17/9/14

HOMENAXE: LEMBRANDO FRIKI PRODUCTIONS CORPORATION


Como sexa que as múltiples tarefas ao longo do curso manteñen a nosa atención enleada noutros mesteres, acordamos que agora era o mellor momento para facer unha semblanza e lembranza dos compañeiros que acabaron 4º ESO en xuño de 2013, David Gómez e Jose Barros, unha vez que deixaron o instituto e unha especialísima impronta entre nós, nas aulas, no Club de Lectura "Siareiros da Palabra", no grupo de teatro “Mutis polo Foro”, na dinamización do espazo bibliotecario “ao seu xeito” con aportacións audiovisuais que deixan apreciar a súa evolución e mellora tentando dominar técnicas de gravación e montaxe de video, que beben das influencias literarias e cinematográficas que uns adolescentes como eles foron quen de adquirir á súa idade.


Imaxinación, inquedanza, motivación, seguridade en si mesmos, un particular xeito de adquirir coñecementos, un saber aprender a aprender autónomo en todo aquelo que esperta o seu interese.
Personalísimos, ao seu aire, caóticos, pero ao fin e ao cabo ocupando horas en “facer” os seus experimentos cinematográficos ou documentais, sen esquecer un ton crítico e de compromiso con diversos aspectos da realidade.

Para mostra, uns cantos videos da súa creación onde poder disfrutar do seu particular sentido do humor, do seu enfoque orixinal e do seu empeño por contribuír a difundir o mundo da lectura, do cinema, da B.E., e que teñen xa o seu lugar de honor no espazo bibliotecario que axudaron a anovar e enriquecer.

- Unha das curtas dos primeiros tempos foi a que lles inspirou o visionado do filme de Alfred Hitchcock, Psicose (enlace). Hai que dicir que ás novas xeracións os efectos especiais do mago do suspense e o seu sentido do terror déronlle risa naquela sesión do Club de Lectura onde coñeceron este filme.
- Destacamos un video musical "Quién te quiere" de presentación  duns namorados das computadoras, que nos serve de simpática introdución cada curso para iniciar a Alfabetización dixital. De fondo a canción de Carlos Baute “Como tú”. Dicir que empregaron unha noite enteira de desvelos en facer este traballo.


Quién te quiere (versión PC) from biblosvivos on Vimeo.

- Experimentaron facendo unha divertida versión emulando as cabeceiras dos grandes Estudos Cinematográficos de Hollywood, que deron en chamar FRIKI PRODUCTIONS CORPORATION. Isto, que parece nada, foi un traballo laborioso e levoulles unha chea de horas facelo para acadar un resultado tan convincente.
- Un bo principio de curso, apareceunos David Gómez cunha cuña publicitaria para atraer usuarios da B.E., coa que experimentou e perfeccionou novas técnicas. O resultado aquí está: pasen e vexan o misterio de Cali Potter e a Biblioteca filosofal, baseándose na existencia do noso querido morador perpetuo, a pantasma Cali, condenada a vagar eternamente entre os andeis da biblio, e inspirándose tamén, como non, nun dos personaxes favoritos de David e Jose: Harry Potter.


cali potter from biblosvivos on Vimeo.

- Non foi menor a aportación de Jose Barros, quen, moi lúdico, tivo a ocurrencia, a destreza e a arte de ser quen de crear ou recrear un videoxogo particular para a Biblioteca Calixtina, collendo como protagonista a pantasma Cali e animando e premiando a todo aquel que sexa capaz de conseguir liberala da súa eterna condena, a través deste xogo titulado O rescate de Cali. Xogo que se pode usar para adquirir as destrezas pertinentes, dende os ordenadores da B.E. e da aula de Informática, e que para o futuro consideraremos como un posible Concurso ou Torneo para explotar o que poden ter de positivo os videoxogos.
- O seu último traballo para nós foi unha curta coa que pretendían, unha vez máis, atraernos e invitarnos a un mundo tan especial como o das bibliotecas. Para iso, non se lles ocorreu mellor idea que inquietarnos con tremores, derrubamento de libros e dos muros que abrían "as súas carnes" para deixarnos paso e camiño a un espazo onde algo moi atractivo se move… A Biblioteca.
 
David, Javier e Jose presentando en xuño 2013 as súas obras

Unha biblioteca viva from biblosvivos on Vimeo.

Grazas pola súa compaña, aos que marcharon: Jose e David, e aos seus colaboradores: Javi e Isaac, que aínda estiveron con nós este curso,  porque aprendimos moito xuntos e desexamos que a súa viaxe por paraxes reais e imaxinadas sexa moi, moi afortunada.

Por certo, David quere ser director de cinema e Isaac quere ser actor, e falan en serio. claro que si.

                                                               O Equipo da Biblioteca Calixtina.
                                                               Salceda de Caselas, 2013-2014.











2 comentarios:

Superbarbaman Todopodepower dijo...

Mooitas graciad por este homenaxe. E moi emocionante vdr todo. Son David. Qyixera decir que agora o mundo profesional levoune ao mundo do doblaxe.Podendes ver as miňas practicas de doblaxe buscando en YouTube o nome do meu novo canle: Superbarbaman.Moitas grazas e unha aperta.

Ana Veloso dijo...

Como se vos bota de menos a todos os profes e como non, aos nosos compañeiros como David e Jose, que tanto nos fixeron rir durante eses catro anos tan marabillosos que pasamos alí. Quen puidera volver a 1º da ESO! Seguide coa vosa estupenda páxina, que está moi ben.
Un saúdo para todos!