Na última sesión do noso Tamén len de 2011 tivemos o pracer de contar cun exalumno, Quico, que se atopa actualmente cursando o Ciclo Superior de Música na Coruña pola especialidade de Percusión. Quico é integrante da Banda Municipal de Música de Salceda e da Orquestra Xove da Sinfónica ademáis de tocar noutros grupos no seu tempo de lecer.
Como prólogo, Mar de 2ºC, deleitounos cunha peza ao clarinete.
O relato "Un saxo na néboa" do libro "Que me queres amor?" de Manuel Rivas foi o escollido para esta sesión tan músical. A continuación, coma sempre, veu o turno das preguntas que resultou ben animado e interesante. Quico falounos do que é para el a música, do sacrificio que require pero tamén da recompensa de facer algo que lle gusta, das súas experiencias no extranxeiro , do poder da música para unir persoas e deixounos con ganas de ler "Musicofilia", de Oliver Sacks, o seu libro favorito.
Moitas grazas por acompañarnos, Quico, foi un pracer!
Aínda que con demora por problemas técnicos, por fin publicamos esta
entrada para falar das características e circunstancias das Librerías que
soemos frecuentar en Vigo e Pontevedra, onde nos surtimos dos libros que
utilizamos na nosa B.E.
Para facer esta homenaxe, nada mellor que estas datas, pois o venres 25 de
Novembro celebrouse o “Día das Librerías” por primeira vez en toda España (agás en Catalunya), onde se
promoveron descontos e organizaron diversos actos festivo-literarios, con moito
público asistente.
Por outra banda, resta dicir que con ésta, celebramos a entrada 200 no noso blog.
A BNE está de aniversario, nada máis e nada menos que trescentos aniños!! Para celebralo, aquí vos deixamos unha presentación cun breve resumo da súa historia e dos actos de celebracion que van organizar ao longo de todo o 2012.
Quen pense que é fácil poñer data para reunir aos vinte profes que formamos parte do club de lectura equivócase. Tras un cruce intensivo de mensaxes para acordar data, horario, lugar, menú (as xuntanzas pretenden ser gastronómico-literarias) e posibles actividades complementarias, finalmente nos reunimos o martes 29 no restaurante do Museo do Mar en Vigo, ben cerquiña do mar. Por suposto, no menú non faltaron os mexillóns.
O día 1 de decembro é a data na que celebramos O Día Mundial da Loita contra o SIDA. Na presente edición o lema é "Chegar a cero: cero novas infeccións por VIH, cero discriminación e cero mortes relacionadas coa SIDA". Oxalá que o lema se converta en realidade moi pronto!
E non quero deixar pasar esta data sen facervos unha recomendación literaria sobre o libro de Xulia Alonso "Futuro imperfecto".
Xulia cóntanos en primeira persoa a súa historia e a da súa parella que morreu de SIDA hai anos e, por extensión, a historia dunha xeración que despertou á xuventude estreando democracia, que descubriron as drogas como un acto máis da liberdade que estaban a inaugurar e que se atoparon de pronto cunha enfermidade terrible e descoñecida que os diezmaba en medio da ignorancia e a discriminación.
O texto reflicte a necesidade de Xulia de non esquecer e a arela de poder transmitirlle á súa filla a memoria do seu pai e da súa historia en común.
É, sen dúbida, unha historia conmovedora que non sensiblera sobre os vínculos (familia, amor, amistade) que son os grandes alicerces que nos manteñen en pé e polos que merece a pena seguir adiante.
O luns 21 acompañounos, na nosa sesión mensual do Tamén len, Martín Acuña Vaqueiro, coordinador das Escolas Deportivas de Salceda.
Martín leunos un fragmento do libro "Once minutos" de Paulo Coelho, onde a protagonista lembra un episodio do seu pasado, o da descuberta do amor e a entrada na adolescencia.
"María entonces empezó a creer que el mundo era demasiado grande, el amor algo muy peligroso, y la Virgen una santa que vivía en un cielo distante y que no escuchaba lo que los niños pedían".
Posteriormente, e despois de responder ás vosas preguntas, concedeulle unha entrevista a tres dos nosos MQs que reproducimos a continuación.
MQs: Cal é o teu libro favorito?
Martín: Teño varios, "Resistencia atómica" de Vladimirov é un deles.
MQs: Por que elixiches ese libro? Que te chama a atención do autor?
Martín: Porque me gusta moito o autor. Paréceme unha persoa moi directa, tanto cando se dirixe a nenos como a adultos.
MQs: En que consiste o teu traballo?
Martín: En coordinar as actividades deportivas no concello.
MQs: Cantos anos levas neste traballo?
Martín: Trece anos.
MQs: Gústache?
Martín: Moito.
MQs: Cal é o deporte que máis che gusta?
Martín: O balonmán.
MQs: Canto tempo lle adicas o teu traballo?
Martín: Sobre oito horas, un pouco máis.
MQs: Canto tempo se lle adica ao deporte na túa escola deportiva?
Martín: Dous días de adestramento e un de partido.
MQs: Cal é o deporte de máis éxito?
Martín: O fútbol (65% do alumnado).
MQs: Cal é a túa relación co alumnado do noso IES?
Martín: A moitos os coñezo por ser veciños e a outros polas Escolas Deportivas.
MQs: Como definiría o nivel das nosas Escolas Deportivas?
Martín: Alto.
MQs: Para rematar, en que idioma les máis: galego ou castelá?
Ao igual co curso pasado, o Departamento de Normalización Lingüística do noso centro, acordou traer ao Auditorio Municipal de Salceda de Caselas, en sesión matinal para o noso alumnado, unha representación teatral da compañía Talía Teatro.
Dirixida por Avelino González e interpretada polos actores Artur Trillo, Toño Casais e María Ordóñez, a obra deste ano titulada "Pelos na lingua" consistía nunha serie de sketchs que falaban dos usos e abusos da lingua galega.
O xoves 24 foi, por tanto, unha mañá diferente, na que abandonamos por un par de horas as aulas para mergullarnos nesa outra aprendizaxe cultural necesaria que ademais conseguiu arrincarnos máis dunha gargallada.
Título:"La vuelta al mundo de un forro polar rojo". Subtítulo: Pequeña historia de la gran globalización. Autor: Wolfgang Korn. Ilustracións: Birgit Jansen. Editorial: Siruela. Lugar de Publicación: Madrid. Colección: Las tres edades. Ano de publicación: 2008 Berlín. Publicado en España: 2010. Premios: Premio ao mellor libro xuvenil de divulgación científica en Alemaña.
Sobre o autor: Wolfgang Korn naceu el Lünen, Alemaña, en 1958, estudou Historia, Ciencias Públicas e Periodismo. Vive en Hannover e colabora como periodista para revistas e xornais como GEO e DIE ZEIT.
A medio camiño entre a experiencia persoal, o traballo de campo, o periodismo de investigación, a divulgación e a testemuña crítica, está este xogo hipotético -que ben podería ser real- que o autor artella para levarnos a unha viaxe polos trastocados miolos do comercio internacional, a producción e as condicións laborais: dende o petróleo de Arabia, pasando pola industria téxtil do Sur de Asia, a conexión con Alemaña, ata chegar ás costas de África e finalmente ás Illas Canarias a bordo dun cayuco. Será no último capítulo onde o autor nos convoque para preguntarnos: cómo podemos cambiar entre todos o final deste relato.
O alumnado de 3º ESO do PDC está a lelo actualmente e logo o fará o de Obradoiro de Iniciativas Emprendedoras. Gustaríanos que compartísedes con nós as vosas impresións.
Ficha técnica Director: Bill Cordon Productor: Wyck Godfrey. Guionista: Melissa Rosenberg. Autora: Stephenie Meyer. Director artístico: Lorin Flemming. Director de fotografía: Guillermo Navarro. Vestiario: Michael Wilkinson. Distribuidora en España: Aurum Producciones.
Reparto protagonista: Edwar Cullen: Robert Patinson. Bella Swan: Kristen Stewart. Jacob Black: Taylor Lautner.
Hoxe chega aos cinemas a primeira parte de "Amanecer" o derradeiro libro da saga Crepúsculo. Tedes pensado ir a vela? Se é así, esperamos que nos deixedes aquí a vosa opinión.
Cando soubemos do roubo do Codice Calixtinus, todas as compoñentes deste equipo de biblioteca sentimos un arrepío, pola desaparición de ben tan preciado e polo que estaría sentindo o noso benquerido excompañeiro, pero sempre amigo, José Luís. Tan pronto como comezou o curso, Paula pediulle que nos redactase unha entrada para o blog sobre tan pesaroso suceso e José Lúis foi máis aló, escribiuna para nós e para enviar aos xornais. Aquí vola deixo.
