O 23 de abril, celebramos cada ano o Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor.
Neste 2011 e para celebralo, o poeta galego Carlos Negro, agasallou ás Bibliotecas Escolares Galegas cun fermoso texto sobre O lugar da lectura, con el a Consellería de educación editou un marcapáxinas que podedes descargar aquí.
A min gustaríame aproveitar esta data para falar da revolución que está experimentando o mercado editorial coas novas tecnoloxías.
Desde que apareceron os primeiros lectores electrónicos e as tabletas que facilitaban a lectura dixital, comezaron a escoitarse voces catastrofistas sobre a desaparición do libro. Non sei que pensades vós, pero a min sempre me dá un pouco de repelús escoitar xeneralidades do tipo todo ou nada.
Está claro que algo está cambiando e tamén está claro que os cambios producen recelo e medo. Probablemente o mundo editorial como o coñecemos acabe desaparecendo e un novo modelo de compra/venda/aluguer de libros acabará xurdindo.
Manterase o libro en papel? Eu apostaría que si. Porque os amantes dos libros queren sentir o seu recendo, anotar a lapis nas marxes, pasar as follas. Porque hai xéneros como a banda deseñada, os contos e libros ilustrados, que non se entenden doutro xeito.
Ganará terreo o ebook? Sen dúbida. Pola gran vantaxe do seu almacenamento. Porque cada vez máis xente vive en espazos reducidos e o volume dos libros supón un problema. Porque (en teoría) a edición dixital debería abaratar o prezo. Pola súa movilidade. Por ecoloxía...
Neste video feito pola Enciclopedia Británica en 1947 estaban á última. Pero nos guste ou non hai que seguir evolucionando!
Para os/as que estedes interesados en coñecer algo sobre historia do libro e a súa evolución sería interesante que premérades neste enlace feito polo Instituto de Tecnoloxías Educativas (ITE).
No hay comentarios:
Publicar un comentario