Mostrando entradas con la etiqueta as Ciencias e Letras. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta as Ciencias e Letras. Mostrar todas las entradas

21/6/15

CONTACONTOS: COLABORANDO CO "CRA DA REVOLTA" NUN TAMÉN LEN ESPECIAL


O pasado xoves 4 de xuño organizamos un Tamén Len especial no que invitamos os pequenos do CRA da Revolta para compartir un recreo cheo de historias teatralizadas, coa intención de manter a colaboración que comezamos o ano anterior cos CONTACONTOS e de relacionarnos con diferentes persoas da nosa contorna -sexan xóvenes ou maiores- e compartir con elas a lectura para contribuír a fomentala.


Contamos coa colaboración de alumnas/os do Club de Lectura e de 1º ESO, aqueles que no ano 2007 viñeran visitarnos a un Tamén Len, feito que rememoraron ata onde cada un tiña lembranzas, pois tiñan 4 ou 5 anos os que agora xa son alumnxs do noso centro.

Entre elxs, dous presentadorxs de excepción: Uxía e Martín, de 1º ESO, deron paso ás diferentes intervencións:


Os nenos e nenas italianos cantan unha cantiga moi popular nese país, con letra deste maxistral texto de Gianni Rodari e melodía composta polo cantautor Sergio Endrigo. Como unha típica filastrocche, a modo de copla ou retahíla, esta canción é a presentación ideal para “Que fai falta?”, que se acaba de incorporar (2011) á colección de Clásicos Contemporáneos de KALANDRAKA. Silvia Bonanni ilustra a obra do que fora un gran referente para a pedagoxía moderna.

-primeiro ocuparon o escenario con casas de cartón coloreadas por eles e con máscaras tamén feitas por estes pequenos do CRA e ataviados para contar dúas pezas curtas: o clásico de Gianni Rodari "Que fai falta?" e unha adaptación ao galego titulada "Os bos amigos".
-De seguida saíron encarnando "Los números árabes" os Siareiros da Palabra do noso Club de Lectura, para representar este relato de Juan José Millás do libro "Números pares, impares e idiotas". Esta elección ten que ver co lema "As Ciencias e as Letras" que traballamos este curso.
-E para finalizar eses alumnos e alumnas que estiveran aquí cando eran tan pequenos,  puxeron en escena outro deses imaxinativos relatos do mesmo autor "El 8 y el ocho".

Dicir que o salón de actos estaba cheo neste recreo de xuño, onde todxs estamos tan ocupados con tanto traballo para dar finalizado o curso cun bo resultado. É por iso que agradecemos especialmente a vosa presenza e participación a estas alturas.

Moitas grazas pola vosa colaboración a todos e todas. Quedan aquí gravadas as vosas simpáticas intervencións (desculpade que a imaxe non teñan máis calidade, pois as luces do Salón de Actos provocan ese ton avermellado).

Que as disfrutedes!!
...e moi boas vacacións estivais!!!!






10/6/15

EXPOSICIÓN DE LIBROS "AS CIENCIAS E AS LETRAS"


Nestes meses de abril a xuño temos expostos libros relacionados coas Ciencias. Unha vez máis puxémoslle "patas á Calixtina" e mostramos en diferentes puntos da biblioteca e no corredor, o que tiñamos no noso fondo bibliográfico, coa finalidade de promocionar lecturas atendendo ao lema que nos guiou este curso: "As Ciencias e as Letras".


O cartel insiste en que os libros están expostos para poder ser collidos en empréstito e animar así a todxs a achegarse a temáticas que poden ser diferentes para algunhas persoas ou habituais para outras. Como sabemos, sobre gustos...

Por certo, lembrade que facemos empréstito tamén para ler no verán!!!!














9/12/14

MARGA SOTO NO TAMÉN LEN DE DECEMBRO.

Acaba de estar connosco, hoxe no recreo, Marga Soto, dona da Libraría Lemos de aquí, de Salceda. Estivo moi ben acompañada por Juan, Andrea e Mireya, de 2º ESO, que fixeron unha completa presentación da nosa invitada.


Sabendo que estamos a traballar as Ciencias na Biblioteca, quixo ler un capítulo do libro "A evolución de Calpurnia Tate". Nel fala da relación que a protagonista ten co seu avó, e como, dende o respecto mútuo, comparten o amor polo descubrimento dos fenómenos naturais; el coa experiencia e a paixón que non diminúe coa idade, e ela coa curiosidade e a ansia xoven de saber e con todo por descubrir...
É un libro que este outono tamén estivemos lendo no Club de Lectura, e non deixamos de recomendalo.


Houbo tempo para o coloquio con Marga, quen nos falou da súa profesión de libreira, da que gusta moito, sobre todo polo trato coas persoas; e de como concilia o traballo co coidado dos seus fillos.
Quixo ser mestra, pero iso quedou atrás...


18/11/14

Video do Recital de Poesía e Ciencia na Biblioteca de Salceda. Outono 2014.

Facemos un apéndice á entrada anterior para deixar colgado un video co poema de Nicanor Parra, "Soy el individuo", a varias voces. E agradecemos, como non, a participación de lectores do noso Club Siareiros da Palabra.



Anunciar tamén que na Radio Escolar, foron gravadas as súas voces para emitir nun programa de radio no recreo desta semana, en concreto o xoves 20. Difundimos así tamén, a través deste medio, a Poesía e a Ciencia, coa iniciativa e colaboración de Fernando, xefe de estudos e promotor da radio este ano.