Señor director, situémonos no tempo coa axuda do
mestre Machado: “Mediaba el mes de Julio. Era un hermoso día” tamén mediaba
Xullo máis o día resultou dos aciagos de verdade. Uns “mangutas” por non
empregar termos de groso calibre, aliviaron o oito veces centenario “arquivo do
trasno” catedralicio de Santiago da súa xoia máis preciada, o Codex Calixtinus
ou Liber Sancti Iacobi, coa Historia Turpini e tantas outras historias e marcas
de grandeza que por amor da brevidade serían: primeira guía turística-espiritual
de Europa. Relatorio dos milagres do Señor Santiago Zebedeo. O primeiro texto
musical polifónico (tres voces) de Occidente.
Facemos una derivada. Todo o mundo coñece, ten oído
falar ou visitou a Capela Sixtina (Roma-Vaticano) cos frescos de Miguel Anxo
restaurados con primor. Medio mundo coñece, ten oído falar ou visitou a
Biblioteca Alexandrina (Exipto) recreada na modernidade cunha soberbia obra
arquitectónica. Quén coñece, ten oído falar ou visitou a Biblioteca Calixtina
do IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas, blog biblosvivos.blogspot.com.
Pois deberían. Foi nese novísimo instituto un 24 de Outubro de 2008 cando en
sesión académico-festiva bautizamos a bilblioteca escolar co onomástico
Calixtina en honra do Códice e, digámolo baixo, pola proximidade fonética de
Celestina, a mala malísima heroína do Renacemento español. Por iso na
comunidade escolar sentimos desgarro e oprobio, e a súa pantasma “Cali” nin
lles conto; a pobre fai o que pode. Nas noites de novilunio, cando non se mira
unha elefanta asiática embarazada de xemelgos a tres pasos, ela fai rondas e
catas e pescudas en paralelo coa policía especialista en roubos de obras de
arte. Pero non da feito, que non é máis que unha pantasma bebé. Así están as
cousas. A desaparición se agranda e se agrava. Estamos “confiantes”, como din
os portugueses, que o Códice volverá a alumear o Camiño. Tempo ó tempo ou como
se lé no Quixote “Amencerá Deus e medraremos”.
Hai tempo vos comentabamos que as novelas xuvenís basadas en distopías estábanse a poñer de moda. Exemplos claros serían "Juntos" de Ally Condie ou "Delirium" de Lauren Oliver. Sen embargo se lles preguntamos ao noso alumnado polos grandes clásicos deste tema como son "1984" de George Orwell, "Farenheit 451"de Ray Bradbury ou "Un mundo feliz" de Aldous Huxley, nen sequera lles sona o título.
Estes días volvinme mergullar na lectura deste último (a outra vez remóntase aos meus tempos de instituto) e volvinme sentir atrapada nesta sociedade futura onde a predeterminación xenética e o condicionamento serán as bases que sitúen a cada individuo nun lugar determinado da escala social no que se sentirá satisfeito. Nesta sociedade a enfermidade e a vellez non existen, todo vínculo emocional/sentimental (familia, amistade, amor) está abolido ou mal visto, e as posibles insatisfacións cálmanse con drogas de deseño aínda que sempre hai alguén que se rebela...
A pesares de editarse por primeira vez en 1932 segue a ser unha novela actual e valiosa polo que vola aconsellamos, desde a biblioteca e, especialmente, desde o Departamento de Ciencias da Natureza que a inclúe na súa lista de lecturas recomendadas.
Unha vez máis, Bárbara Fiore Editora volve a deleitarnos cun álbum ilustrado que nos deixa sen palabras.
O libro narra un episodio histórico determinante na loita polos Dereitos Civís en EEUU, a negativa de Rosa Parks (1913-2005), famosa activista negra, o 1 de decembro de 1955 nun autobús de liña en Montgomery, a ceder o seu asento a un home branco. Rosa foi detida pola policía e encarcerada. Un tempo despois a segregación racial nos autobuses foi declarado un acto inconstitucional.
Se o breve texto de Fabrizio Silei logra introducirnos con éxito neste episodio histórico, as ilustracións de Maurizio A. C. Quarello conmóvenos por completo.
