22/11/12

Semana contra a violencia de xénero: O que se esconde baixo o niqab.


  
  Recomendamos a novela gráfica de Pedro Riera e Nacho Casanova, titulada "El coche de Intisar. Retrato de una mujer moderna en Yemen" (Glenat, 2011), porque mostra a realidade dun país islámico onde os homes teñen o poder sobre as mulleres, onde a "violencia estrutural" está presente amparada polos costumes e polas tradicións establecidas, onde as mulleres necesitan do consentimento dun home da familia (pai, irmá, marido, tío...), o wali  ou guardián, para facer calquera cousa, supeditadas a eles, impedindo que fagan uso da súa liberdade e capacidade de decisión.



 Porén, este libro tamén nos mostra que a pesar das diferenzas, temos cousas en común que nos unen, e acabamos disfrutando con este personaxe que non se rinde e se empeña en conquistar a súa propia liberdade. Intisar é unha muller de ficción, construída polos autores a partires das historias de mulleres reais, que coñeceron cando viviron en Yemen un tempo e quedaron sorprendidos por unha sociedade onde impera a segregación ou separación de homes e mulleres. Esta imposición é, con claridade, un tipo de violencia de xénero.




Semana contra a violencia de xénero: Quiéreme bien!


“A violencia contra a muller é quizais a máis vergoñosa violación dos dereitos humanos. Non coñece límites xeográficos, culturais ou de riquezas. Mentres continúe, non podemos afirmar que avanzamos realmente hacia a igualdade, o desenvolvemento e a paz”
Kofi Annan.

Esta fermosa cita  encabeza o Blog Mujer sin cadenas que ten entre os seus obxectivos visibilizar a problemática da violencia contra as mulleres e difundir recursos e enlaces de axuda cara a promover  unha cultura de equidade.

Citamos este blog pois nel atopamos unha entrada sobre o cómic do que vos queríamos falar: "Quiéreme bien. Una Historia de Maltrato” de Rosalind B. Penfold (Lumen 2006) con motivo do Día Internacional da eliminación da violencia de xénero o 25 de Novembro.



Eliximos este cómic polo seu carácter preventivo ao contarnos a vida real de Rosalind B. Penfold, seudónimo que utiliza esta muller canadense para contar a súa historia a través de debuxos que ela mesma facía ás agachadas para desafogarse, mentres vivía un drama real e cotiá que se repite con patróns moi parecidos na intimidade de moitos fogares.

Deixamósvos o enlace ao blog (premede no nome) onde podedes  apreciar as viñetas deste cómic e os trazos que caracterizan unha relación destrutiva e así poder aprender e alertarnos cara evitar este tipo de relacións.

Irma.

20/11/12

Semana contra a violencia de xénero: Non aos vampiros machistas

Durante os vindeiros días as entradas deste blog, en conmemoración do Día contra a violencia de xénero que se celebra o domingo, xirarán ao redor dos tema da coeducación, sexismo e a violencia e discriminación contra as mulleres.

E decidimos comezar pola saga de moda e os valores que trasmite...


Camiseta da campaña
Portada de Crepúsculo

O Concello de Pontevedra vén de facer pública a campaña municipal do 25 de novembro, Día contra a violencia de xénero. Dirixida aos máis novos/as, aproveita a estrea da derradeira entrega cinematográfica da saga Crepúsculo para convidalos a reflexionar sobre os valores que se inculcan nestes libros.


Dende a súa publicación no 2005, moitas voces teñen alertado sobre os roles que desempeñan mozos e mozas nesta saga, subliñando o papel de sumisión da muller e de agresión e control dos homes sobre elas.

Liches Crepúsculo? Que che parece Bella Swan? Pensaches algunha vez nela... fóra dunha historia de vampiros?

16/11/12

Sesión Terrorífica de lectura polo Samaín


Para celebrar o Samaín realizamos unha Sesión Terrorífica de Lectura na nosa biblioteca; era a primeira actividade deseñada polos MQs (os que continúan e as novas incorporacións) este curso.

Ana, Itziar, Karen, Sofía, Iria, Nerea, Samuel, Gwen e Nuria foron os encargados de meternos o medo no corpo e o resto elaboraron unhas espeluznantes invitacións e decoraron a nosa Calixtina.

Os relatos escolmados foron:"Sobre a morte do Bieito" de Rafael Dieste, "Eu fixen ouigha co espíritu de Castelao" do libro "Made 
in Galiza" de Sechu Sende e "O xogo da guerra" extraído de "Vento ferido" de Carlos Casares que podedes escoitar neste podcast.

6/11/12

Unidade didáctica de Educación Documental Dixital


O pasado curso o equipo da B.E. decidiu dar prioridade á formación de usuarios. Durante o  primeiro trimestre impartimos a formación de usuarios tradicional como xa vos comentaramos noutra entrada o que nos fixo máis conscientes, se cabe, da necesidade de complementala cunha formación dixital. 

Xunto con outras seis compañeiras/o formamos un grupo de traballo que deu como resultado a unidade didáctica titulada "Caderno de Bitácora" que foi seleccionada para ser publicada na revista do CEFORE antes de que esta sufrira tamén os temibles recortes e desaparecera...

O dobre sentido que palabras como rede ou navegar adquiriron coas novas tecnoloxías deudos xogo para empregar títulos mariñeiros e ilustrar a unidade con obras do pintor galego Urbano Lugrís. 

Folga dicir que está ao dispor de calquera que a precise e que podedes acceder desde a páxina web do noso instituto ou premendo no seguinte enlace.

Na parte final, como resumo do que debe ser un bo uso da rede, o noso compañeiro Raúl creou a letra dun magnífico Rap da navegación que foi interpretado por algúns dos nosos/as alumnos/as.


Nós estamos a puntiño de zarpar, queredes compartir a experiencia desta nova viaxe connosco? 

4/11/12

Tamén len... con Clara Ojea


A primeira sesión do Tamén len deste curso tivo lugar o venres 26 e a nosa convidada foi Clara Ojea, mestra do Colexio Altamira.

Clara leunos un capítulo de "Cartas a Lelo" de Xosé Neira Vilas, concretamente o titulado "Lume".

Entre os asistentes atopábanse numerosos alumnos de 1º ESO xa que Clara foi a súa titora o curso pasado; para mostra as presentadoras: Nuria, Cristina e Judith.

Despois da lectura e de que David Ucha (2ºA) e Pablo Rodríguez (1ºA) nos deleitaran coa interpretación dunha peza musical, tivo lugar a habitual rolda de preguntas. O alumnado preguntoulle a Clara pola súa vocación de mestra, polos destinos donde dera clases e polas súas trasnadas cando alumna...

Non podiamos ter comezado mellor, grazas Clara e ata pronto.


24/10/12

Música e letras... agora de outono

Un novo curso, un novo tema; este ano as actividades da nosa BE xirarán (ou debería dicir bailarán?) ao redor da Música. De feito, o noso proxecto ten por suxerinte título "Música e letras" e que mellor posta en escena para a inauguración que o outono e as súas cores.
Así que neste Día das Bibliotecas Escolares collemos a batuta deste novo curso e celebramos a estación dos poetas e as follas fuxidías, ben arroupados polas verbas de Cunqueiro e Pimentel, Benedetti e Ángel González, e mexidos pola choiva, por Serrat e, por suposto, por Vivaldi.

Outono cedo de gaitas

Outono cedo de gaitas,
Imaxe extraída do libro "365 Gestos para salvar el planeta"
moceiro de ledas choivas,
¡meu nemigo!

Catro luces do teu sono

leváronme catro noivas,
¡meu nemigo!

catro noivas color verde,

vestidas de branco liño,
¡meu nemigo!

Eran catro amores grandes,

só quedoume un pequeniño,
¡meu nemigo!

Álvaro Cunqueiro

Outono


Imaxe extraída do libro "365 Gestos para salvar el planeta"
Outono, alto outono:
destilado licor.
Ela espida, limpa,
nun suntuoso cadro,

Quixera ser ámbar
a folla.

Se bateses o río,
sonaría a puro ouro.
Outono, alto outono.

Nada vibra
non se derruba;
nada hai hostil na terra.
Almíbar transparente.
Sereo, terso ceo.
Non percureis agora o misterio.

"Sombra do aire na herba"Luís Pimentel. 


Aprovechemos el otoño
antes de que el invierno nos encombre
entremos a codazos en la franja del sol
y admiremos a los pájaros que emigran.

Ahora que calienta el corazón
aunque sea de a ratos y de a poco
pensemos y sintamos todavía
con el viejo cariño que nos queda.

Aprovechemos el otoño
antes de que el futuro se congele
y no haya sitio para la belleza
porque el futuro se nos vuelva escarcha.

Poema extraído do libro "Insomnio y duermevela" de Mario Benedetti.

El otoño se acerca con muy poco ruido:
apagadas cigarras, unos grillos apenas,
defienden el reducto
de un verano obstinado en perpetuarse,
cuya suntuosa cola aún brilla hacia
el oeste.
Se diría que aquí no pasa nada,
pero un silencio súbito ilumina el prodigio:
ha pasado un ángel
que se llamaba luz, o fuego, o vida.
Y lo permitimos para siempre.

Ángel González.


21/6/12

Exposición cubista de 1º ESO




Os voso compañeiros de 1º curso da ESO fixeron unha serie de traballos que poden admirarse estes días no Instituto. Son representacións de algo semellante a un rostro humano, pero nun estilo e empregando unha técnica que lembra a dos pintores cubistas de comezos do século XX.

Trátase do “collage” ou “papiers collés”. é dicir “papeis pegados” en francés, unha técnica pictórica inventada por Picasso e Braque (os creadores do Cubismo) que consistía en reciclar materiais cotiáns, como textos e imaxes impresas, recortes de xornáis e revistas, etc, e engadilos ós cadros, deste xeito, subliñan o carácter autónomo da obra de arte respecto da realidade natural, non pretendendo reproducila mediante solucións plásticas tradicionais, senón elaborando un novo vocabulario plástico. Os cubistas rexeitaban que o pintor tivera que esmerarse en copiar a realidade  dun xeito naturalista, e por iso no dubidaban en apropiarse dos materiais que lles interesaban (fotografías, etiquetas de bebidas, follas de xornáis, etc.) para incorporalos sen máis ás súas obras de arte.


LUIS SEOANE, o artista galego que está sendo homenaxeado estes días na biblioteca do instituto, tivo unha etapa cubista moi influída pola obra de Pablo Picasso, e o uso de técnicas e recursos cubistas como o “collage” pódese apreciar sobre todo na súa obra pictórica. Invítovos a descubrir os seus resultados consultando os libros que podedes atopar na biblioteca sobre Luis Seoane, Picasso, Braque, Juán Gris e o cubismo, ou ben buscando imaxes da obra destes autores en Internet.

Nacho, profe de Educación Plástica.

20/6/12

Xulia Alonso visita o noso centro


 O 14 de maio do 2012 visitounos Xulia Alonso, autora de Futuro imperfecto e gran muller.

Nós, Karen Engster, Iria Alonso e Sofía Carracedo, xunto con Jessica Bonet, tivémo-lo honor de presentala cun texto no que expresamos as nosas impresións coa axuda da profesora de galego, Susana. Despois da nosa lectura, a autora moi emocionada deu inicio á charla.

Como era unha autobiografía, sentímola moi preto, casuou moita impresión en moitos de nós e ademais non se privou en contar a súa experiencia coas drogas, con Nico, o seu amor  e a enfermidade de ambos; sen olvidar a súa filla Lucía, causa pola que escribiu este libro, e así deixar constancia en papel e non permitir que a súa cabeza olvidara certos detalles.

De esquerda á dereita: Sofía, Karen, Iria, Jessica e Xulia Alonso
A súa presentación  foi amena, contounos algúns detalles máis que nos chegaron fondo.

Ó comezo das preguntas ninguén se atrevía a preguntar nada. Fíxose o silencio e... Mario de 3ºB, levántase e entrégalle un pequeno ramo como agradecemento de todo o aportado. Xulia emocionouse, e detrás dela fomos todos.

Finalmente, firmounos unhas profundas dedicatorias, nas que dicía que se sentira moi ben,  e moita xente entrogoulle ramos de flores coma un mínimo agradecemento pola súa presenza e proximidade.

                             Karen Engster, Iria Alonso e Sofía Carracedo, 3ªA


7/6/12

A viaxe dun libro, Barcelona 2012


Debuxo de Nacho Ruíz, profesor de Educación Plástica
acompañante na excursión de 4º ESO

Queremos inaugurar unha nova sección que etiquetamos co título “A viaxe dun libro” baseándonos na idea de que, se ben os libros nos transportan a lugares afastados, exóticos ou cercanos, pero a lugares aos que viaxamos coa mente; tamén hai libros que viaxan con nós, que fan viaxes reais e gardan un significado consciente ou inconsciente nesa experiencia na que nos acompañan e fan que teñamos máis información, maís emoción, unha ampla dimensión para facer introspección ou para saír de nós, sorprendéndonos case sempre.

Aproveitamos a aventura da viaxe de 4º ESO, para iniciarnos nunha viaxe tan íntima como colectiva, e aínda que pareza un pouco trivial, que mellor que escomezar cunha “Guía de viaxe de Barcelona”, tan práctica e da que tanto dependemos ás veces para situarnos…, pero tamén nos acompañan outras lecturas na mesma viaxe, a cada quen a súa…, como ese libro de Eduardo Mendoza “La ciudad de los prodigios”. É o noso desexo compartilo con vós a través da crónica que fixemos os profesores acompañantes, con prosa, versos, imaxes, e coa participación dun programa radial dos alumnos que viviron esta experiencia con moita graza. Esta visión se completará coa crónica da viaxe das alumnas de Taller de Prensa que están a elaborar un nº extra da revista do insti “As tamancas de pau”.

                                                                 A coordinadora da B.E.

A CRÓNICA DOS PROFES:
Relato Da Viaxe a Jaca e Barcelona Con Fotos

A CRÓNICA DO ALUMNADO:


5/6/12

Tamén len... con José Luís




Dicir “Tamén len” é dicir José Luis, e viceversa. Así o demostrou na sesión do “Tamen len” deste mes de Maio que nos ofreceu, como ese excompañeiro xubilado que segue a colaborar con nós e, sobre todo, a compartir as infinitas lecturas, a gran sabiduría, a arte da lectura comunicada oralmente, con esa memoria prodixiosa que lle permite contar e revivir capítulos enteiros de “Platero y yo” cos que nos emocionou en serio e en broma. 



Sirvan de exemplo eses cadernos onde garda dende 1981 o inventario das lecturas que fixo ata hoxe, que case rondan as 3000, adicándolle, cada mil libros lidos, tempo á relectura de “El Quijote”, pero tamén insiste en adicarlle tempo a reler as que considera lecturas fundamentais, esas que recibimos de xeito diferente nas diferentes idades ou momentos da vida e que tantas referencias nos ofrecen para desvelar todo tipo de misterios humanos, tan humanos.

Seguimos disfrutando e aprendendo contigo, grazas!




17/5/12

Bases do Certame Literario "Pedras Rubias 2012"

Como todos os anos o departamento de Lingua Galega convoca o "Certame Literario Pedras Rubias" como un dos actos de celebración das Letras Galegas. Para os/as que queirades participar, aquí podedes consultar as súas bases. 

bases CERTAME LITERARIO

15/5/12

"Verbas no ar" de Iria Morgade Valcárcel para celebrar o 15-M


Hai xa un ano que aconteceu o movemento de descontento e indignación que levou a moitas persoas a saír ás prazas nas diferentes cidades, para ocupalas día e noite durante longo tempo coa intención de manifestar, discutir e votar a través de “asembleas horizontais e populares onde poidemos participar todos”, unha serie de principios que levarían á petición de cambios urxentes. Foi un acontecemento, sobre todo, de persoas xóvenes, inquedas, cansas de presenciar unha realidade socieconómica que nos leva a un futuro ateigado de complexidade e dificultades para poder artellar unha vida corrente cun mínimo de calidade, entendendo por tal: a defensa duns servizos sociais públicos para todos, dun medio ambiente preservado e respectado, dunha reforma laboral que recupere e respecte os dereitos dos traballadores, dunha educación pública de calidade, dun cambio do sistema electoral …; é dicir, unha crítica do sistema capitalista mundializado actual que padece unha profunda crise, ante o que hai dúas posturas: os que defenden unha reforma dentro do sistema, e os que ven como única saída o final do capitalismo.

