13/5/11

Infusión de versos

Procedencia da imaxe


Madrid, 1977. No interior dun café Manuel Rivas, Antón Patiño e Xosé Manuel Pereiro (irmán de Lois)  esperan a Lois Pereiro para pechar o terceiro número da Revista Laia
Entra Lois.

Xose Manuel: E ti? Trouxeches os textos que queres meter?
Lois: Trouxen, si.

Lois mete as mans nos petos do abrigo e comeza a sacar papeliños e máis papeliños deses que envolven as bolsiñas das infusións. Xosé Manuel non acredita no que ve, máis a Rivas e a Patiño failles graza e cóllenos para examinalos. Son do máis variado, hai de té, de boldo, de macela, de fiúncho, de malva, de herba Luísa...

Xosé Manuel: Pero iso que é?

Lois: (Emocionado) Atendede. Flaubert, cando escribía a Educación sentimental, dixo que tentaba meter o océano nunha botella...

Xosé Manuel: E que ten que ver iso cos...?

Lois: Eu non aspiro a tanto, só pretendo meter un poema nunha bolsiña de té e ...

Camareiro: Desexaba algo?

Lois: Si, unha infusión de versos.

Xosé Manuel, Rivas e Patiño sorrín, pero o camareiro, sen inmutarse, marcha. Eles, expectantes, agardan en silencio o seu regreso. O camareiro fala co seu compañeiro que está tras da barra e volve á mesa ante a curiosidade dos mozos.

Camareiro: (Moi serio) Síntoo, pero só temos té, macela ou menta.

Lois: Unha mágoa, a ver se na próxima ocasión a teñen; é exquisita.

Camareiro: (Sen perder a compostura) Que desexa tomar?

Lois: Tomarei un té.

Camareiro: Agora mesmo.

O camareiro volve á barra e os catro escachan coa risa. As súas gargalladas ecoan por todo o local e os dous camareiros ollan para eles con incredulidade: pensan que estes mozos galegos están un chisco tolos.
*******

Esta anécdota, recollida no libro de Marcos Calveiro, Lois Pereiro. Náufrago do paraíso. Biografía e antoloxía, serve como inspiración para o traballo proposto polo departamento de galego ao alumnado de 3º e 4º da ESO.

O traballo "Infusión de versos" consiste en escribir poemas de Lois Pereiro en obxectos insólitos que forman parte da nosa vida cotiá. Xa vos mostraremos o resultado!

2 comentarios:

BIBLOS dijo...

Una idea muy original. Esperamos los resultados con impaciencia.
Apertas dende Loranca.

biblosvivos@gmail.com dijo...

Gracias, a los alumnos les ha gustado que es lo importante y están bastante motivados, a ver que tal...