Tiñamos pendente esta entrada desde que comezamos cos libros ilustrados e os/as ilustradores/as pero hoxe enterámonos de que a curta "The lost thing" baseada no libro homónimo de Shaun Tan, está nominada ao Óscar á mellor curta de animación, así que xa non o podíamos deixar por máis tempo.
Shaun Tan naceu en 1974 nun barrio residencial ao norte de Perth, Australia. Licenciouse na Universidade de WA en 1995 en Belas Artes e Literatura Inglesa e traballa como ilustrador, escritor, deseñador de escenografías e artista conceptual.
Entre os seus libros ilustrados destacan: "Cuentos de la periferia" (2008), "Emigrantes" (2006) con multitude de premios internacionais, "El árbol rojo" (2001) (tédelo en libros para ver e escoitar), "La cosa perdida" (1999) e "Los conejos" editadas en España, e "Memorial" e "The Viewer" sen editar no noso país.
A lectura-visión dos seus libros resulta sempre asombrosa e inquietante, as súas ilustracións oníricas e surrealistas impregnánnos dunha mestura desacougante de tristeza, estraneza e soidade. O propio autor define os seus libros como "libros ilustrados para nenos maiores", xa que tratan estilos inusuais e temas relativamente complexos, como o imperialismo colonial, a apatia social, a natureza dos recordos ou a depresión.
A súa obra ten inspirado curtas de animación, proxeccións musicadas e obras de teatro.
2 comentarios:
Sen dúbida ningunha, un dos grandes.
Ao final levou o Óscar.
Publicar un comentario