Para por o ramo á semana de Sobredo
(o 27 foi a homenaxe máis institucional, o 28 o aniversario, o 30 o acto dos
institutos) veu o 2 de decembro a profesora e escritora Marga Romero, como
presidenta do Instituto de estudos
agrarios Mártires de Sobredo, a facernos entrega dunha placa que nos
recoñece como centro colaborador (no coñecemento dos feitos, no mantemento da
memoria, na transmisión e no estudo, entendemos). Houbo un acto na biblioteca.
Tres alumnas de 4º, Cristina, Laura e Estela, leron textos: a crónica do diario
Galicia do 29 de novembro de 1922; os
“zarpazos” de Basilio Álvarez no xornal La
Zarpa daquel 30 de novembro; o manifesto da revista Luzes do mes de novembro de
2016, que dignifica hoxe a loita antiforal e agrarista, reivindicando o seu
coñecemento, e alerta dos novos foros de Galicia. Marga Romero dirixiunos unhas
palabras resaltando a importancia da participación dos alumnos do IES PEDRAS
RUBIAS e doutros institutos nas homenaxes anuais, así como o coñecemento
histórico, no sentido expresado no manifesto devandito. Procedeu logo á entrega
da placa á nosa directora, quen finalizou o acto manifestando o agradecemento
do IES por ese recoñecemento e aludindo
á continuidade ininterrompida da nosa presenza anual en Sobredo e ao labor dos
profesores no mantemento dese interés.
1 comentario:
Parabéns por este recoñecemento como centro colaborador do I. de EStudos Agrarios Mártires de Sobredo, e por unha actividade ben arraigada que contribúe ao coñecemento, de perto, da nosa historia. Apertas. Paula
Publicar un comentario