Así as cousas, un ano despois, podemos comprobar que a realidade ten varias lecturas: os que pensan que foi unha explosión que se esgotou e volveron á pecharse nas súas casas e na súa individualidade; e os que teiman e seguen activos traballando nunha cooperación de veciñanza nos barrios das cidades  e insistindo na necesidade de reclamar cambios reais. En España xurdíu este movemento denominado “15M”, que tivo repercusións noutros países, e que non podemos valorar como un feito illado, pois antes aconteceran os movementos de Islandia ou Grecia, en Europa; do norte de África e Próximo Oriente, denominados “Primavera árabe”, que provocaron un seguimento en masa que levou a cambios políticos, enfrontamentos armados, represións, numerosas mortes…en Tunicia, Exipto, Libia, Siria … cada un con circunstancias concretas, pero cun transfondo común de falta de liberdade, abusos de poder, tremendas desigualdades, explotación, futuro pechado para os xóvenes, etc

Neste contexto de crise, de cambio, que continúa sen atopar as solucións axeitadas, destacamos a publicación da primeira novela dunha nova escritora galega, Iria Morgade (o libro xa está na biblioteca!).  Verbas no ar expresa con frases curtas pero rotundas , con personaxes perdidos na marea dunha hipotética revolta mundial, pero que van a se posicionar dubidando ou reafirmándose nun lado ou noutro dos acontecementos que mostran a utopía que hoxe queremos, tememos ou cremos imposible, que de todo hai; quere expresar desacougo, esperanza, confianza nos diferentes movementos sociais: os sen terra, os zapatistas, os indignados do 15M, os levantamentos da Primavera árabe… nunha historia coral de varios personaxes que se entrecruzan e de espazos protagonistas que os acollen nunha revolta mundial (prazas, rúas, unha biblioteca…)  …esa biblioteca do comezo e do final, que procura liberar as palabras…


Pasen e lean a entrevista coa autora desta realidade imaxinada, a quen agradecemos de antemán as súas palabras…

Conversa Con Iria Morgade, Verbas No Ar

11/5/12

Tamén len... con María Núñez


Na sesión do Tamén len correspondente ao mes de abril contamos coa presenza da nosa ex-alumna María Núñez. María pertenceu á primeira promoción que rematou a ESO en Salceda (daquela aínda estabamos no CPI Altamira) e, polo tanto, foi alumna miña no meu primeiro ano por estas terras. 

Excelente lectora e mellor persoa, María veu cargada de sorpresas e regalos. Adornamos a nosa Calixtina con probetas, tubos de ensaio e propaganda de medicamentos, pois agora contamos co seu consello profesional de experta farmacéutica :).

Deleitounos coa lectura dun fragmento de "O neno do pixama a raias", concretamente no que se narra o momento en que o pequeno Bruno recibe a nova de que van mudarse fóra de Berlín e para deixarnos coa intriga leunos tamén a frase final do libro. Pero iso non foi todo, non. Ao rematar regalou o libro entre os asistentes xunto con outros pequenos agasallos aos que superan contestar a cuestións sinxelas relacionadas con medicamentos de uso común.


Foi un recreo de reencontro marabilloso e ben doce (tamén nos obsequiou cunha bolsa chea de gominolas). Moitas grazas e volve pronto a visitarnos.

9/5/12

Tras os pasos de Blanco Amor: Roteiro da Esmorga


O venres 4 os alumnos/as de 4º da ESO fomo a Ourense visitar a catedral e facer o roteiro da Esmorga, acompañáronnos Xavier, Paula e Elisa.

Comezamos na catedral, da que Xabier nos explicou algúns aspectos arquitectónicos. Xa dentro vimos o Pórtico do paraíso e a capela barroca do Cristo.

Cerca do xardín do Posío agardábanos Nati, actriz de Sarabela teatro e profe de galego, para guiarnos o roteiro. Acubillámonos baixo a Ponte da Burga, percorremos fontes, igrexas, rúas e ruelas mentres Nati nos explicaba diferentes aspectos da novela, e rematamos cunha foto de grupo na escultura de Blanco Amor.


A chuvia, igual ca ao Cibrán, ao Bocas e ao Milhomes, acompañounos durante todo o noso percorrido.