28/5/16

PERSOAS-ANUNCIO. ACTIVIDADES DE FIN DE MAIO: TAMÉN LEN E RECITAL DE MANUEL MARÍA.




Como vedes, saímos ao recreo o venres pasado para anunciar as actividades que temos programadas para esta semana, grazas ás PERSOAS-ANUNCIO que achegaron a información dun xeito divertido e eficaz.

Así pois, todas as persoas interesadas estades invitadas a vir á Biblioteca no recreo: 

-o martes 31 para participar no Tamén Len con dous antigos alumnos invitados, 
-e o mércores 1 de xuño para disfrutar, nas voces dos Siareiros da Palabra, do Recital de poesía de Manuel María, escritor a quen se lle adica este ano o "Día das Letras Galegas", ademais de preparar varios cantos moi populares baseados nos seus poemas.

CONTAMOS CONTIGO!!

7/5/16

AUDIOVISUAL: "A NOSA HISTORIA EN 2 MINUTOS"


Estamos traballando este documento dende as aulas de Ética de 4º, de Valores Éticos de 3º, de Cidadanía de 2º e ASL de 4º PDC. Como houbo alumnado que pediu telo a man, decidimos colgalo no blog.

O meu obxectivo é servirnos dun documento, neste caso un audiovisual, que relata a "historia do mundo en 2 minutos", para dar unhas pautas básicas de comprensión, análise e comentario que servan para achegarse á información e recoñecer que tipo de documento é, se é unha fonte fiable; que conta? como o conta? quen o conta? para que? por que o conta?; tentar discernir o punto de vista, se é obxectivo ou subxectivo, dende onde se constrúe esta historia en rápidos flashes de imaxes; se estamos ante un traballo científico ou de difusión viral, etc. En definitiva, aprender a ser crítico e reflexivo ante a información e ante a nosa historia, ante o que nos mostra e como o mostra...
A verdade é que o procedemento resultou positivo e atractivo e estamos a sacarlle moito xugo aos comentarios.

5/5/16

RECITANDO VARIAS PASAXES DE "EL QUIJOTE"

Como vos contamos anteriormente, deixamos aquí os vídeos do recitado de memoria e dramatizado, que fixeron con total arte os profesores de Lengua Española, Sonia e José Luis; este último, asiduo invitado noso e colaborador en varias actividades programadas dende a nosa Biblioteca Calixtina, a ámbolos dous queremos agradecerlles de verdade a súa participación neste recreo especial do martes pasado, cando fixemos o Maratón de Lectura. Foi un pracer escoitalos.

Sonia elixiu contarnos a magnífica descrición que o Quijote fai da súa amada Dulcinea. José Luis decidiuse polo famoso episodio da aventura cos muíños de vento que libraron Don Quijote e Sancho Panza...

                                   



VARIAS ACTIVIDADES AO REDOR DE "DON QUIJOTE"

Esta semana foi a que adicamos no IES Pedras Rubias a realizar unha serie de actividades ao redor de "Don Quijote".
Comezamos o luns ben forte: 

-Conversamos sobre este personaxe e o mundo que o rodea, entre os Siareiros da Palabra na sesión do Club de Lectura a mediodía, lendo o principio da obra de Cervantes, para despois comparala coa Banda Deseñada titulada "Don Quijote" debuxada por Flix, autor alemán de cómics que decidiu adaptar libremente o gran clásico e transportalo á chaira alemana na época actual, encarnados, Quijote e Sancho, nun "abuelete" con demencia senil ou alzheimer que protesta e se manifesta polo que considera inxusto a través de cartas que manda á prensa local, "desfacendo entuertos" xunto ao seu neto que, vestido de Batman, fantasea influído polos superheroes do cómic, nunha relación de tenrura e de denuncia da soidade e de problemáticas actuais. Tamén aproveitamos para escoitar de fondo á Banda de música Cultural de Salceda de Caselas interpretando "O Quixote", fantasía sinfónica para narrador e banda de Ferrer Ferrán

-Preparamos o bosquexo das figuras de "Quijote e Sancho" sobre un cartón a tamaño natural, para despois baleirar un óvalo nas súas faces e poder así meternos na súa pel recitando variadas pasaxes do texto de Cervantes, ademais, claro está, de querer todxs facernos a típica foto coa nosa cara metida nas súas figuras. Grazas unha vez máis ao profe Nacho, que é un artista e aos seus colaboradores.


-Seguimos o martes 3 de maio, co Maratón de Lectura adicado á lectura do "Ingenioso Hidalgo Don Quijote de la Mancha", que se realizou ao longo de toda a mañá, participando alumas/os, profes, conserxe, administrativo, etc, coma sempre, ademais de contar coa presenza de José Luis, o noso asiduo invitado, mestre xubilado, que se brindou a facer un recitado de memoria dramatizado da aventura de Don Quijote cos muíños de vento, e a profe Sonia que tamén recitou a pasaxe da descrición de Dulcinea, dun xeito moi, moi  expresivo. Estamos agradecidas da súa amable participación que resultou sumamente atractiva para o público reunido no recreo na Biblioteca. Os seus vídeos estarán colgados no seguinte post, recomendamos velos e disfrutar deles.




-E aínda nos queda disfrutar das figuras debuxadas en cartón de "Quijote e Sancho", que utilizaremos no corredor e nas aulas, e que, como vemos nas fotos, estiveron como decorado de fondo no Maratón na BE.