Un libro imprescindible para falar da loita polas liberdades e os dereitos civís.
Como anécdota dicirvos que o autobús de Rosa consérvase no Museo Henry Ford en Michigan.
Se me din que acaban de facer unha curta animada que ten como escenario a librería Shakespeare and Company de París xa me entrarían unhas ganas enorme de vela, se ademáis a dirixe Spike Jonce ("Cómo ser John Malkovich", "El ladrón de orquídeas", "Donde viven los monstruos" ou "I'm Here") ou meu interese medra, e se para rematar é unha fermosa historia de amor entre o esquelete de "Macbeth" e a protagonista de "Drácula" non podo deixar de compartilo con tod@s vós.
Isto é o que me vén de acontecer grazas ao blog Papeles Perdidos, do que obtiven a información. Aquí vos deixo a curta (vía Nowness) desexando que vos guste tanto como a mín!
Viñamos rumiando a creación dun club de lectura para
profes desde hai tempo, concretamente despois da lectura en cadea e o
fructífero intercambio de opinións ao que nos levou "Nada" o curso
pasado. De feito, penso que vén existindo xa pero dun xeito caótico e pouco
ortodoxo :). Así que este curso puxémonos serias e decidimos fundar o club de
lectura "O anel de Palova".
O nome ten múltiples significados; anel en sentido
figurado polo que ten de círculo, de unión e nexo e tamén en sentido literal...
e Palova na honra a unha compañeira (non é rusa aínda que poda parecelo) que se
trasladou este curso e coa que pensamos seguir mantendo contacto, a lo menos
mediante este club.
Como primeiros títulos
seleccionamos "Mexillóns para cear" de Birgit Vanderbeke na
Editorial Rinoceronte e "Circe ou o pracer do azul" de Begoña Caamaño
e editado en Galaxia, ambos recomendacións feitas no Papel de MULLER de Papel
por Gemma Lienas e Begoña Caamaño, respectivamente.
O meu amigo Cali, pantasma do IES Pedras Rubias, venme de convidar a unhas Sesións Terroríficas de Lecturas que sei que están a organizar os MQs. A cita é nos recreos do mes de novembro no soto do instituto e seica van contar relatos de terror e misterio en pequenos grupos. Imprescindible invitación. Eu xa teño a miña, e vós?
Conseguirán meterme medo a mín ou, pola contra, serei eu quen os asuste, HAHAHAHAHAHAHAH (léase riso sinistro).
Non creo que me equivoque se afirmo que moitos adolescentes se teñen enganchado á lectura a través dos seus libros. No noso centro, "Campo de fresas" ou "La memoria de los seres perdidos" están entre os máis demandados polo alumnado.
Autor prolífico, Jordi Sierra i Fabra, gusta de tocar temas de actualidade nos seus relatos xuvenís e forma co noso benquerido Agustín Fernández Paz un binomio que copa os premios dos certames literarios a nivel mundial, non hai máis que botar unha ollada a esta liña de tempo!!!
Mañá estréase nos cinemas de toda España a película de Steven Spielberg "Las aventuras de Tintín: El secreto del Unicornio". A expectación é enorme como en todo estreno dun film de Spielberg ("Tiburón", "E.T.", "Encuentros en la tercera fase","La lista de Schindler"...) pero co engadido de que os anteriores intentos de levar á gran pantalla a Tintín foron bastante mediocres.
As historietas protagonizadas por este famoso reporteiro de aspecto infantil e espíritu xusticieiro, viron a luz en Bélxica da man de George Remi "Hergé" e foron publicándose ao longo de máis de corenta anos, desde 1930 ano de publicación do primeiro álbum ata 1976 cando viu a luz o derradeiro. Aínda que algunhas das súas aventuras foron tachadas de racistas, o certo é que o seu éxito foi case inmediato; os cómics foron traducidos a multitude de linguas e a día de hoxe e con permiso de Ásterix (eu quédome con este último), é o cómic máis vendido.
Premendo no título da peli tedes acceso á páxina oficial en castelán. Se queredes máis información vos deixo o enlace cun especial editado polo xornal El Mundo, o enlace coa páxina da butaca.net (podedes atopar entrevistas, a ficha técnica, como se fixo, ...)e o trailer para ir quentando motores. Tedes pensado ir vela neste ponte? Animádevos e deixádenos a vosa opinión!
Que vos parecería atravesar unha porta e atopar como regalo o nacemento do universo cun big bang de estrea para vós ou ter entradas para un partido entre a materia e a antimateria e non digamos podervos teleportar, seren perseguidos por buratos negros,bailar na pista dunha discoteca rexida polo principio de incertidume ou viaxar case á velocidade da luz nun acelerador de partículas?
Todo isto e máis sucédelle á Nico, o protagonista deste alucinante libro que descubrín por casualidade hai tan só unhas semanas. O primeiro que sentín ao escoitar falar do libro foi sorpresa, o segundo curiosidade e o terceiro, vouno confesar, certo escepticismo. Sería quen, a autora, Sonia Fernández-Vidal (cun curriculum impresionante e que ten traballado nos principais centros de investigación de partículas, incluído o acelerador de partículas do CERN) de enganchar cunha historia para adolescentes a base de Física Cuántica? Agora que o rematei penso que consegue algo máis importante, despertar a curiosidade, as ganas de saber máis dese mundo que, aínda que a outra escala, é tamén o noso: o mundo cuántico.
Na nosa comunidade autónoma, o lema elixido para celebrar esta data é "Biblioteca escolar, última xeración" e o cartaz deste ano foi elaborado por Emma Ríos.
Ás veces resulta interesante botar contas. Se nunha das entradas anteriores comentabamos que este ano se anotaran 70 alumnos/as ao noso Club de Lectura "Siareiros da Palabra", o mércores, na primeira reunión dos MQs, había 40 voluntarios/as. Das 110 persoas, 17 son ao mesmo tempo "siareiros" e MQs o que fai un total de 93 alumnos/as involucrados directamente na dinamización da biblioteca e o fomento da lectura.
Se ademais temos en conta que neste curso hai 267 alumnos/as matriculados...temos unha porcentaxe do 34,8% do alumnado!!! Folga dicir que estamos ENCANTADAS!
E duns números a outros.
Onte, vía Trafegando Ronseis, descubrín un libro ilustrado máis que apetecible: "Fibonacci, el soñador de números" de Joseph D'Agnese e ilustrado por John O'Brien. O libro, da editorial Juventud, narra a biografía deste matemático italiano do s.XII-XIII, famoso por introducir en occidente os número árabes e popularizar coa súa obra "Liber Abaci" a aplicación dos novos números aos cambios de unidades, á contabilidade, aos criterios de divisibilidade,...
Pero se por algo é coñecido Fibonacci e pola súa sucesión de números: A serie de Fibonacci á que se relaciona con criterios estéticos na natureza, como a forma das caracolas, o reparto dos pétalos dunha flor, a disposición das follas nun talo,...
Tódolos anos inauguramos a nosa sección do Tamén len convidando a un/ha profe do Colexio Altamira. Nesta ocasión foi a quenda de Saltina, que nos visitaba hoxe para compartir cos seus ex-alumn@s e con todos nós, lembranzas, anécdotas e unha morea de boas lecturas compartidas. Moitísimas grazas!
E despois de compartir con vós as nosas descubertas viaxeiras pasamos a facer un rápido repaso do comezo das actividades da biblioteca e das novidades literarias.
Novidades da nosa biblioteca:
Como moitos de vós ben sabedes, comezamos o curso cunha reordenación exhaustiva dos fondos da nosa Calixtina porque a coitada daba peniña e queríamos tela ordenada e ben feitiña para dar comezo á Formación de Usuarios que recibiredes tódolos cursos nas vindeiras semanas.
O próximo luns 17 durante o recreo terá lugar a primeira sesión do Tamén len deste curso. Nesta ocasión a convidada é Saltina, mestra do Colexio Altamira.
E tamén o vindeiro luns 17 pero en horario de sobremesa, inauguramos o Club de Lectura. Paula e Xoán aínda non saben como van facer xa que este curso anotáchesvos MÁIS DE 70!!!!! (Terá algo que ver a excursión pola Ribeira Sacra e o vó en helicóptero?).
E os MQs non ían quedar atrás! Temos a primeira reunión o mércores 19 no recreo... y traemos TERRORÍFICAS ideas...
As listas de lecturas recomendadas van en aumento e pronto vos comentaremos as recomendacións feitas polos Departamentos de Ciencias e Música.
Novidades literarias e cinematográficas:
O poeta sueco Tomas Tranströmer vén de recibir o Premio Nobel de Literatura.
Agustín Fernández Paz resultou o gañador este ano do Premio de Literatura Infantil e Xuvenil de SM que se fallou na FIL (Feira Internacional do Libro) de Guadalajara (México). O Premio seralle entregado o 29 de novembro.
E, por suposto, libros e máis libros e películas, entre eles o último de Laura Gallego"Donde los árboles cantan" que saíu hoxe á venda, os audiolibros que vén de editar a editorial Rinoceronte, a estrea o mes que ven de "Amanecer" ou o último en xogo de rol e novela de ciencia ficción galega, dos que vos iremos informando nas vindeiras entradas.
A orixe desta marabillosa biblioteca, unha das máis fermosas do mundo, remóntase ao ano 1592 no que a raíña Isabel I autorizou a fundación do Trinity College. O edificio más antigo que se conserva, a Antiga Biblioteca, construiuse entre os anos 1712 e 1732. Na actualidade a Biblioteca componse de oito edificios onde descansan case tres millóns de volumes (desde 1801, calquera obra publicada en Gran bretaña e Irlanda debe enviar un exemplar a esta biblioteca).
Pero entre todos os seus tesouros destaca o Libro de Kells, do século IX, que contén un texto en latín dos catro evanxelios esplendidamente ornamentado. Crese que o libro de Kells foi creado e producido (total ou parcialmente) en Iona ou en Kells, de aí o seu nome. Isto faime pensar no noso desaparecido e benquerido Códice Calixtino, por onde andará?
Pero, por suposto, non fun a única viaxeira da biblio. Paula andou tamén visitando bibliotecas polo mundo adiante. Deixo mellor que volo conte ela:
" No verán estamos de vacacións. Cando podemos, ás veces viaxamos e nestas viaxes hai tantos lugares diversos que podemos visitar que hai que elixir por forza.
Dublín é unha cidade que non ten a monumentalidade doutras grandes capitais, pero ten unha vida nas súas rúas que nos atrapa totalmente. Un dos lugares máis interesantes e máis visitados, sen dúbida, é a Biblioteca Universitaria do Trinity College, da que falaremos na próxima entrada. Mais, por casualidade, tamén atopamos a Biblioteca Nacional, que nos pareceu un espazo de gran atractivo".
No meu breve viaxe por Europa, antes de Amberes estiven uns días en Amsterdam (vola recomendo a tod@s!) e, por suposto, tocou visita á Openbare Bibliotheek de Amsterdam (OBA) e ao seu estupendo restaurante con terraza panorámica.
Queredes ir visitala? Pois só tedes que acompañarme neste trepidante vídeo.
Os/as bibliófilos/as non descansamos nunca, nin sequera cando marchamos de vacacións perdemos os hábitos, como ides comprobar nas vindeiras entradas...
Este museo ten a súa orixe na vida e obra dun dos maiores impresores-editores de tódolos tempos: Christophe Plantin (Tours,1520-Amberes, 1589), que foi quen desenvolveu, xunto co inventor da imprenta Johannes Gutenberg, aspectos claves na historia da edición e que é considerado como o primeiro impresor industrial.
No ano 1576, Plantin que era daquela o Primeiro Tipógrafo Real de Felipe II, decide trasladar o "Compás Dourado” (a súa casa-imprenta) á praza Vrijdagmarkt de Amberes. Á súa morte, tanto a casa como a Officina Plantiniana pasan a mans do seu xenro Jan I Moretus e de aí, xeración en xeración, durante tres séculos os Moretus conservan, amplían e enriquecen tanto a mansión como o negocio.
En 1876, Edward Moretus decide converter o Compás Dourado en museo polo que inicia as negociacións co Concello de Amberes. O Museo abre as portas o 19 de agosto de 1877.
O valor de este marabilloso conxunto cultural é incalculable pois abrangue varios tesouros únicos:
A Officina perfectamente conservada coa imprenta onde atopamos as prensas máis antigas do mundo, a sala de tipos con coleccións tipográficas orixinais como a Garamond ou os tipos hebreos máis antigos, a sala de correctores, a librería que conserva aínda o listado de libros prohibidos ou Librorum Prohibitorum Index de 1569, a sala de ilustracións e estampas, a sala dos manuscritos, sala de edicións extranxeiras, sala da xeografía, a tras-tenda, o despacho do maestro Plantiniano e a fundición con series únicas e completas de ferramentas empregadas na fabricación dos tipos.
