22/10/14

"AS CIENCIAS E AS LETRAS": NOVO CURSO E NOVO LEMA NA BE CALIXTINA.

Benvidas todas aquelas persoas que teñan a ben facer connosco unha viaxe máis -porque seguimos a movernos sen parar- e desta volta o que nos traemos entre cabeza, peito, mans e pés é unha aventura inxente, alucinante, sorprendente, coñecida ou descoñecida, enorme, para mergullarnos noutras dimensións e cambiar a nosa percepción sobre o espazo e o tempo. 

Foto: Paula Fdez. Bañuelos

Porque nunha biblioteca non só teñen cabida as letras, senón tamén os números, as fórmulas, os principios da física, as reaccións da química, a astronomía, a evolución das especies; e, como non, a evolución do noso pensamento para estar ao día e ampliar o noso coñecemento sobre o mundo que habitamos, tanto no perceptible como no imperceptible, atómico, protónico, leptónico, sideral, cuántico, a materia e a antimateria, as superposicións ou os entrelazamentos, os buratos negros,  a relatividade do tempo... En fin, que temos ante nós un vasto campo que percorrer, e que mellor que os recursos que ofrece a nosa biblioteca nas súas variadas formas, para achegármonos un ano maís e deixarnos levar polo atractivo irresistible das lecturas, audiovisuais, filmes, realidades e ficcións - si, porque tamén falaremos de ciencia-ficción- para celebrar a unión de "As Ciencias e As Letras" baixo o noso lema. Ademais de atender aos variados e magníficos recursos que nos proporcionan dende a Asesoría de Bibliotecas Escolares e, como non, dende o fructífero intercambio das experiencias compartidas no foro de BE de Galicia.
 A todxs elxs, grazas.

Foto: P. F. Bañuelos


Comezamos este trimestre con varias actividades programadas que queremos compartir:

-Para celebrar o "Día das Bibliotecas Escolares" (24 outubro) estamos a preparar un "Recital de Poesía e Ciencia" no que participarán membros do Club de Lectura, que no recreo do xoves día 30, recitarán para quen teña a ben acudir á Biblioteca Calixtina nesta cita sen igual. Non se realiza o propio día 24 por haber outra actividade xa programada.

-Pensamos en emprazar "A Santa Compaña" por Santos e Difuntos para acompañármonos nunha "Sesión de Lectura terrorífica na BE" , no recreo do xoves 13 de novembro. 

Para todo aquel que estea disposto a tremer dende os miolos ata os cabelos!

-No Club de Lectura "Siareiros da Palabra" xa fixemos a presentación ecomezamos a ler " A evolución de Calpurnia Tate", relacionada co método científico, a teoría da evolución, o naturalismo, a igualdade de homes e mulleres... Lectura suxestiva!

-Na hora de PRINT, en 1º ESO estamos a presentar a biblioteca ao novo alumnado, ideando slógans para publicitala, e atenderemos a alfabetización documental ao longo do curso traballando ao redor da temática "En pé de igualdade".

-E aínda queda o 25 de novembro por traballar en contra da violencia de xénero, que desta volta queremos facer en positivo resaltando exemplos e novas de "BO TRATO", ademais de ter en mente experimentar cun sinxelo principio físico para lanzar globos aerostáticos ese día para conmemorar e lembrar un posicionamento claro rexeitando todo tipo de violencia de xénero e en defensa dunha educación que insista na igualdade, etc.

-Deixaremos este trimestre colgados do noso blog os listados de libros e filmes relacionados coas ciencias, coa temática do terror, coa igualdade..., que temos no noso fondo bibliotecario.

Museo Americano de Historia Natural

No hay comentarios: