14/3/10

Adeus a Delibes


O venres 12 de marzo morría na súa Valladolid natal, Miguel Delibes. Podería falarvos aqui dos seus méritos como escritor e como persoa, comentar o seu estilo ou citar todos os premios acadados ao longo da súa traxectoria literaria. Non vou facer nada diso. Ídesme permitir que faga unha entrada máis persoal. Contaréivos como cheguei eu á súa obra.
O primeiro libro que lin de Delibes foi "Las ratas" porque era a lectura obrigatoria de castelá en 1º de BUP. Non foi un bo comezo. Recordo dicirlle á profesora, no exame oral do libro, que non me gustara a temática, que me resultara demasiado duro.
No curso seguinte volveu ser lectura obrigada outra obra súa: "El camino", e aí comezou o frechazo, xa que Daniel "el mochuelo" converteuse nunha desas personaxes inesquecibles que te acompañan unha ver rematada a lectura. Despois virían, xa por vontade propia, "Cinco horas con Mario", "Los santos inocentes","La sombra del ciprés es alargada", "La hora roja", "Mi idolatrado hijo Sisí", "Cartas de amor de un sexagenario voluptuoso", "Señora de rojo sobre fondo gris" e o seu discurso de entrada na academia (sen dúbida o máis fermoso canto á natureza e o respecto polo medio ambiente que teño lido nunca).
Por que vos conto todo isto? Supoño que porque necesito lembrar que o que os profes sementamos si que xermola, aínda que ás veces leve o seu tempo...
Gracias, Delibes. Sempre nos quedarán os teus libros.

11/3/10

Coñécelas?


Estes días podedes disfrutar na biblioteca dunha exposición de libros para celebrar o Día da Muller Traballadora, nela atoparedes autoras de todos os estilos (novela, relato, cómic, ensaio, ...), nacionalidades e épocas. E, como non, poderedes descubrir historias de mulleres realmente impactantes a través das súas biografías.
Por exemplo, seguro que vos sona a canción: "A saia da Carolina ten un lagarto pintado..." pois refírese a Carolina Otero, galega nacida en Valga, que foi bailarina de cabaret súperfamosa no París dos anos vinte. Tivo como amantes aos homes máis poderosos do seu tempo, reies, emperadores, zares. Amasou unha gran fortuna que perdeu xogando nos casinos ao final da súa increible vida. Ou Maruxa Mallo, pintora surrealista, amiga dalgúns dos escritores da xeración do 27 e toda unha personalidade (os de 4º ESO pudéchedes visitar a súa exposición este curso).
Anímovos a coñecelas!. Son realmente sorprendentes.


8/3/10

Sol de Inverno

Dende a biblioteca queremos celebrar esta semana o Día da muller traballadora lembrando títulos escritos por mulleres. Escollemos a obra gañadora do último premio Xerais de novela, "Sol de inverno" de Rosa Aneiros. Non podemos ser imparciais ao contarvos de que vai este libro porque nos engaiolou dende a primeira páxina. É tenro, emocionante, triste, sorprendente, cambiante... Da man de Inverno coñecemos a peripecia dunha familia republicana que se ve obrigada a fuxir de Galicia para sobrevivir... Lédeo, non vos deixará indiferente! Tamén podedes probar con outras obras da autora, tamén moi recomendables: "Resistencia" ou "Ás de bolboreta" (Alumnado de 4ºESO, será a vosa lectura obrigatoria na vindeira avaliación!).
E, por se necesitades un empurronciño, aqui tedes algúns fragmentos.

2/3/10

Tamén len ... con Rivada

O pasado xoves, visitounos Xosé Lois G. Rivada "artesán creador" como gosta de ser definido, para amenizarnos nunha nova e diferente sesión de tamén len.
Logo da presentación e de lernos un breve fragmento da obra do seu amigo Caneiro, falou con nós sobre arte, escultopintura, a vocación creadora e cómo pode un adolescente descubrila e, en xeral, sobre a vida. Tamén se ofreceu para vir facer algún obradoiro de pintura e/ou escultura co alumnado de 4º ESO. Así que xa sabedes, a rescatar a vosa natureza artística!
Moitas grazas, foi un pracer terte con nós.