10/5/15

TAMÉN LEN DE MAIO: COS POLÍTICOS DE SALCEDA


O xoves 7 de maio recibimos noTamén Len aos candidatos/as á alcaldía de Salceda, co lema: A lectura... o noso compromiso!
A idea foi unir aos diferentes candidatos ás próximas eleccións municipais baixo o lazo da lectura, nunha sesión onde cada un deles elixiu un libro que compartir e recomendar ao alumnado e despois debater un rato sobre libros, filmes, a escola...
A afluencia de público fixo que non puideramos facer a sesión na Biblioteca como é costume e tiveramos que facela no Salón de Actos, que estaba cheo na hora deste recreo que compartimos.

O acto foi introducido polo alumno de 3º César Pascual e pola alumna Cristina Pérez de 2º, cunha magnífica presentación. Seguidamente un nutrido grupo de alumnos e alumnas destros coa música interpretaron diferentes fragmentos para presentar a cada lector invitado, ademais de que outros alumnos/as prestaron as súas voces para ler textos poéticos de varios autores: M. Hernández, V. Aleixandre, Curros Enríquez... 
O decorado aludía á primavera, que sentimos con agrado nesta época, e a oportuna presenza de flores serviu para agasallar a cada un dos candidatos acompañada pola voz de Nicolás de 4º PDC, que explicou o significado de cada unha antes de cada lectura.

Os nosos invitados/as foron:

-Marcos Besada, o actual alcalde que se presenta por Movemento Salceda
-Verónica Tourón, que se presenta polo PSOE
-Santiago Rodríguez, que se presenta polo PP
-Julio César Ares, que viu en representación do BNG, en ausencia da candidata Mónica Vizcaya que non puido asistir.

Rodeados de andeis con libros, de libros amontonados ante a mesa, dunha urna electoral chea de variadas flores de cores diversas, ante un estrado con solera foron lidos os seguintes textos:

-Julio leu o relato SMS, de Carlos Mosquera. (libro que doou á biblioteca ao final).
-Verónica leu un relato de Roque Cameselle, O pausiñas.
-Santiago decidiuse polo comezo de Memorias dun neno labrego, de Neira Vilas.
-Marcos Besada desta vez  trouxo a Escola de menciñeiros, de Álvaro Cunqueiro para compartir un fragmento.

Nun amable debate falamos de libros favoritos: dende "El arte de la guerra" que destacou Verónica, ata "As aventuras de Jerónimo Stilton" que Santiago soe ler con gusto coa súa filla. Ademais de destacar como filme favorito de Marcos "A lingua das volvoretas", preferindo Julio cine como "Leolo" ou "Amanece que no es poco" entre as que máis lle gustan.
Acabaron falando da súa formación: Marcos estudou Enxeñería Técnica Industrial, Verónica é Orientadora laboral, con estudos de economía, Julio estudou Psicoloxía e Pedagoxía e Santiago concluíu que non hai como licenciarse en respecto e educación, falando de valores cidadáns para rematar o acto.


No hay comentarios: