MAPAS//
//CARTOGRAFÍA
LIMIAR:
XEOGRAFÍA, CARTOGRAFÍA, MATEMÁTICAS
A ciencia e a técnica de
elaborar mapas é a cartografía. Actualmente a maioría das persoas cando
pensamos en mapas asociámolos cos xeógrafos. Sen embargo, a cartografía
científica foi máis ben obra de matemáticos e enxeñeiros ca de xeógrafos,
carentes estes en xeral, e ata a actualidade, da formación adecuada. Os
xeógrafos acostuman máis ben a realizar mapas temáticos ou derivados a partir
dos mapas científicos.
PRIMEIRA
PARTE:
BREVE HISTORIA
DA CARTOGRAFÍA
1
ORIXES:
IDADE ANTIGA
E
IDADE MEDIA
ERATÓSTENES
(c.275 a.C.-194 a.C.)
Tratou de representar o
mundo coñecido naquela altura polos gregos (Europa, norte de África, oeste e
sur de Asia) empregando por primeira vez unha rede de paralelos e meridianos
que se cruzaban en liña recta. O paralelo máis importante pasaba polo estreito
de Xibraltar e a illa de Rodas, onde se cruzaba co principal meridiano. Mediu
por primeira vez a circunferencia da Terra de xeito bastante aproximado.
O mapa de Eratóstenes non se
conservou. O que aquí ves é unha reconstrución baseada en descricións moi
posteriores á súa época.
Foi o xeógrafo máis
importante do mundo antigo, con influencia duradoira ata a Idade Moderna.
Sostivo a teoría xeocéntrica. Como Eratóstenes, quixo representar o mundo
coñecido polos europeos daquela, para o que inventou unha proxección cónica que
resultaba suficiente para o que quería representar. Contou a latitude dende o
ecuador e a lonxitude dende as illas Canarias e estableceu as coordenadas de
moitos lugares, se ben con moitos erros, principalmente de lonxitude, que era
moi difícil de establecer daquela. Sen embargo, non se conservaron os mapas
orixinais e os que hoxe coñecemos como mapas de Ptolomeo apareceron no século
XIII acompañando os seus textos sobre coordenadas.
A diferenza de lonxitude
establecíase naquela época observando a hora exacta dunha mesma eclipse de Lúa
dende dous lugares distintos, xa que cada hora supón 15º de diferenza na
lonxitude.
A latitude establecíase
medindo a extensión da sombra dunha estaca vertical ao mediodía do solsticio de
verán en relación co tamaño da propia estaca, ou ben comparando a duración do
día (horas de luz) máis longo do ano coa do día máis curto.
AL IDRISI (1099-1169)
Na
Idade Media os coñecementos científicos do mundo antigo tiveron continuidade no
Imperio bizantino (Constantinopla) e no mundo islámico. Europa occidental,
católica, permaneceu, en gran medida, alonxada deses saberes (agás Al Andalus),
producindo mapas simbólicos (algúns de cuxos exemplos podes ver na sección
dedicada á cartografía de Galicia). Al Idrisi, formado en
Córdoba –xunto con Constantinopla, unha das grandes cidades europeas da alta e
plena Idade Media-, conxuga os coñecementos de Ptolomeo cos de eruditos e
viaxeiros medievais. O seu mapamundi, seguindo unha tradición islámica, sitúa o
Sur arriba, onde nós situamos o Norte.
2
IDADE MODERNA
A fins do século XV e
comezos do XVI a Coroa de Portugal e a Coroa de Castela, despois das viaxes de
Colón e Vasco da Gama, crearon as primeiras institucións encargadas de elaborar
mapas, que se converteron en instrumentos imprescindibles para novas viaxes e
para asegurar as respectivas zonas de dominio do mundo.
JUAN DE LA COSA
Foi
cartógrafo e mariño santanderino. En 1500 elaborou un mapa no que aparecen por
primeira vez as terras descubertas por Colón e outros descubridores, se ben con
moita imprecisión. Recolle datos aportados por casteláns e portugueses. Non
emprega propiamente unha proxección. No mapa aparecen sinalados o ecuador, o
trópico de Cáncer e unha serie de liñas cruzadas que parten de rosas dos ventos
debuxadas chamadas rumbos.
Neste mapa, edición
actualizada do mapa de Ptolomeo, aparece por primeira vez o nome de América
referido a unha parte de América do Sur. Waldsemüller seguiu unhas cartas
falsas de Américo Vespuccio, navegante italiano ao servizo da Coroa de Castela,
nas que afirmaba que as novas terras descubertas ao Oeste eran en realidade un
continente descoñecido. Na
honra de Américo púxolle América.
DIOGO RIBEIRO
De orixe portuguesa, foi un
cartógrafo ao servizo do rei-emperador Carlos I (Carlos V). O seu mapa, de
1529, é o primeiro mapa científico en canto recolle medicións precisas de latitude
realizadas por diferentes navegantes. Inclúe só aqueles territorios
recentemente coñecidos dos que ten datos: costa leste de Norteamérica e partes
de América central e do Sur. Segue sendo unha carta de liñas de rumbos na que
aparecen sinalados o ecuador e os trópicos.
MERCATOR
Mercator emprega por
primeira vez unha proxección cilíndrica: a Terra imaxínase dentro dun cilindro
coa liña do ecuador en contacto coas paredes do cilindro.
É a proxección máis coñecida
e a máis utilizada nos mapas escolares. Sen embargo, distorsiona as áreas das
latitudes máis altas (as máis alonxadas do ecuador).
Tamén por primeira vez
empregou nunha das súas obras a palabra Atlas para referirse a un conxunto de
mapas ordenados.
Neste mapa as liñas rectas
corresponden coas liñas de rumbo constante na navegación: un barco que siga
sempre a dirección NNE da brúxula trazará unha liña recta no mapa.
ORTELIUS
Aínda que non empregou a
palabra Atlas, o seu libro THEATRUM ORBIS TERRARUM considérase o primeiro atlas
moderno, cunha ordenación dos mapas que aínda hoxe se segue empregando. Foi
contemporáneo de Mercator, aínda que máis xove. Atribúeselle a idea de que os
continentes estaban inicialmente unidos, antes da deriva.
EDWARD WRIGHT
Mercator fixera a súa famosa
proxección cilíndrica de forma aproximada, ou, se empregou cálculos matemáticos
non deixou constancia deles. A explicación matemática da proxección de Mercator
realizouna o matemático e cartógrafo inglés Edward Wright, corrixindo os erros
do primeiro nun novo mapa.
Neste mapa as liñas rectas
corresponden coas liñas de rumbo constante na navegación: un barco que siga
sempre a dirección NNE da brúxula trazará unha liña recta no mapa.
JOHAN BLAEU
Foi o membro maís destacado
dunha familia de cartógrafos holandesa. Publicou un atlas (ATLAS MAIOR) do que
se di que foi a obra máis cara do seu tempo e un dos libros máis belos que se
publicaran xamais, en varios idiomas: latín, francés, alemán e castelán. Recolle a teoría heliocéntrica.
No hay comentarios:
Publicar un comentario