Mostrando entradas con la etiqueta club de lectura profes. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta club de lectura profes. Mostrar todas las entradas

4/11/14

BEGOÑA CAAMAÑO, IN MEMORIAM

Non queremos deixar de adicarlle a nosa lembranza e agarimo á escritora galega Begoña Caamaño, a quen tivemos a sorte de coñecer de perto e de compartir con ela, en febreiro de 2012, unha sesión do "Club de Lectura de Profes", na que lle dimos sentido á lectura de "Circe ou o pracer do azul".



Prendidos da elegancia e riqueza da súa escrita e da forza do seu contido, a súa presenza naquel xantar e na conversa connosco foi entrañable, sensible, fonda, amable e xenerosa.

O seus libros estarán expostos e destacados na nosa biblioteca este novembro, en relación as actividades que faremos sobre os "Bos Tratos" nas relacións, e como magnífico exemplo do que partir para repensar o amor, para unha necesaria educación emocional e sentimental.


   "Lectura profunda sobre o concepto do amor e das relacións amorosas, que se entenden en xeral como exclusivas, privativas, posesivas, como orde social, como estatus, egoístas, na busca de protección ás máis das veces; e sobre todo con ese equívoco, que tanto se dá en mulleres como en homes, de sacrificar a liberdade e supeditar a felicidade a un ideal de persoa na que centrar a vida e de quen se fai depender a felicidade, sen pararse a pensar que a felicidade de cada un depende só de un mesmo, ninguén alleo a nós pode resolvela, outra cousa é saberse acompañar ou sentirse ben acompañado polo paseo da vida. Por iso o máis significativo da historia para min é a mensaxe que encerra o título: ese acadar “o pracer do azul”, que é nin máis nin menos que disfrutar a vida por un mesmo, sen sentir  dependencia, ausencias ou angustia, sen esa postura vital errada de disfrutar do horizonte só a través dos ollos do namorado. Esa sensación da vida plena e propia, sobre todo nunha muller, é a máxima ambición, a liberdade real, nada fácil, xa que todos somos sensibles ante o querer, pero sempre que sexan amores que liberen, non que aten. Así entendo a liberación de Penélope.
    Circe é un ser libre, xeneroso, rebelde, que sabe vivir o seu namoramento, pero tamén deixalo ir, e compartilo sen posesión, mais ao seu namorado lle esixe paixón e liberdade. Arrisca sempre coa verdade, tan denostada hoxendía, pero espera unha esposa celosa nas cartas e se sorprende ata descubrir a infelicidade de Penélope. É curioso como o coñecemento dunha persoa varía dunha relación a outra: unha muller mostra un Ulises ególatra e fachendoso, nada tenro; e outra un amante e compañeiro magnífico. O caso é que así se mostra con unha e con outra; dúas caras diferentes da mesma persoa: frío  antes, apaixonado agora por mor do amor verdadeiro.
     A conexión  que podemos establecer dende estes prototipos e dende o xogo da recreación dos personaxes femininos, ata a sociedade actual, pasa por querer facer un exercicio de desposesión e de protagonismo das  dúas mulleres, para entender as súas actitudes fronte ao heroe principal, en función de quen están orixinariamente, para actualizar o mito e deixalo descarnado, humanamente descarnado, como o home actual, que en gran medida pareceu perder o seu papel, tentando adaptarse a un novo xogo de relacións onde aparecen ingredientes novos xunto a outros tan vellos como manter o matrimonio a base da infidelidade, para manter un estatus, un xogo hipócrita aceptado e enmascarado socialmente dentro do políticamente correcto. Non depende pois tanto de crenzas, de moral, de relixión, de idearios políticos, como da posición económica e social acadada. Por iso aínda se mantén o “amor “ao estilo burgués en gran medida", (P.F.B.)



















Deixamos o enlace á antiga entrada daquela reunión, onde constan os comentarios de varias compañeiras e compañeiros.

Con total respecto -e xa que se fixeron públicas- queremos compartir as palabras que falan da vida e da morte, que a propia autora escribiu como despedida á súa amiga Uxía Senlle: estremecidas e calmas, tristes e ledas, fondas e sinxelas, tan lenes como intensas, claras como a vida cando é sabia, comprometidas, tenras, sensibeis... Non podemos menos que amala dende lonxe...

http://www.sermosgaliza.gal/articulo/cultura/carta-despedida-begona-caamano/20141030072031031851.html

Acreditamos que tiña luz a súa persoa e que a ten a súa obra, 
que queda entre nós.

10/2/12

Begoña Caamaño pon o anel de Palova

 Onte o club de lectura de profes "O anel de Palova" vestiuse de gala coa visita de Begoña Caamaño, autora de "Circe ou o pracer do azul". A escolla do libro xurdiu por unha das recomendacións do Marzo en feminino do curso pasado.

O pracer foi, realmente, dos asistentes, que gozamos coa simpatía e proximidade de Begoña. Escoitáronse moitas e diferentes versións da obra. Xurdiron reflexións sobre os afectos, as relacións, os mitos, a súa actualidade... Aprendemos que un libro mellora cando o compartes. Moitas grazas, Begoña, foi un pracer de todas as cores!

5/12/11

1ª Reunión do club de lectura "O Anel de Palova"


Quen pense que é fácil poñer data para reunir aos vinte profes que formamos parte do club de lectura equivócase. Tras un cruce intensivo de mensaxes para acordar data, horario, lugar, menú (as xuntanzas pretenden ser gastronómico-literarias) e posibles actividades complementarias, finalmente nos reunimos o martes 29 no restaurante do Museo do Mar en Vigo, ben cerquiña do mar. Por suposto, no menú non faltaron os mexillóns.

4/11/11

Club de lectura de profes: "O anel de Palova"

Viñamos rumiando a creación dun club de lectura para profes desde hai tempo, concretamente despois da lectura en cadea e o fructífero intercambio de opinións ao que nos levou "Nada" o curso pasado. De feito, penso que vén existindo xa pero dun xeito caótico e pouco ortodoxo :). Así que este curso puxémonos serias e decidimos fundar o club de lectura "O anel de Palova".

O nome ten múltiples significados; anel en sentido figurado polo que ten de círculo, de unión e nexo e tamén en sentido literal... e Palova na honra a unha compañeira (non é rusa aínda que poda parecelo) que se trasladou este curso e coa que pensamos seguir mantendo contacto, a lo menos mediante este club.

Como primeiros títulos seleccionamos "Mexillóns para cear" de Birgit Vanderbeke na Editorial Rinoceronte e "Circe ou o pracer do azul" de Begoña Caamaño e editado en Galaxia, ambos recomendacións feitas no Papel de MULLER de Papel por Gemma Lienas e Begoña Caamaño, respectivamente.