Os arquivos, única colección no mundo que se refire a imprenta que contén series ininterrompidas de rexistros contables que van da segunda metade do s.XVI ata 1865, e permiten coñecer a historia da imprenta e do pensamento occidental da época, polo que foron incluídos no “Rexistro da Memoria do Mundo" da Unesco o 4 de setembro de 2001.
Unha colección de 25.000 volumes anteriores a 1800, 638 manuscritos realizados entre os séculos IX e XVII, 154 incunables con exemplares tan valiosos como unha Biblia Gutenberg de 36 liñas e o 90% da producción Plantiniana.
O edificio renacentista do s.XV e as ampliacións con casas anexas dos séculos XVII e XVIII. No patio consérvase unha vide de Canadá do s.XVI.
Varias coleccións de arte que destacan pola súa variedade e riqueza: coiros dourados españois ou guadamecíes, gobelíns, mobles e cadros (19 deles de Peter Paul Rubens).
A colección do seu Gabinete de Estampas, relacionada coa ilustración dos libros, atesoura 791 bocetos, 2.846 planchas de cobre e 13.791 bloques de madeira tallada.
Estou por propoñer Amberes como destino para a excursión dos MQs e o club de lectura deste curso! Mentres, podedes visitalo premendo no vínculo do seu nome ou botándolle unha ollada ás fotos que conseguimos tomar.
Comezamos o curso entre crises, aumento de horarios, folgas e negras perspectivas para a educación pública pero con enerxía e ilusión, canto mais despois da alegría que nos supuxo recibir a finais do mes de xullo a distinción do Premio Sunshine Award concedido polo blog Hora de Ler. Toda unha honra.
Pedir desculpas pola tardanza en corresponder con este fermoso agasallo pero decidimos agardar a estar en activo e poder elaborar, entre todas as profes que formamos o equipo, a escolma dos blogs aos que queriamos premiar á nosa vez. E aí vai o noso listado; doce blogs que loitan día a día polo fomento da lectura e cren no seu poder para transformar o mundo nun lugar mellor.
Folga dicir que o listado, como todos, é incompleto e imperfecto, pero tiñamos que elixir só doce... Esperamos que aínda que o verán xa vai fóra vos faga tanta ilusión como nola fixo a nós.
Adiantarvos que vimos cheas de ideas. A biblioteca renovada e reorganizada (niso andamos), a formación de usuarios a piques de comezar, o blog no que pretendemos incorporar novas seccións, e o prazo aberto para anotarse nos MQs ou no club de lectura, só faltaba dar o sinal de saída: preparad@s, list@s, xa!
Os pasados días 22 e 23 de xuño os/as compoñentes do club de lectura, os MQs e o equipo de biblioteca ao completo (incluído o noso predecesor e benquerido compañeiro José Luís) marchamos de excursión para facer unha ruta literaria por terras do noso poeta homenaxeado nas Letras Galegas deste ano, Lois Pereiro.
O obxectivo era gozar da paisaxe ao tempo que recitabamos poesía e compartíamos tempo de camiñata e lecer entre risos e palabras.
Saímos de Salceda despois de rematar as clases e comer apresuradamente uns bocatas. A primeira parada foi Monforte, onde só nos deu tempo a visitar o Castelo dos Condes de Lemos. Partimos logo para o Incio, máis concretamente cara a igrexa de Santa Cristina do Viso, onde está enterrado Lois Pereiro. Alí lle rendemos a nosa modesta homenaxe recitando os seus versos. E rápido rápido cara o camping "Canón do Sil" en Parada do Sil antes que se fixera noite e tiveramos que montar as tendas ás apalpadas, perdón... uhmm... si que houbo unha parada moi breve en Castro Caldelas, por aquilo de mercar bicas (boíiiisiiimas).
Chegamos ao camping e montamos as tendas, aínda que o noso traballo nos custou! E despois dunha estupenda cea marchamos durmir (os que durmimos, claro!).
Á mañanciña, ben mantidos, fixemos unha pequena ruta ata o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil onde recitamos esperando a chegada da guía que tiñamos contratada.
E, tachán tachán, chegou o momento estrela da excursión... Para a nosa sorpresa o dono do camping é piloto de helicóptero e nos agasallou cunha viaxe: 5 prazas no helicóptero para ver a vista de paxaro a magnífica paisaxe do canón. Os profes renunciamos a entrar no sorteo (sniffff) e os/as afortunados/as partiron entre as caras de ciumes dos demáis. Consolámonos lendo...
E, precisamente, a entrada de hoxe consiste niso: CRITICAR. Agora que xa rematamo-lo curso, é un bó momento de criticar a máis non poder. Pero, tranquil@s... Que non cunda o pánico! Hoxe non imos centrar a nosa crítica en vós, non. Imos elaborar unha crítica do filme de terror "Insidious".
O argumento é o seguinte: Josh, a súa muller Reani e os seus tres fillos múdanse a unha nova casa. Cando o seu fillo pequeno, Dalton, sofre un accidente e cae nun coma, comezan a suceder extranos fenómenos na súa nova casa e a familia decide pedir axuda a unha médium.
O director desta película é James Wan. Seguro que o nome nos vos soa de nada... Pero, e se vos digo que é o productor e director da película "Saw"? Agora seguro que sí, non? Pois ben, Wan quería facer unha película de terror ao estilo dos anos 80 (é unha película moi parecida a Poltergeist) na que non saise nin unha pizca de sangue. É así foi! Nada de sangue. Iso si, os bonecos diabólicos asidos da "Guerra das Galaxias" que non falten :)
A película comeza moi ben: Uns títulos de crédito moi logrados, una música que engancha... En fin, bastante ben. Nos primeiros minutos non sucede nada. A partires do minuto 20, cando Dalton cae nun coma, comezan a suceder cousas estranas. Estranas e moi prededibles: os típicos pasos que veñen da porta, os ruidiños e golpes na cama do hermano menor, ou sexa o típico. Aquí a peli xa vai perdendo algo de forza. O seu problema principal e que non innova, estáncase nos efectos dos anos 80, non evoluciona. A medida que " a película más terrorífica dos últimos anos" (según o trailer) avanza, os estranos ruidos mistúranse con presenzas que veñen do outro mundo (do outro mundo ou da película que botaron na galega fai uns días). Estas "terroríficas" presenzas (drácula, o diaño... moi innovador, si señor!) causan máis gracia que medo. Por citar algo: cando o diaño estase a pintar as unllas no inferno... Por favor! Máis "ridículo" imposible. Esta é a primeira parte do filme: como vedes, o típico das películas de medo. O atípico ben na segunda parte. Se a primeira parte resulta algo inquedante (polas subidas de volume, a dichosa musiquiña....) a segunda parte é demasiado cómica.
Como vos dicía ó comezo, debido a tódo-los fenómenos extranos que suceden na casa, Josh e a súa muller (ela si que fai un papelón na película) deciden porse en contacto cunha médium. A médium ven acompañada de dous parapsicólogos. Más "lerdos" e non nacen: que se non saben como funciona a cámara de fotos, que se quen é mellor parapsicólogo.... Pois esa é a segunda parte: un paréntese que non conduce a nada (bueno, conduce a quedarse durmido na butaca do cine) e que non ten absolutamente nada que ver có principio. Na miña opinión, non poder que o espectador adocte tres posturas diferentes durante a película: ou é de medo ou cómica, pero por favor, non mistures ambas cousas ou só sonseguirás confundir o espectador.
Como vedes pouco a pouco a película vai aborrecende, resultando máis predecible e caendo nas redes de moitos intentos de "películas de terror" (Paranormal Activity, por exemplo).
Retomando a miña crítica: ao final, a médium coa "axuda" dos dous "parapsicólogos" ( a axuda das comiñas é inevitable) descarta que a casa estexa embruxada e dí que é Dalton, o seu fillo, que está embruxado. Aquí a película da un xiro de 360º.
A terceira parte (que non a vou contar, posto que é o final) é, no meu punto de vista, a mellor con diferenza. O final é moi confuso e eu tiven que volver a ver a película na rede, para aclarar como acaba.
Resumindo: unha película que comeza ben pero vaise desinflando pouco a pouco, a pesares do seu inesperado final. Queredes saber por que o califico como inesperado? Ide a ver "Insidious" xa que, polo menos, pasaredes o tempo, aínda que a película é como as 10000 películas de medo que se fixeron neste mundo.
E xa para remata-la miña crítica, podedes botar un vistazo o tráiler (que, por certo, agocha unha sorpresiña) ... Pasade un bó verán!