13/11/14

RECITAL DE "POESÍA E CIENCIA"


No noso blog do Club de Lectura xa relatamos como os Siareiros da Palabra foron os artífices de levar a bo porto a idea de relacionar a linguaxe poética con aspectos científicos, números ou avances técnicos. Deste xeito foi como adicamos un recital á "Poesía e Ciencia". Ademais pensamos que sería unha magnífica forma de empezar o curso e de celebrar as Bibliotecas Escolares.


Seleccionamos 10 poemas relacionados, uns en castelá, outros en galego, e os preparamos en varios ensaios para acadar unha lectura alta e clara, boa entoación e dicción, sentido e sentimento. Participaban unha ducia de alumnxs que se brindaron gustosxs a interpretar a poesía, e contamos con dúas presentadoras de excepción.

Foi no recreo do venres 7 deste mes que poidemos facer a sesión, e comezámola con música dodecafónica de Arnold Schönberg; acampañamos a lectura de cada poesía co texto e imaxes suxestivas nunha presentación, que nos serviu ao mesmo tempo para dar a coñecer as obras do fotógrafo Chema Madoz, que nos pareceu que acaían moi ben para complementar as palabras de poetas como Nicanor Parra, W. Szymborska, Boris Vian, Gloria Fuertes, etc.

Certo é que esperabamos algún público máis, pero quedamos satisfeitos coa experiencia e o resultado, pois o entusiasmo dos participantes é de destacar; ademais do seu bon facer, de estar abertos a colaborar sempre e a demandar máis actividades dende a Calixtina, e de servirlles de referencia para coñecer a novos poetas, estilos, linguas, temas...

22/10/14

"AS CIENCIAS E AS LETRAS": NOVO CURSO E NOVO LEMA NA BE CALIXTINA.

Benvidas todas aquelas persoas que teñan a ben facer connosco unha viaxe máis -porque seguimos a movernos sen parar- e desta volta o que nos traemos entre cabeza, peito, mans e pés é unha aventura inxente, alucinante, sorprendente, coñecida ou descoñecida, enorme, para mergullarnos noutras dimensións e cambiar a nosa percepción sobre o espazo e o tempo. 

Foto: Paula Fdez. Bañuelos

Porque nunha biblioteca non só teñen cabida as letras, senón tamén os números, as fórmulas, os principios da física, as reaccións da química, a astronomía, a evolución das especies; e, como non, a evolución do noso pensamento para estar ao día e ampliar o noso coñecemento sobre o mundo que habitamos, tanto no perceptible como no imperceptible, atómico, protónico, leptónico, sideral, cuántico, a materia e a antimateria, as superposicións ou os entrelazamentos, os buratos negros,  a relatividade do tempo... En fin, que temos ante nós un vasto campo que percorrer, e que mellor que os recursos que ofrece a nosa biblioteca nas súas variadas formas, para achegármonos un ano maís e deixarnos levar polo atractivo irresistible das lecturas, audiovisuais, filmes, realidades e ficcións - si, porque tamén falaremos de ciencia-ficción- para celebrar a unión de "As Ciencias e As Letras" baixo o noso lema. Ademais de atender aos variados e magníficos recursos que nos proporcionan dende a Asesoría de Bibliotecas Escolares e, como non, dende o fructífero intercambio das experiencias compartidas no foro de BE de Galicia.
 A todxs elxs, grazas.

Foto: P. F. Bañuelos


Comezamos este trimestre con varias actividades programadas que queremos compartir:

-Para celebrar o "Día das Bibliotecas Escolares" (24 outubro) estamos a preparar un "Recital de Poesía e Ciencia" no que participarán membros do Club de Lectura, que no recreo do xoves día 30, recitarán para quen teña a ben acudir á Biblioteca Calixtina nesta cita sen igual. Non se realiza o propio día 24 por haber outra actividade xa programada.

-Pensamos en emprazar "A Santa Compaña" por Santos e Difuntos para acompañármonos nunha "Sesión de Lectura terrorífica na BE" , no recreo do xoves 13 de novembro. 

Para todo aquel que estea disposto a tremer dende os miolos ata os cabelos!

-No Club de Lectura "Siareiros da Palabra" xa fixemos a presentación ecomezamos a ler " A evolución de Calpurnia Tate", relacionada co método científico, a teoría da evolución, o naturalismo, a igualdade de homes e mulleres... Lectura suxestiva!

-Na hora de PRINT, en 1º ESO estamos a presentar a biblioteca ao novo alumnado, ideando slógans para publicitala, e atenderemos a alfabetización documental ao longo do curso traballando ao redor da temática "En pé de igualdade".

-E aínda queda o 25 de novembro por traballar en contra da violencia de xénero, que desta volta queremos facer en positivo resaltando exemplos e novas de "BO TRATO", ademais de ter en mente experimentar cun sinxelo principio físico para lanzar globos aerostáticos ese día para conmemorar e lembrar un posicionamento claro rexeitando todo tipo de violencia de xénero e en defensa dunha educación que insista na igualdade, etc.

-Deixaremos este trimestre colgados do noso blog os listados de libros e filmes relacionados coas ciencias, coa temática do terror, coa igualdade..., que temos no noso fondo bibliotecario.

Museo Americano de Historia Natural