17/5/15

MARCAPÁXINAS DE DANIEL CAXIGUEIRO. Para conmemorar as Letras Galegas.

Navegando por Facebook, atopei este documento creado a partir da obra do poeta e artista plástico galego, Daniel Caxigueiro (Mondoñedo, 1955), quen compartiu con todxs os seus seguidores este vídeo para conmemorar o Día das Letras Galegas 


Gustoume especialmente este xesto e decidín pedirlle permiso para poder publicalo neste blog e dalo a coñecer. Agradecemos a súa amabilidade para poder difundilo.

    Marcapáxinas de Daniel Caxigueiro (poesía e imaxe),
    música de Erik Satie, vídeo de Nachok.

Daniel Caxigueiro é un autor do norte de Lugo, que está a traballar en San Martiño de Mondoñedo (Foz), onde ten un estudo e sala de exposicións nun lugar dun gran atractivo natural; porque ademais de ceramista, escultor, fotógrafo e poeta, é un experto xardineiro e botánico nese lugar chamado ESPAZO CARITEL. Perto del está a importante basílica románica de San Martiño de Mondoñedo, así que por ambos os dous motivos merece visitarse.

Non podo deixar de lembrar a reflexión que facía o gran artista mallorquino Joan Miró, cando dicía "yo trabajo como un hortelano...", porque o que quería expresar era que o traballo realizado por un pintor, escultor, ceramista, etc, non deixa de ser similar a calquera outro traballo, non ten unha aura divina diferente de calquera obra ou útil realizado con destreza pola man do ser humano, que tamén requiren do pensamento para fabricalos e facer un determinado uso deles; ademais de nacer a obra artística dunha relación entre o local e o universal, entre o que nos inflúe da nosa cultura e "o que sucede" na época que vivimos e. como non, en relación coa natureza
Así nas creacións de Caxigueiro tamén transcende esta idea, que alimenta esa comunicación entre diversas linguaxes: cerámica, escultura, fotografía, vídeo, instalacións, textos poéticos, natureza...; que non fan nin máis nin menos que interactuar para acadar unha mensaxe de compromiso coa realidade, cos sucesos..., que se traduce nun ton poético que emana non só da palabra, senón do uso de cada material ao que dá forma e significado o artista.





Alguns textos sobre o traballo de Daniel Caxigueiro, pero tedes máis información nos enlaces recomendados arriba:

 "A súa obra reflexiona sobre cuestións que condicionan o desenvolvemento vital, tanto individual coma colectivo. Dende 1990 interésase pola instalación, aínda que a miúdo tamén se expresa a través doutras disciplinas (escultura , fotografía, poesía etc). A mestura de diferentes linguaxes, o interese por narrar, a importante presenza da cerámica, xunto a unha actitude crítica e claramente periférica, serven de ponto de partida para achegarse a un persoal xeito de entender a Arte". (www.caxigueiro.com)


"Unha constante presente na súa produción é a utilización da linguaxe plástica como un medio de comunicación ao servizo da defensa das culturas minoritarias, das agresións que a diario se realizan contra as liberdades, a protección ao medio natural e a denuncia dos abusos de poder. (Antonio Garrido Moreno)

Os versos enténdense coas construcións plásticas porque o espírito e a materia forman parte da mesma sensibilidade; uns e outras condensan o mesmo trasfondo humano, as mesmas inquietudes, nacen do mesmo desacougo. Aqueles Guerreiros de principios dos anos noventa iniciaron un capítulo implicado, o do compromiso. Despois viría a serie Europa: terapia puntual, funestos nichos que interpelan ao espectador nunha alegoría interpretada por iconografías actuais; metáfora na que se presente a idea da morte; o esqueleto ou a caveira protagonistas da Danza macabra renacentista personificados agora pola declamación do contemporáneo. Igualmente, A linguaxe da memoria, O bosque das ausencias e Xeografías manteñen o fío temático do social, suscitan reflexións e aportan interrogantes. A vida e a morte entrecrúzanse continuamente na súa obra, conviven loitando “nun mundo onde todo é posible” e rematan dando rostro ás súas propostas. ¿Pervive o triunfo efémero da vida ou quizais se impón o inquebrantable da morte? Para Méndez Ferrín: “O artista é aquel / que se resiste á morte”; Caxigueiro chama unha e outra vez coa solidez das súas mensaxes á resistencia". (Mercedes Rozas).

No hay comentarios: