xunto co mascato Mult, Ilva e o avó Jonás, emprende a
afanosa tarefa de atrapar a illa de plástico para evitar a desfeita
ecolóxica do planeta.
Con
ilustracións de Andrés Meixide, a obra de Rosa Aneiros acadou en 2019 o
Premio Merlín de Literatura Infantil e entrou na Lista de Honra da
OEPLI.
Destinadas a un lectorado autónomo e imprescindibles nas nosas bibliotecas escolares para coñecermos e traballarmos os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable 2030 , en ambas as dúas obras hai unha chamada ao coidado da vida submarina e a acción polo clima.
No hay comentarios:
Publicar un comentario