8/6/16

RECITAMOS POEMAS DE MANUEL MARÍA

Comezamos o fermoso mes de Xuño, no recreo do seu primeiro día, co RECITAL DE POEMAS DE MANUEL MARÍA, da man dos Siareiros da Palabra, do noso Club de Lectura, que sempre se animan ante a poesía, que tan bos resultados dá para ler ante o público, vencer timideces e temores, aprender a recitar sen presas, proxectando a voz, meténdose no sentido dos versos e modulando a voz co que queren dicir...



Quedamos satisfeitas do resultado todas as persoas que participamos, porque procuramos elixir os textos do autor que máis atractivos nos pareceron e que máis podían gustar á mocidade; e porque foi moi variado, con lecturas serias, introspectivas, alegres, divertidas ou comprometidas... Tivemos ademais o ingrediente de comezar con "O carro", versos de Manuel María musicados por Suso Vahamonde, moi populares; interpretada esta canción pola entrañable voz de Isabel Vázquez de 4ºC e as guitarras de Dani Peroja e Brais Barcala de 4ºA. Para o final reservamos a festiva "O cuco" tamén musicada por Suso Vahamonde, que a modo de karaoke cantamos todos a unha. 






4/6/16

TAMÉN LEN DE MAIO con HELIER BURGOS E MARCOS TRONCOSO


Helier e Marcos hai uns anos foron antigos alumnos e agora xa son profesores en prácticas, o primeiro de Educación Física e o segundo de Bioloxía. Polo que se ve, decidiron seguir este camiño que non é tan fácil como parece dende fóra, e aquí están entusiamados co seu futuro. Temos que agradecerlles que quixeran compartir na nosa Biblioteca e coa mocidade actual que aquí acudiu no recreo interesada e disposta a pasar un bo rato, uns relatos que elixiron do libro "Made in Galiza" de Sechu Sende: O ladrón de palabras, Falar, Unha palabra común, O paracaídas, Nin en soños vou perder a miña lingua, Estou contigo, que leron alternativamente con moita arte, deixando clara a súa postura en defensa da lingua galega que debemos coidar, como expresaron na introdución que fixeron para explicar as lecturas que seleccionaron e que tanto nos gustaron.

Xa eran coñecidos no noso Centro, porque tiveron a experiencia de participar este ano na excursión de Andorra, en calidade de acompañantes do alumnado de 2º ESO, sendo moi queridos.