13/2/16

TAMÉN LEN CON TINO NÚÑEZ: TROMBONISTA.


O pasado xoves, de volta do Antroido, compartimos o recreo con Tino Núñez, antigo alumno e actual trombonista, quen foi presentado debidamente e recibido por un nutrido grupo de alumnxs músicos que interpretaron "New York New York", en alusión ao proxecto máis inmediato de Tino, que segundo nos comentou é irse a EEUU a estudar e tocar; pois despois de colaborar estes anos con formacións musicais como a Banda de Música de Salceda, a Orquesta Sinfónica de Galicia, de ter traballado en Navarra, Sevilla, Barcelona (interpretando música para ópera no Liceo), incluso en Alemaña, pensa que é un momento de cambio na súa vida e quere cruzar o "charco" para seguir coa música e ter novas experiencias. Expresou que a vida de músico é moi sacrificada, con anos de estudo é unha profesión dificil, que debería estar mellor recoñecida. El foi precoz porque con 18 anos marchou a tocar a Pamplona e dende aquela non parou. Pensa que Galicia ten unha gran riqueza musical e artística e que se pode vivir da música, que o importante é transmitir enerxía e xuntarse para tocar e aprender; comentario que seguramente animou a varios dos nosos alumnxs destros nestas artes. Gústanlle especialmente o trombón. o chelo e insistiu no gusto pola ópera. Como demostración interpretou para nós ao final a aria "Nessun dorma" da ópera Turandot de Giacomo Puccini.


Para este Tamén Len, elixiu un libro editado por Baia Edicións en 2011: "Obras breves de imaxinación" Premios de Relatos "Mulleres Progresistas". 2007-2011, do que destacou o relato "O sono do peneque" de Pilar Ortega Pereiro, cunha lectura a viva voz do máis expresiva.  Interesoulle compartir un texto comprometido co papel da muller na nosa sociedade, coa importancia que ten respectarnos uns aos outros...

Foi un verdadeiro pracer pasar este rato xuntos.


No hay comentarios: