10/5/22

MERCADO DE LIBROS

 Co gallo da celebracíón do Día do Libro (23 de abril) organizouse o día 22 de abril un mercado de libros. O noso alumnado participou activamente e, tras traer nos días previos exemplares de libros aos que xa non lles daban uso, a rapazada puido intercambiar estes por outros aos que con certeza lles darán unha nova vida e cos cales gozarán de novas lecturas. Como mostra deixamos aquí unhas fotiños do evento que contamos repetir en breve.




29/3/22

NON ÁS GUERRAS

 Hoxe queremos lembrar a importancia de crear un mundo novo onde non haxa espazo para as guerras, onde as únicas armas sexan os libros e a palabra. Palabras como as que gardan os libros que aquí expoñemos nos que se amosa a dureza dos conflitos bélicos e das súas consecuencias. Amosamos aquí só unha pequena escolma de títulos como o Diario de Ana Frank, Agosto do 36 ou libros de banda deseñada como Maus que nos ofrecen historias duras pero reais como a vida mesma. Poderían estar moitos máis pero esperamos que a súa lectura axude a reflexionar sobre conceptos tan necesarios como respecto, paz, tolerancia, solidariedade ou empatía. Por todos e todas os que sofren esta tolemia dende a nosa biblioteca e o noso centro berramos un forte: NON ÁS GUERRAS.

9/3/22

8 DE MARZO DÍA DA MULLER


Como cada ano o noso centro súmase á celebración do Día da Muller, orixinalmente coñecido como Día Internacional da Muller Traballadora, conmemorado cada 8 de marzo e recoñecido pola ONU como unha xornada para reivindicar a igualdade e de facer balance sobre a situación das mulleres na sociedade,  Desde a nosa biblioteca e en colaboración co Departamento de Orientación quixemos pór de relevo a importancia das nosas mulleres próximas polo que convidamos ao alumnado a homenaxear no noso mural a aquelas mulleres da súa familia e contorna próxima con dedicatorias de cores baixo o lema "Mulleres que me inspiran". Homenaxeamos tamén ás mulleres galegas que fixeron historia, cunha pequena selección de entre moitas das que tamén deberían de estar. As primeiras camioneiras, futbolistas, científicas, regueifeiras, o primeiro matrimonio (Marcela e Elisa)...son só unha pequena mostra daquelas pioneiras que foron abrindo o camiño para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria.





23/2/22

23 DE FEBREIRO DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Hoxe lembramos o nacemento de Rosalía de Castro e facemos no noso centro unha pequena homenaxe a esta escritora a cal encheu de vida a nosa lingua a través das súas poesías. Dende a publicación dos seus Cantares Gallegos en 1863 converteuse xa nun símbolo para Galicia. 

Naceu un 23 de febreiro de 1837 nunha casa do Camiño Novo que daquela pertencía ao Concello de Conxo (hoxe Santiago de Compostela). Filla da fidalga María Teresa de la Cruz de Castro y Abadía e do sacerdote José Viojo é criada polas tías paternas ata que pasa a vivir coa súa nai en Santiago. Casa con Manuel Murguía en 1858 de cuxo matrimonio nacen sete fillos. Morre prematuramente aos 48 anos en 1885.

O 17 de maio de 1863 publica Cantares Gallegos e será este o motivo que leve á escolla deste día (17 de maio) para a celebración do Día das Letras Galegas sendo ela a primeira homenaxeada en 1963. 

Deixamos aquí unhas imaxes da nosa pequena homenaxe coa que pretendemos mostrar como pervive ao longo do tempo e como a súa figura está presente en moitos dos nosos momentos cotiáns: cando portamos unha xoia, un bolso, unha camisola, cando escribimos ou mesmo cando nesta época actual de pandemias portamos unha máscara. Non esquezamos que mesmo outras culturas tan afastadas á nosa como a xaponesa senten interese, coñecen e espallan a obra rosaliana tal como fixo o profesor xaponés Takekazu Asaka que vén de finalizar a tradución ao xaponés de Follas Novas como xa fixera previamente cos Cantares Gallegos. 





Daquelas que cantan as pombas i as frores,
todos din que teñen alma de muller.
Pois eu que n'as canto, Virxe da Paloma,
¡ai!, ¿de qué a teréi?

                    Follas Novas, 1880




Dende "Onda Raia" tamén tivemos unha programación especial coa entrevista a Xoán Eiriz e Suso Díaz, cantante e poeta respectivamente, que veñen de presentar un disco sobre a nosa autora, "Amada Rosalía".

22/2/22

DÍA DA MULLER E DA NENA NA CIENCIA (11 DE FEBREIRO)

Fixemos unha lembranza de todas esas mulleres científicas que moitas veces quedaron invisibilizadas e que pouco a pouco van ocupando o lugar que merecen. As nosas profes de Bioloxía e Xeografía e Historia luciron así de ben as camisolas en homenaxe á muller científica e ás nenas que no futuro tamén o serán. Parabéns. 




CURSO 2021-2022

Ola de novo. Tras unha parada obrigada por motivos alleos á nosa vontade recuperamos actividade e saudamos de novo a toda a comunidade educativa do noso centro e tamén a todos e todas os/as que seguen o noso blog. A nosa biblioteca vai collendo forzas de novo e pouco a pouco retomamos actividade. Volvemos este curso contar cos nosos clubs de lectura e engadimos un novo dedicado ao mundo da banda deseñada e do manga. Lembramos conmemoracións como o Día da muller e da nena na ciencia (11 de febreiro) ou o Día de Rosalía de Castro (23 de febreiro) e facemos caso á nosa Meca neste entroido tentando cumprir os mandados que diariamente nos fai ao longo desta semana. Este curso traballamos na biblio co lema XEOGRAFÍAS LECTORAS porque queremos achegarnos a través da lectura a outros lugares próximos e non tan próximos polo que lembraremos títulos  como A volta ao mundo en oitenta días de Jules Verne e traeremos títulos novos que nos achegan a lugares da nosa contorna galega como Ons, Guitiriz ou Cans de Carlos Meixide. O noso desexo é gozar da lectura con todos e todas vós e calquera achega será benvida. Feliz Entroido!!!!


7/3/21

Curso 2020-2021

 Día 8 de marzo 

Nesta data do Día da Muller queremos compartir con vós estes vídeos e imáxenes para celebrar os logros alcanzados e para seguir traballando por todo o que aínda queda por conseguir. 
 


 
 

11/2/21

Curso 2020-2021

Semana de San Valentín 

Ola a tod@s! Este domingo 14 celébrase o Día de San Valentín, o día do Amor. Por iso, desde a  Biblioteca Escolar queremos desexaros un feliz día, por iso déixovos aquí algúns vídeos con cancións para celebrar esta data. 


  Aquí hai unha canción que un mozo cántalle a unha moza. 

1/11/20

Curso 2020-2021

 Inauguración da Radio Escolar no curso 2020-2021 

 
 
O xoves, 29 de outubro tivo lugar a primeira emisión da nosa radio escolar "Onda Raia" neste curso 2020-2021. 
 
Este primeiro programa estivo dedicado á celebración do día das Bibliotecas (24 de outubro) e do Día das escritoras (19 de outubro). 
 
Con estes propósitos, o alumnado leu distintos poemas e fragmentos narrativos de escritoras galegas, intercalados con pezas musicais da nosa terra.  
 
Aquí tedes o enlace ao programa de radio 
 

27/10/20

Curso 2020-2021

Entrega de diplomas aos voluntarios da Biblioteca 

 

Ao comezo deste novo curso, queremos agradecer ao voluntariado da Biblioteca a súa colaboración durante o "diferente" curso 2019-2020. 
 
 
A directora do centro, Mª José Espiñeira, fixo entrega dos diplomas aos participantes no programa do Voluntariado de Bibliotecas Escolares. 
 
 
 

 

 
 
Nesta ocasión, a entrega fíxose na entrada do centro. Moitas grazas a tod@s! E esperamos contar con vos neste curso que empeza. 👍👍👍

19/10/20

Curso 2020-2021

 Apertura da Biblioteca 


Boas días a tod@s, 

Arrancamos con moitas ganas este curso na Biblioteca. Xa sabedes que este curso estamos no antigo laboratorio, frente á escaleira da cafetería. 

Este curso vai ser un pouco diferente en canto ao sistema de préstamos e devolucións. Para axilizar os trámites e que non haxa aglomeracións, cando queirades levar un libro tedes que enviarme un email á conta de correo: biblosvivos@gmail.com 

No correo tedes que indicar: 

1. O título do libro 

2. O autor do libro

3. O voso nome e o curso no que estades

4. O voso número do carné de lector. 

Unha vez enviado, teredes que agardar pola resposta coas instruccións para recoller o libro. 

Se queredes devolver algún libro do curso pasado falade coas profes de garda da Biblioteca. 

Bo curso a tod@s! 

 

 


 





8/6/20

Curso 2019-2020

Fin de curso "distinto"

O pasado 5 de xuño celebrouse o día mundial do medio ambiente e o día 8 de xuño é o día dos océanos.O mes de xuño é un mes moi adicado á ecoloxía, aínda que este é un tema do que nos ocupar e "preocupar" durante todo o ano.

En decembro de 2008 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas resolveu que a partir de 2009, cada 8 de xuño se celebraría o Día Mundial dos Océanos. Esta conmemoración ten como propósito concienciar á opinión pública sobre as consecuencias que a actividade humana ten para os océanos e poñer en marcha un movemento mundial cidadán a favor da xestión sostible destes, xa que son unha fonte importante de alimentos e medicinas e unha parte esencial da biosfera.

