23/2/22

23 DE FEBREIRO DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Hoxe lembramos o nacemento de Rosalía de Castro e facemos no noso centro unha pequena homenaxe a esta escritora a cal encheu de vida a nosa lingua a través das súas poesías. Dende a publicación dos seus Cantares Gallegos en 1863 converteuse xa nun símbolo para Galicia. 

Naceu un 23 de febreiro de 1837 nunha casa do Camiño Novo que daquela pertencía ao Concello de Conxo (hoxe Santiago de Compostela). Filla da fidalga María Teresa de la Cruz de Castro y Abadía e do sacerdote José Viojo é criada polas tías paternas ata que pasa a vivir coa súa nai en Santiago. Casa con Manuel Murguía en 1858 de cuxo matrimonio nacen sete fillos. Morre prematuramente aos 48 anos en 1885.

O 17 de maio de 1863 publica Cantares Gallegos e será este o motivo que leve á escolla deste día (17 de maio) para a celebración do Día das Letras Galegas sendo ela a primeira homenaxeada en 1963. 

Deixamos aquí unhas imaxes da nosa pequena homenaxe coa que pretendemos mostrar como pervive ao longo do tempo e como a súa figura está presente en moitos dos nosos momentos cotiáns: cando portamos unha xoia, un bolso, unha camisola, cando escribimos ou mesmo cando nesta época actual de pandemias portamos unha máscara. Non esquezamos que mesmo outras culturas tan afastadas á nosa como a xaponesa senten interese, coñecen e espallan a obra rosaliana tal como fixo o profesor xaponés Takekazu Asaka que vén de finalizar a tradución ao xaponés de Follas Novas como xa fixera previamente cos Cantares Gallegos. 





Daquelas que cantan as pombas i as frores,
todos din que teñen alma de muller.
Pois eu que n'as canto, Virxe da Paloma,
¡ai!, ¿de qué a teréi?

                    Follas Novas, 1880




Dende "Onda Raia" tamén tivemos unha programación especial coa entrevista a Xoán Eiriz e Suso Díaz, cantante e poeta respectivamente, que veñen de presentar un disco sobre a nosa autora, "Amada Rosalía".

No hay comentarios: