Desde o pasado 22 de setembro ata o vindeiro 10 de outubro, nunha das salas do Centro Cultural do Porriño, podedes visitar a exposición: "A boa educación".
Organizada polo A.M.I. (Arquivo Municipal da Imaxe) a exposición amosa a través de fotografías e paneis explicativos a evolución do ensino no Porriño (e, por extrapolación en Galiza) desde principios do S.XX ata mediados dos anos 60.
Mergullados entre as fotos de grupos e os retratos das distintas épocas, os paneis guíannos nunha viaxe no tempo; desde unha situación inicial calamitosa, con locais en alugueiro e sen medios, pasando polas melloras promovidas desde a emigración, ata a renovación pedagóxica nos tempos da República e a volta á escuridade coa Guerra Civil e a posterior represión franquista.
Nesta viaxe, un pode descubrir historias sorprendentes, coma a do mestre Luís Carragal Peón, que durante a República foi quen de crear unha Cooperativa Rural anexa á Escola Nacional de Nenos, na parroquia de Budiño, exemplo de experiencia innovadora única no noso País.
Por último, nun recuncho da sala recréase unha aula de entón con mobiliario cedido por MUPEGA (Museo Pedagóxico de Galiza).
Anímovos a visitala, paga a pena.
No hay comentarios:
Publicar un comentario