​Como di Ana Pêgo, autora do libro Plasticus maritimus. Unha especie invasora, “cada hora que pasa, mil toneladas de plástico van parar aos océanos, o equivalente a un camión cheo de plástico, por minuto! Xa é tempo de facermos algunha cousa.”
Plasticus maritimus. Unha especie invasora vén de ser publicado en galego por Kalandraka. Escrito por Ana Pêgo e Isabel Minhós Martins está ilustrado por Bernardo P. Carvalho. A tradución correu a cargo de Celia RecareyA obra acadou a mención de honra na Feira do libro de Boloña 2020 e forma parte das lecturas do Plano Nacional de Leitura de Portugal.
O libro, cun formato próximo ao caderno de campo, contén información sobre a relación entre o plástico e os océanos. Tamén conta cunha guía para preparar visitas á praia para recoller e analizar exemplares do plasticus maritimus, co fin de alertar sobre as consecuencias do plástico na vida do planeta e a necesidade de erradicar o seu uso para preservar o ecosistema mariño.


Se os peores prognósticos se cumprisen, en 2050 o peso do plástico nos océanos superaría o dos propios peixes, por iso na novela de Rosa Aneiros Xelís, o guieiro das botellas de mar  o protagonista, xunto co mascato Mult, Ilva e o avó Jonás, emprende a afanosa tarefa de atrapar a illa de plástico para evitar a desfeita ecolóxica do planeta.
Con ilustracións de Andrés Meixide, a obra de Rosa Aneiros acadou en 2019 o Premio Merlín de Literatura Infantil e entrou na Lista de Honra da OEPLI.


Destinadas a un lectorado autónomo e imprescindibles nas nosas bibliotecas escolares para coñecermos  e traballarmos os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable 2030 , en ambas as dúas obras hai unha chamada ao coidado da vida submarina e a acción polo clima.


15/5/20

Curso 2019-2020

Día das Letras Galegas 2020

Nesta semana íamos celebrar diferentes actividades para o Dia das Letras Galegas, tiñamos previsto:
- Proxectar vídeos informativos do autor homenaxeado, Ricardo Carballo Calero nas clases.


- Traballo de procura de información nos cartaces que envía a Consellería de Educación. Cartaces que se pegarían no corredor.
- Un concurso de vídeos para fomentar a lingua galega.
-Maratón de lectura en colaboración co Equipo de Dinamización Lingüística.
- O día 17 de abril Antía Yáñez ía vir falar dos seus libros O misterio de Portomarín e O misterio do  torque de Burela, lecturas propostas para 1º e 2º ESO.





 
-Tamén tiñamos previsto organizar un recital de poesía o día 23 de abril. Sería un recital de poemas de mulleres.
- Eva Mejuto visitaríanos o día 24 de abril, neste caso, a charla sería para 3º e 4º. As lecturas propostas desta autora eran 22 segundos e Memoria do silencio.




Aproveitamos para recomendar a lectura destes libros para os/as que todavía non os lestes.

Coidaos moito!

23/4/20

Curso 2019-2020

Tempos de cuarentena 

Hoxe é o día do libro. Aquí vos mando un fragmento do Quixote, para festexar esta data.


E ¿por que precisamente o día 23 de abril se celebra o día do libro? E ¿por que un fragmento da obra de Miguel de Cervantes?

La Unesco explica en su página web que el 23 de abril es “un día simbólico” para la literatura en todo el mundo “ya que ese día en 1616 fallecieron Cervantes, Shakespeare e Inca Garcilaso de la Vega”. Y la casualidad no termina ahí: “la fecha también coincide con el nacimiento o la muerte de otros autores prominentes como Maurice Druon, Haldor K. Laxness, Vladimir Nabokov, Josep Pla y Manuel Mejía Vallejo”, explica la entidad de la ONU.
Por eso, en 1995, la Conferencia General de la Unesco, celebrada en París, tomó la decisión de “rendir un homenaje universal a los libros y autores en esta fecha, alentando a todos, y en particular a los jóvenes, a descubrir el placer de la lectura”.

Moito ánimo para tod@s e boa cuarentena, non esquezades ler! 

5/4/20

Curso 2019-2020

Tempos de Cuarentena 


Ola, hoxe quería mostrarvos un vídeo que me pareceu interesante e porque entre as novas medidas do Goberno Central está a de implementar o uso de mascarillas, algo que xa fan algúns países do leste de Europa como Chequia.

Aquí vos deixo o vídeo e así practicades inglés, 😜😜



Tamén querería comentarvos que non vale calquera tela, ten que ser doble ou o bastante grosa para que non pasen os líquidos a través dela, tédelo en conta cando utilicedes unha.

Boa Cuarentena e lembrade: ¡Toda precaución é pouca! ¡Cuidarvos moito e non esquezades que vos botamos de menos e esperamos volver a vernos moi pronto!